17 de maio de 2002
Sarmiento en Vilafranca do Bierzo


O Día das Letras é un fito esencial no noso calendario social e cultural. A Real Academia Galega, entidade promotora do evento dende a súa fundación, foi elixindo nestes últimos corenta anos outros tantos persoeiros das nosas letras para honralos co gallo do 17 de maio. Tradicionalmente a Academia escolle celebrar os actos institucionais da xornada na localidade que viu nacer o homenaxeado. Outras veces, ao mesmo tempo, convoca eventos nas localidades onde desenvolveu parte da súa actividade, ou mesmo onde faleceu.

O Día das Letras 2002 vai dedicado ao ilustrado Martín Sarmiento, nacido en Vilafranca do Bierzo, vila de fala galega pero fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma. Sen embargo, por parte do presidente da Real Academia Galega téñense realizado declaracións nas que se rexeitaba facer os actos institucionais na localidade berciá.

Por iso, un grupo de persoeiros e defensores da lingua asinan esta carta dirixida á Academia, para que reconsidere a súa postura en virtude da importancia social e lingüística de que o 17 de maio se celebre en Vilafranca. A través de Vieiros preséntase para a súa sinatura pública.



  Vieiros