Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Mirar para alén

09:45 23/06/2009

O Congreso da Confederación Intersindical Galega
Con sesenta mil afiliados, a central sindical galega que rebentou nos anos sesenta a partir de un pequeno grupo de traballadores loitaba polos direitos sociais e a liberdade política, está ben presente na sociedade. Segunda entre as organizacións sindicais de Galiza, a un paso da primeira, sen ela as cousas serían mui diferentes. Lidera as reinvindicacións operarias e encabeza a representación dos traballadores nos servizos públicos. Acaba de celebrar o seu Congreso. A CIG constitui unha proba da fortaleza política potencial do nacionalismo galego. Desde o último Congreso o sindicato incrementou muito o número dos seus afiliados. Os dirixentes non teñen medo a abrir as portas da organización. 

Non teñen quen lles escreba
Os nosos gandeiros sairon a rúa para exixir un trato xusto para o seu traballo. Enfréntanse  á incuria dos poderes públicos españois e galegos e aos oligopolios da distribución comercial. Eran ben máis que os que se manifestaban en Bruxelas perante o Consello Europeu. Tiñan efectiva e simbolicamente os mesmos tractores, mais a diferenza dos da capital europea, no teñen quen lles escreba. De seguir todo así van ser os franceses e os alemáns os que tomén as decisións necesarias sobre as reivindicacións dos campesiños galegos. Identificándose como un Estado mediterráneo e como o país do aceite, tal como ignora de facto os 1500 quilómetros da costa galega, tantos por sí mesmos como os da costa mediterránea da Península, o Estado español considera a produción leiteira como unha anomalía. Un Estado estraño, cando o sector leiteiro é enormemente máis importante que o do aceite.

Mozos galegos no mundo

Xabier Cid, Patricia Conde, Daniel Esperante,  Teresa Fonseca, Abraham Gallas,  Manuel Gallas, Marcos Mariño, Diego Martínez, Cibrán Santamarina,  nove xovens científicos que, formados nas universidades galegas e traballando en instituicións internacionais, como o CERN da investigación nuclear, viven co galego como primeira lingua e dominan outras como o inglés ou o francés, rebélanse contra o provincianismo alienante de profesores de colexios privados que, ignorando o máis elemental, dicen que o galego non serve para tratar de física e de química. Os Galegos Morrinhentos, encabezados desde Londres por Inma Gil e Xesús Magariños, apañaron dúzeas e dúzeas de relatos de rapaces e raparigas que traballan fora, afirmando que “o galego lles facilitou a aprendizaxe doutros idiomas, fíxolles máis sinxela a comprensión oral e escrita doutras línguas, facilitoulles a comunicación con cidadáns de Portugal e Brasil (entre outras nacións posibles, que xuntas suman unha poboación de arredor de 200 millóns de persoas), dándolle mesmo unha vantaxe frente a outros traballadores, xa que a nivel internacional o coñecemento de idiomas sempre é un bonus”. Leo estes días na imprensa: Sandra Ladra, profesora axudante de computación, mellor estudante do Estado español de Bacharelato,  Rebeca Atencia, que dirixe o santuario de chimpancés na República Democrática do Congo, Olga Alba Fernández cooperante en Gambia. Bernal Vilela cooperante en Moçambique.Tanta xente valiosa temos aquí e polo mundo. 

O financiamento da autonomía
Está ben procurar unha mellora do financiamento da autonomía dentro do sistema en vigor. O que resulta fondamente errado é esquecer ou ocultar que Galiza non terá un bó financiamento do autogoverno entanto que non se cuestione radicalmente o sistema fiscal do Estado español, que lle outorga a Madrid todo o poder financeiro. Tal como se levan as negociacións parece que o Parlamento de Galiza pide un tratamento compasivo, unha esmola, baseado na dispersión e o avellentamento da nosa povoación, cando o que se debe exixir é un poder fiscal que garanta un autogoverno nacional. Con unha renda por habitante próxima ao 90% da media da Unión Europea, e con un Orzamento autonómico que se corresponde apenas co 22% do PIB galego, o que Galiza necesita é soberanía fiscal; que os nosos impostos se arrecaden aquí, achegando logo o preciso para as instituicións estatais ou supranacionais na que estivermos integrados.

El Prat e os aeroportos galegos
Depois dos títulos do Barça, co novo aeroporto do Prat Cataluña bateu con forza no dominio real e simbólico de Madrid como un pretendido poder necesario. Entretanto, os que mandan ou que queren mandar en Galiza non se atreven a potenciar o aeroporto de Santiago como central e internacional. Mágoa!. Do centro de Barcelona ao Prat non se tarda máis que do centro da Coruña ou Vigo á Lavacolla.

Van por mal camiño
A asasinato de Eduardo Puelles por ETA está sendo aproveitado para atacar a Juán José Ibarretxe, que vive na súa casa de Llodio sen intervir no mundo político. Para exaltar a acción do presente lehendakari, nun xornal de Madrid dedica toda unha crónica a Ibarretxe, como se este fora complacente coa organización terrorista. Con tal desinformación pretenden ocultar que só o 10% dos vascos –di a sondaxe poseleitoral do CIS- consideran a alianza PSOE-PP como a mellor solución para governar no País Vasco. Van por mal camiño.

A feira de Cee
A sondaxe feita polo CIS depois das eleicións europeas indica que 51% dos galegos teñen a lingua do país como a que os identifica, entanto que 24,2% se identifican con galego e castelán, e con esta última 29,2%. 22,5% síntense máis galegos que españois ou só galegos, entanto que só 7,1% se consideran máis españois que galegos ou só españois. 68, 9% séntense tan galegos como españois. Defínense como nacionalistas 23,8%. Tendo en conta que se non se dispón de autogoverno nacional é dificilmente resistíbel a dominancia material, cultural e ideolóxica do Estado -aquí como en calquer outro Estado-, as cifras indican que o sentir  dos galegos como tais resiste. Este domingo estiven na feira e na área comercial e de recreo da praza do recheo de Cee. Alí, centos ou miles de persoas, desde Carnota a Fisterra e Muxía, nenos e maiores comunicábanse no galego dos seus avós. É así en muitos outros sitios. Non constituen estas realidades un fundamento para unha política máis avanzada, ambiciosa e amplamente democrática do nacionalismo galego?.

Lula em Genevra

Depois de estar en Rússia na reunião do Grupo BRIC -Brasil, Rússia, India e China- o Presidente Lula da Silva esteve em Genevra, com a Organização Internacional do Trabalho (OIT). Contou-me Jeanne Pereira, a representante do Partido dos Trabalhadores na Galiza, que Lula falou primeiro como Presidente e que acabado esse discurso anunciou que ia falar como sindicalista. Ao rematar recebeu uma ovação estrondosa. Tão grande que, impressionado, o seguinte orador, o Presidente da França Nicolas Sarkozy seica fez um discurso muito de esquerdas.

4,33/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións