« Manifesto: Por un Plano Xeral de Normalización de tod@s e para tod@s

P O R   U N   P X N L   A B E R T O   E   P A R T I C I P A T I V O


Que é un PXNL?

De princípio poderíamos pensar que un PXNL é un documento onde se recollen, do xeito máis ordenado e preciso posíbel, os obxectivos -con toda a xerarquia que se quixer e coas denominacións de que máis gostemos: xerais, estratéxicos, sectoriais, específicos...- para a extensión do uso da língua -xa veríamos até onde-, as medidas necesárias para os alcanzar en determinado(s) prazo(s) e os recursos que fan falta para pó-las en marcha -quen e con que. Un documento destas características poderia moi ben ser elaborado por unha comisión de expertas e expertos e submetido á aprobación dos órgaos de governo, mais teria como consecuéncia a sua escasa efectividade posterior.

Cando demandamos un "plano participativo para todos e todas" non nos estamos a referir só a isto, ainda que tamén é preciso certo traballo técnico recollido nun documento que se aprobe. Referimo-nos a un proceso de negociación entre todos os axentes presentes na sociedade. Unha negociación política e social na cal participen as e os que están moi en favor da galeguización e os que o non están tanto, entre aquelas entidades que xa levan moito traballado para conseguir isto e as que ainda non pensaron niso... Un proceso de diálogo que teña como protagonista a sociedade para definir o que queremos que pase coa língua deste país e como imos consegui-lo.

Non ten, na nosa opinión, nengunha posibilidade de alcanzar o éxito un plano que veña imposto por unha parte da sociedade, por moi ben feito que estexa tecnicamente ou por moi ambicioso que sexa e moitos meios que poña en acción. A normalización lingüística precisa de todos e todas, no grau da sua responsabilidade e interese, e só se vai conseguir até o ponto en que a sociedade queira. Evidentemente, se o diálogo se pon en marcha e a negociación se produz de xeito real, as cesións son necesárias para alcanzar os acordos e as vontades van-se movendo de cara ao achegamento.

A eficácia dun proceso destas características para o ben da extensión do uso da língua galega está xa no seu próprio desenvolvimento. É dicer, a negociación vai dar como resultado un achegamento de posicións para chegar a acordos susceptíbeis de se cumpriren con efectividade por quen lle corresponda, achegamento nomeadamente importante e positivo polos compromisos que se van adquirindo.

O(s) compromiso(s) é/son outra das vantaxes dun proceso destas características. Ao implicar na elaboración do PXNL aos distintos sectores e planos da sociedade, nun proceso de diálogo e negociación, estaria-se a conseguir xa a implicación deses mesmos axentes na consecución dos obxectivos: un compromiso cos acordos alcanzados que se traduz en compromisos concretos de actuación.

Este proceso, principal elemento da nosa proposta, ten-se que ir reflectindo de xeito claro no(s) documento(s) que cumpran, que deben reunir as características técnicas que lle(s) son próprias e para as que nada hai que inventar senón encher de contido próprio baseado na nosa realidade sociolingüística. Como xa se asinalou, deberán fixar-se os obxectivos xerais para o período que se estabeleza e ir debullando-os por áreas de traballo até definir outros máis miúdos e as accións que cumpre pór en marcha, con prazos e meios, de cara a alcanzá-los. Non seria preciso que un PXNL entrase ao detalle máis absoluto de todas as cuestións que tocan á política lingüística, pero si que marcase liñas estratéxicas de actuación cunha perspectiva global e transversal para a galeguización da sociedade. Posteriormente, cada estamento responsábel desenvolveria máis ao detalle as parcelas que lle correspondesen até chegar ao nível máis micro.

Recorrer a un instrumento destas características é unha forma de introducir unha cultura da planificación e da cooperación na política lingüística, especialmente necesitada deste tipo de estratéxias. Igualmente, seria un xeito de aumentar moito o caudal produtivo de ideas para activar o cámbio lingüístico: máis ven catro ollos que dous. Entre todas e todos achegaremos moitas máis e mellores ideas de actuación; se, ademais, formos capaces de ordená-las e priorizá-las, dando-lles sentido nun traballo conxunto, o labor que temos por diante para recuperar o noso idioma será moito máis doado e sostíbel.

Por outra parte, o resultado do proceso terá, necesariamente, un grau de consenso moi amplo que resulta de interese para os poderes públicos e para a sociedade, que se necesitan mutuamente para conseguir o obxectivo que pretenden.


 

Por que é necesario un PXNL?
Como se fai un PXNL