Volver a vieiros

O galego no espello

fotos videos
Xunta de Galicia. Secretaria Xeral de Política Lingüística

Imaxes para unha lingua con futuro

Por cuarto ano consecutivo apelamos á vosa colaboración neste maio de Letras. Só necesitades unha cámara fotográfica e grandes doses de imaxinación e creatividade.

Neste 2009 o reto que vos propoñemos apela ao espírito co que convocamos aquela primeira iniciativa bautizada "O galego no espello". Definir a lingua a través dunha proposta gráfica. Que significa a lingua para ti? Como animar a usala? Como construírmos unha lingua con futuro? Tés cancha libre para crear ao teu xeito. Aforra palabras e fálanos en imaxes. Agardamos as vosas fotografías. Valoraremos especialmente aquelas obtidas directamente, pero tamén se aceptan as tratadas posteriormente que, con todo, teñan como base unha imaxe fotográfica. Xa que logo, quedan excluídos deseños e ilustracións. Por outro lado, unha vez máis, abrimos tamén unha sección especial destinada aos vídeos que, con esa mesma inspiración, queirades enviarnos.

O prazo para enviardes os vosos traballos fica aberto desde este mesmo 12 de maio e até o próximo 10 de xullo.

Fotos

Un par de recomendacións. Buscamos a orixinalidade. Recomendámosvos que esquezades tópicos, evitedes retratos de autores ou xente da cultura, bandeiras, libros, letras ou imaxes de xornais impresos. As fotografías (.jpg, .png, .gif, tif) deberán ser apaisadas (1 Mb máximo) e poderán ser reencadradas lixeiramente para adaptalas ao tamaño de publicación. Cada foto virá acompañada dun título e dun texto explicativo (como moito 250 caracteres) que axuden a contextualizar a imaxe.

Vídeos

Os traballos deberán ter unha duración curta (recomendamos entre un e dous minutos) e en ningún caso debe de sobrepasar os catro minutos. O autor ou autores poderán optar por enviar obras onde estea ou non presente a palabra. Formato .flv a un tamaño de 320x240. A liberdade de creación é total. Ao igual que para a modalidade de fotografía pedímosvos orixinalidade e que procuredes esquecer os tópicos...Polo demais, só ficarán fóra de concurso aquelas creacións que poidan conter ofensas contra terceiros.

Cal será o premio?

Durante o mes de xullo coñeceremos o fallo do xurado, que estará composto por profesionais da fotografía e a videocreación. Unha persoa que escolla Vieiros actuará de secretario, con voz pero sen voto.

O gañador da sección de fotografía recibirá unha cámara. O de videocreación levará unha videocámara.

Como enviar as obras

Para poder enviar as túas imaxes ou vídeos precisas estar rexistrado en Vieiros.
De precisar contactar contigo, farémolo a través do correo electrónico asociado á túa conta de usuario.

Se xa estás rexistrada/o, podes acceder dende este formulario:




Se non estás rexistrada/o podes facelo aquí

Anímate, ti es a re(cámara) do idioma.