Perante as eleccións locais do próximo 27 de Maio, a coordinadora galega das ONGDs presentou un escrito nas cidades máis importantes de Galicia para reclamar un maior compromiso local coas políticas de cooperación internacional ao desenvolvemento. Pola súa banda, o Fondo Galego tamén aprobou unha Declaración Institucional ao respecto, que viu a complementar diversas xestións para que os partidos políticos con implantación actual no municipalismo incluísen esta materia nos seus programas marco. Pero, ¿que esperanza fundada hai de que se produza un cambio cualitativo nesta materia?
Nos últimos catro anos aumentou a extensión do compromiso solidario no eido local. Aumentou de forma significativa en termos de entidades asociadas a estas políticas, pero tamén significativamente pouco no que respecta ao compromiso económico. O número de concellos que hoxe están vinculados coas políticas de solidariedade internacional practicamente é o dobre do existente en 2003. Iso foi consecuencia dun arduo e paciente traballo desenvolvido por algunhas ONGDs e, sobre todo, polo Fondo Galego, que hoxe agrupa a entidades que representan a un 70% da poboación do país.
O certo é que ninguén se opón a incluír este asunto na axenda pública. Esa mudanza é froito do cambio de actitude social cara a cooperación. Xa non é algo que haxa que disimular porque a poboación “non entende”, senón que se converteu nun sinal de identidade positiva en calquera xestión municipal.
Pragmatismo
As formas de abordar a cooperación internacional dende o mundo local poden ser moitas e non excluíntes entre si. Alguén pode pensar que o mellor é centrarse nas cidades e pasar de todo o demais, é dicir, dos máis de trescentos concellos restantes, porque, en suma, xa que falamos de diñeiro –se só importa iso-, o que poden aportar é pouca cousa. Esa concepción “economicista” da cooperación é sesgada e elude a importancia de fomentar a participación e o compromiso social e a propia idea da cooperación entre nós mesmos, da que tan necesitados estamos en Galicia, tanto nesta como en moitas outras materias. Outra opción pode ser a de diferenciar as cidades, por unha banda, e o resto por outra, que sería agrupado polo Fondo, como entidade aglutinadora. Ese discurso, adobado de conceptos como eficacia, pragmatismo, etc., etc., pode acabar impoñendo unha dinámica excluinte e expresa unha renuncia a que as cidades lideren un proceso que arrastre ás vilas medias e pequenas interesadas na cooperación. Por outra banda, pasa por alto que mesmo no económico, as cantidades aportadas non dan para vertebrar unha cooperación minimamente rigorosa.
Nunha sociedade como a galega, tan fragmentada en todos os sentidos, é de especial importancia consolidar os espazos de entendemento e aglutinación para crear non soamente cultura solidaria, senón tamén cultura democrática. A cooperación non é soamente un instrumento para transformar a realidade dos países do Sur (no plano material ou político) senón para asentar entre nós pautas participativas e críticas, das que ninguén, loxicamente, debería estar discriminado, vívase nunha das nosas xigantescas cidades ou nas nosas aldeas de reminiscencias tribais. Seguimos precisando instrumentos que proporcionen cohesión.
A cooperación galega está a dar un salto. Os concellos deben acompañalo e non quedarse atrás. Poden facer máis, moitísimo máis. O problema para moitos é como “capitalizalo” ou, como din outros, como “vendelo” se os recursos se transfiren a un fondo común. Deixando de lado que o que máis debería preocupar a todos é a eficacia na loita contra a pobreza, é evidente que no espazo local debe privilexiarse a sensibilización, mentres que para a execución de proxectos cómpre priorizar marcos de cooperación máis amplos, que garantan un acompañamento adecuado de todo o proceso, incluíndo a avaliación do impacto.
Retos
A cooperación no eido local ten que abordar nos próximos anos e de xeito simultáneo varios retos. Consolidarse como actor, aumentando os recursos propios e multiplicando a súa oferta sensibilizadora e a capacidade de xestión de proxectos. En segundo lugar, a consolidación dun modelo propio baseado nas súas capacidades específicas e singulares e na potenciación do codesenvolvemento como complemento das respostas á presenza inmigratoria.
Iso esixe dous reclamos importantes. En primeiro lugar, que os partidos políticos inclúan este tema na súa axenda e limen diferenzas ao respecto. Iso significa que a cooperación debe emerxer como responsabilidade no organigrama municipal e que debe mudar esa percepción que equipara cooperación ao desenvolvemento con prolongación internacional da acción social local ou que contrapón cooperación e axudas aos colectivos de galegos emigrados. A cooperación non é asistencialismo. A cooperación é acción exterior local. E iso lévanos, en segundo lugar, a reiterar unha demanda hai tempo formulada á FEGAMP: a necesidade de que inclúa no seu organigrama unha comisión de acción exterior e cooperación que, sen prexuízo da potenciación do Fondo Galego como axencia municipal para a cooperación internacional, aborde un enfoque integral de todas as políticas relacionadas coa presenza internacional do poder local galego.
A asunción efectiva das políticas de cooperación no eido local dependen aínda hoxe das sensibilidades persoais. Dez anos despois da constitución do Fondo Galego é tempo de obxectivar. Lamentablemente, ata o momento, os partidos políticos e os seus respectivos candidatos apenas se teñen pronunciado sobre este asunto.
Xulio Ríos é director do IGADI e do Observatorio da Política Chinesa. Recentemente publicou Mercado y control político en China (La Catarata, 2007). Entre outras obras publicou La política exterior de China (Bellaterra, Barcelona 2005) e tamén Taiwán, el problema de China (La Catarata, 2006). Asesor de Casa Asia, reside en Pequín. »