Manifesto pola celebración do Día das Letras 2002
en Vilafranca do Bierzo


Carta á Real Academia Galega


As persoas e organizacións abaixo asinantes, preocupadas polo presente e polo porvir da lingua e da cultura galegas en Galicia, Asturias, León e Zamora, solicitámoslle á RAG que celebre o seu principal acto institucional do Día das Letras Galegas 2002 na localidade berciana de Vilafranca, lugar natal do P. Sarmiento, independentemente doutras celebracións ou actos que poidan ter lugar noutras localidades galegas.



Nesta casa, no 5 da rúa da Auga, naceu Martín Sarmiento en 1694.
 

Vilafranca do Bierzo, aínda que pertencente na actualidade a outra comunidade autónoma, segue sendo parte da Galicia lingüística e cultural. A RAG recoñece nos seus estatutos (art.4) que o idioma galego non só é o falado na Comunidade Autónoma de Galicia, senón tamén nas partes occidentais estremeiras das comunidades autónomas de Asturias e Castela-León. Ademais, no Estatuto de Autonomía desta última (art.4) recoñécese a lingua galega nas comarcas occidentais de León (Bierzo Occidental) e Zamora (As Portelas e Calabor). Xustamente hai pouco comezáronse a dispensar oficialmente clases de lingua galega en dous colexios do Bierzo, nos de Cacabelos e Corullón.

As organizacións de defensa da lingua galega fóra das fronteiras administrativas de Galicia veñen celebrando cada ano o Día das Letras Galegas de maneira máis modesta pero reivindicativa ca na propia Galicia, pois a lingua en Asturias e Castela-León atravesa unha situación dramática polo desprestixio social e as consecuencias sociolingüísticas que isto acarrexa.

Unha celebración oficial e institucional do día da nosa lingua en Vilafranca sería simbolicamente un apoio fundamental para a causa do idioma no Bierzo Occidental, e, do mesmo xeito que a Academia Vasca celebra sesións en Navarra ou en Treviño (Burgos), non entenderiamos que a RAG non puidese celebrar a sesión institucional do 17 de maio de 2002 en Vilafranca.

Ben somos conscientes de que a cidade de Pontevedra é un referente crucial na biografía de Sarmiento e que o seu Concello desexará que o acto se celebre na vila do Lérez. Coidamos que celebrar institucionalmente o Día das Letras asemade nas dúas localidades podería ser unha boa solución, como xa se ten feito anteriormente con outros persoeiros, aínda que pensamos que o acto central debería ser en Vilafranca, porque é no Bierzo onde é máis necesaria simbolicamente a presencia da RAG. Un acto do Día das Letras Galegas en Pontevedra non é novidade nin especial acontecemento, en Vilafranca si, e máxime cando o solicita o propio concello e as organizacións defensoras do galego no Bierzo.

Por todo isto, porque a lingua galega non está constrinxida territorialmente nas marxes políticas da Galicia administrativa actual, senón que a lingua galega se estende ata o río Frexulfe en Asturias, ata máis alá do río Cúa no Bierzo e ata As Portelas e Calabor na Seabra zamorana, solicitámoslles encarecidamente a súa presencia como institución o Día 17 de maio de 2002 en Vilafranca. O territorio da RAG non se cinxe á Galicia actual, o territorio da R.A.G. é, por estatutos, a histórica Galicia lingüística e cultural.

Reciban un saúdo.

Asina o manifesto:
Nome
Apelidos
DNI

Vieiros | Sarmiento en Vilafranca do Bierzo | O galego fóra das fronteiras de Galicia