A imposición do controvertido Plano de Acuicultura de Galiza como Plano de Goberno por parte do bipartito, muda en Corrubedo nun proxecto tripartito grazas ao apoio indirecto, pero moi efectivo, do Partido Popular á destrución da Laxe Brava.
Un non deixa de abraiarse coa capacidade dos políticos que nos malgobernan para sorprendernos a cotío co esperpento institucional máis indecoroso. O Plano Acuícola, ese que vai levar por diante 2,8 millóns de metros cadrados de virxindade na costa exterior galega, resume coma ningún outro os xeitos de proceder cos que a clase política –nin ten clase nin exerce a política, senón un gorentoso xogo de poder– do país noso, despreza día a día a soberanía cidadá. Sen miramentos. Deste xeito, o sistema que rexe os destinos do público nin é democrático, pois o pobo non goberna nada, senón que é obrigado cada catro anos a escoller quen lle vai mandar; nin é representativo, pois eses profesionais que cobran copiosas nóminas soportadas cos cartos da cidadanía tampouco representan aos do común, senón aos seus partidos e marcas electorais.
O proxecto máis contestado e rexeitado do “goberno do cambio”, xa o dixen, foi parido por Fraga e dado de mamar por Touriño. Quintana apuntouse a última hora para sosterlle o teto ao presidente, pois de tal quefacer depende se cadra ese nocivo trocar de cromos –dáme dependencia, toma rodaballos; dáme muíños de vento, toma portos deportivos…– que as dúas partes do bigoberno practican para deixar facer ao outro sen importarlles as consecuencias. Sen importarlles o país.
O último capítulo –que non derradeiro– viviuse o luns pasado (27/10/2008) no pleno municipal de Ribeira, concello que xestiona interesadamente –a marca Corrubedo vende moito–, e de xeito manifestamente tenebroso a vida e milagres da egrexia parroquia de Corrubedo, obxectivo inmorredoiro da cobiza industrial e urbanística por mor do seu lugar de privilexio no medio natural galego. Mágoa que non esteamos destruídos xa, para non ter que ver como nos destrúen!
Debatíase unha proposta do BNG local para iniciar os trámites de declaración do cabo Corrubedo como Espazo Natural de Interese Local, figura que prevé –polo visto até hoxe só no papel– a Lei de Conservación galega (9/2001). A fórmula era acaída, xaora que o decreto que regula a dita figura de protección (124/2005) dispón que a posta en marcha dun plano de conservación para ese espazo –sempre por iniciativa municipal– paralizaría de súpeto calquera plano sectorial ou urbanístico na costa virxe do cabo ao que cantou Bouza Brey.
Resultado da votación: PSdG e BNG a favor da protección. PP en contra
O esperpento, froito se cadra dunha esquizofrenia política que se espalla coma un andazo de difícil cura pola terra nosa, polo mundo noso, vén dado polo feito de que os que promoven e impoñen o plano de fábricas de peixe artificial dende a Xunta (PSdG e BNG), din estar en contra a nivel local; e os que se opoñen á desfeita da Laxe Brava no Hórreo (PP), favorécena no Concello. Admítense gargalladas.
Entre o rosario de despropósitos que rodea a teimosa imposición deste destrutivo plano sectorial –oposición cidadá case unánime, informes en contra de varios departamentos da propia Xunta, laídos dende a comunidade científica, trocos nos proxectos de conservación do malgoberno para deixar sitio ás fábricas, etc.– lembremos, por exemplo, que o binomio PSdG-BNG votou no Parlamento contra dunha proposta do PP para excluír a Laxe Brava do plano sectorial, polo que o posicionamento do BNG local, malia que poida ser franco, en ningún caso se pode separar do feito de que a organización –partido xa– que o lexitima é un dos causantes da existencia deste vergoñento macroproxecto de corte neoliberal. Os galegos sómosche así, cando o mundo está a cuestionar a validez deste sistema ultracapitalista que esgana a humanidade, vamos nós e o potenciamos dende “a esquerda”. Cousas veredes!
Tampouco podemos esquecer, que malia que o PP de Ribeira disque pretende presentar un contencioso administrativo contra a instalación da megafábrica de peixes de Corrubedo, todos sabemos, e despois do pleno máis aínda, que a fórmula é pura fachada. O contencioso, se é que ao final é presentado, vai custar unha boa chea de cartos públicos, vai estenderse no tempo e mentres se clarifique neses labirintos xudiciais de dubidosa independencia, non garante a paralización cautelar do inminente estrago do cabo da vida. Da vida do cabo. É máis, aínda que as posibilidades de gañalo son ben miúdas, de conseguilo sería de seguro –os tempos na xustiza sonvos así– despois de que a Laxe Brava sexa acernada e sepultada con formigón transnacional. E institucional. Teríamos xa que logo que soportar unha indemnización millonaria da Xunta, pero sen Laxe Brava xa que salvar.
A conclusión que a tire cadaquén. A nosa, por se interesa, fala de desvergoña política, de demencia ideolóxica e mais de descaro e prepotencia institucionais. Non cabe outra cousa que pensar que aos políticos galegos, a terra e a xente que a vive impórtanlles un carallo, por falarmos na nídia lingua dos que non viven do señorial exercicio do poder nesta Galicia Bilingüe. Mergullados nas súas leas dialécticas, coa ollada sempre posta única e exclusivamente nas estratexias para conservar ou acceder a ese poder, todos e cada un dos partidos galegos están contribuíndo á destrución do cabo verde. Por acción, ou por omisión.
Dende Corrubedo non aceptamos ese cínico discurso que, amparado en supostos movementos de cara á galería dos outros, esquécese de que o realmente importante está aí, vivindo os seus últimos –estes si derradeiros– intres de gloria natural fronte o océano que nos fixo como pobo. O rodaballo quente de Corrubedo vai así pasando de man en man, para ver quen pode levar as culpas ou resultar menos afectado o día en que a cidadanía, privada de soberanía e burlada unha vez máis, acuda guiadiña ás caixas de cristal para, entre outras cousas inútiles, avalar o esperpento. Pero que cara teñen todos!
Biólogo, escritor e produtor editorial. Militante altermundista. Colabora co xornal Galicia Hoxe en temas altermundistas e medioambientais. Director do suplemento horizontal mensual Altermundo, tamén en Galicia Hoxe. Tamén é responsábel de altermundo.org e colaborador do Igadi. »