« Manifesto: Por un Plano Xeral de Normalización de tod@s e para tod@s

P O R   U N   P X N L   A B E R T O   E   P A R T I C I P A T I V O


Como se fai un PXNL

Un proceso deste tipo non é simples nen se pode resolver con moita présa. A iniciativa pode e debe partir de quen ten a obriga legal de activar unha política lingüística favorábel á língua: do governo do país, que conta cos meios e controla as vias necesárias para artellar a negociación e traducir os acordos político-sociais en realidades.

Esa iniciativa debe transmitir-se á sociedade polas canles de que esta se dotou, tendo en conta as estruturas que a organizan e atendendo en primeiro lugar ás formalmente estabelecidas. Quer isto dicer que o governo deberá dar conta da iniciativa e discuti-la nos seus termos máis xerais no Parlamento, foro que, no nível da dirección política, representa a sociedade galega. Ali se deberán debater e acordar as bases do proceso: obxectivos máis xerais, procedimento, mecanismos de participación e prazos.

A partir deste primeiro nível de negociación política, deberá abrir-se un amplo proceso de debate social para o que se porán en marcha mecanismos que garantan a participación de todos os sectores -e non só do ponto de vista lingüístico senón socioeconómico, cultural, institucional, organizativo, etc. É evidente que eses mecanismos teñen que ser eficaces, polo que é preciso recorrer a metodoloxias de organización deste tipo de procesos e contar co asesoramento técnico pertinente.

Este diálogo social non pode partir de nengun tipo de exclusión, sobre todo de quen queira achegar a sua participación, e debe desenvolver-se sobre bases claras e leais se é que realmente se pretenden alcanzar acordos e compromisos. É fundamental, portanto, que se entenda como un proceso onde a protagonista é a sociedade que reflexiona, decide e actúa sobre o seu futuro lingüístico.


 
Por que é necesario un PXNL?
Que é un PXNL?