« Manifesto: Por un Plano Xeral de Normalización de tod@s e para tod@s |
||||||||||
P O R U N P X N L A B E R T O E P A R T I C I P A T I V O Por que é necesario un PXNL? |
||||||||||
A situación da língua galega, abondo grave, debe ser a primeira e fundamental razón para botar a andar un plano xeral para a sua normalización, ao fin e ao cabo un instrumento para intervir na dirección da recuperación de usos. Evidentemente, mália non haber ainda un PXNL, houbo e hai intervención -ou política lingüística, ou proceso de normalización ou como lle queiramos chamar-, caracterizada fundamentalmente pola sua verticalidade -das organizacións e institucións cara á sociedade-; pola sua desestruturación -medidas desconexas-; pola falta de acordo sobre os obxectivos aos que se dirixe -cando eses obxectivos son explícitos-; pola má distribución dos recursos con que conta; e, sobretodo, pola sua ineficácia xeral, se tivermos en conta a perda de falantes que sofre o galego. Daquela, a necesidade dun PXNL, manifestada historicamente polas organizacións sociais, radica en que este instrumento da política lingüística serviria para paliar esas características negativas: permitiria ordenar e orientar a intervención normalizadora de acordo cuns obxectivos pactados pola sociedade que o protagoniza e o pon en marcha. Cabe perguntarmo-nos se a mesma finalidade se pode conseguir sen este instrumento, se non chegaria con termos unha lexislación máis acaída -máis ampla e que prescriba con máis claridade as obrigas e as consecuéncias de non as cumprir. En calquer outro campo da actividade pública, é dicer para calquer outro obxectivo social, non se pon en dúbida case nunca que, ademais de que os poderes públicos lexislen, regulen e diten todo tipo de ordes, se precisa artellar a aplicación desa normativa con medidas concretas, estabelecendo prazos e responsábeis da sua execución e destinando a elas os recursos necesários, isto é, mediante planos. Non fai falta máis que acudir a exemplos noutros campos: existe lexislación laboral a esgalla e, á parte de que a sociedade manifeste o seu acordo ou desacordo co seu conteúdo concreto, demanda planos de emprego, planos de formación... planos mediante os que se articule a sua aplicación; igualmente, noutro ámbito, aproban-se leis do solo ou leis de ordenación urbanística, con máis ou menos acerto, que son, pola sua vez, completadas, desenvoltas e aplicadas mediante planos das diferentes administracións competentes. Por outra parte, as leis por si soas, por moi claras e prescritivas que sexan, mesmo por moitas penalizacións que incluan para os casos de incumprimento, non sempre son seguidas ao pé da letra -quizá porque a sociedade non sempre se sente implicada nelas-; non temos máis que acudir de novo a un exemplo prático: as normas de circulación que todas e todos coñecemos, que son ben claras nos seus ditados, que se nos lembran permanentemente ao transitarmos polas estradas e que contan cunha rede omnipresente de axentes de control, mália o cal todos e todas saltamos os limites de velocidade pondo inclusive a nosa vida en perigo. A conclusión máis evidente é que a acción normativa e a acción planificadora son complementárias e se poden retroalimentar: os planos buscan, entre outras cousas, aplicar as normas e, ademais, poñen de manifesto ou mesmo xeran a necesidade de regular normativamente determinados asuntos. No caso dun plano de normalización lingüística temos que ter en conta que o obxecto sobre o que se planifica, a língua e os usos lingüísticos, é material altamente sensíbel. Todas e todos concordamos na especial importáncia do idioma na nosa identidade como povo e como país, é dicer, en que é unha cuestión "estratéxica" para a nosa supervivéncia colectiva. Portanto, o plano debe ser considerado, e tratado, como un plano estratéxico en todos os sentidos desta palabra. Pero tamén nos decatamos da especial importáncia do idioma na identidade individual, e de que calquer acción nesta matéria afecta á cerna máis fonda das persoas. É doado entender, xa que logo, que a normalización da língua é un proceso complexo, no sentido de que implica vontades e actuacións colectivas e individuais, do máis alto nível de decisión política á consciéncia privada das persoas, da esfera do económico á das relacións persoais, etc. Tal complexidade, intrínseca a un proceso de cámbio social no cal confluen opinións e intereses favorábeis e contrários, ademais de diferentes velocidades, fai necesário alcanzar acordos entre as e os implicados para poder avanzar. Considerando a situación en que nos achamos, negativa para o idioma, eses acordos son urxentes e imprescindíbeis. É fundamental, portanto, abrir un proceso de negociación político-social amplo para definir obxectivos claros e compartidos, pórmo-nos de acordo na maneira de os alcanzar, repartir o traballo e botá-lo a andar: isto non é nen máis nen menos que facer un plano xeral de normalización lingüística para o país.. |
|
|||||||||