Edición xestionada por Nova Escola Galega

Nº 16 Xuño 2007
Contacto

Bitácoras, blogs, weblogs

Unha bitácora, weblog ou blog é unha páxina web cun formato de presentación especial no que aparecen anotacións persoais ordenadas cronoloxicamente.


 

Unha bitácora, weblog ou blog é unha páxina web cun deseño específico na que o escritor de bitácoras ou blogger pode publicar o que chaman anotacións ou posts. Unha das características destas páxinas web é que a última anotación feita polo blogueiro é a primeira que aparece cando se visita a páxina. As anotacións escríbense mediante un esquema de deseño o que fai que calquera persoa sen coñecementos de informática poida ter a súa bitácora.

O blogueiro adoita ordenar as anotacións por categorías temáticas e ademais de texto pode incluír imaxes e nalgúns casos tamén audio, vídeos, etc. Ademais nos blogs acostuman a aparecer ligazóns a outras bitácoras que lle gustan o blogger e que poden tratar temas similares: é o blogroll ou colección de favoritos do blogger. Outra característica interesante é que os lectores poden deixar comentarios por baixo de cada artigo, enriquecendo o blog.

As que mais abundan son as bitácoras feitas a modo de diario persoal. Outra posibilidade son os blogs colectivos, escritos por varias persoas. As temáticas das bitácoras son moi variadas e van dende temas relacionados co periodismo, a tecnoloxía, a política, a arte e a cultura, a actualidade, a ciencia, a educación, deportes, humor ou ao propio mundo das bitácoras, ou como adoita chamárselle: a blogosfera. En Galiza, os bloggers deron en chamarlle blogomillo ao conxunto de blogs escritos en galego.

As bitácoras poden ser un recurso moi útil en educación tanto para os profesores como para os estudantes. Na actualidade xa hai moitos blogs educativos e na comunidade educativa fálase dun novo xénero coñecido como Edublog.

 

Unha das cousas máis interesantes das bitácoras é a facilidade para poñelas en marcha e actualizalas. Aínda que non saibas case nada de informática, de xeito moi doado podes ter a túa propia páxina web.

A comezos de 2007 xa había en internet máis de 60 millóns de blogs. Cavílase que cada día créanse arredor de cen milleiros de novas bitácoras. Con todo, moitas delas apenas seguen actualizándose tres meses despois de nacer.

A participación é unha característica importante dos blogs. Así, ademais de atopar información, os internautas poden debater sobre os asuntos que se tratan nas bitácoras. Malia iso, debido aos polémicos debates que se inician ás veces, hai bloggers que deciden en ocasións que os seus artigos non poidan comentarse.


 

...a idea de blogs xa é tan vella como a mesma internet e que Tim Berners Lee (un dos creadores da rede de redes), tiña unha páxina web na que incluía as novas páxinas que se creaban e engadía un comentario sobre elas. Así e todo, non foi até hai un par de anos cando creou unha bitácora propiamente dita.

...cada día créanse arredor de 75.000 novas bitácoras, aínda que a maioría deixan de actualizarse ao cabo de poucas semanas. Para remexer na bloguesfera, o motor de busca de blogs máis coñecido é Technorati.

...din que xa hai máis de 60 millóns de blogs na rede e cando menos tres milleiros foron creados por internautas galegos.

...un blogger exipcio foi condenado a catro anos de cárcere por facer comentarios críticos na súa bitácora sobre o islam e sobre o presidente do país. Non é o único que sufriu a represión dun goberno. Colectivos como Amnistía Internacional denuncian a censura que sofren internautas en moitos países e as cancelas para a libre publicación de ideas nas bitácoras.


 

- Os principais puntos de encontro para bloggers galegos son Blogaliza; Blogalego e a Blogoteca.

- Fornecen de ferramentas en galego para a creación das bitácoras Blogaliza; a Blogoteca e Nireblog.

- O blogueiro Lantania creou un Mapa de Blogs Galegos.

- Músicos, escritores, políticos... coñecidos persoeiros da vida pública dan o paso de ofrecer as súas reflexións en blogs, por exemplo: o escritor Fran Alonso; o editor Manuel Bragado; o pianista Abe Rábade, o historiador Marcos Valcárcel ou o xornalista Xosé Manuel Pereiro.

- Vencellada a Blogoteca xurdiu agora a Fotoblogoteca.

- En 2006 o Observatorio para a Cibersociedade realizou o primeiro estudo sobre o perfil do blogueiro galego.

 

QUEN É O AUTOR DESTE TRABALLO

Patricia Digón Regueiro, 2007
Profesora da Facultade de C.C da Educación na Universidade da Coruña