Os Premios Xerais Xerais


O Premio Xerais de Novela


Dende a creación do Xerais de Novela, en 1984, o premio mantén as singularidades de ser o único convocado por unha editorial privada e contar cun xurado formado por lectores non profesionais. Dende o ano 1988 o premio fállase de forma itinerante en diversas localidades do país. O Premio Xerais conseguiu, ano a ano, manter a súa vitalidade, a espectación do público polas obras premiadas e o esforzo teimudo dos creadores da nosa novelística.


Da man de Luís Mariño, falecido hai dous anos e daquela director de Edicións Xerais de Galicia, creouse no ano 1984 o premio Xerais de novela galega que ofrecía a singularidade de non esixir nas súas bases unha extensión prefixada para as obras que se presentaban ó concurso; sendo esta a primeira ocasión na que unha editorial acometía en Galicia empresa semellante. Queríase emular no noso sistema editorial, en formación, o modelo normalizado dos grandes premios literarios como o Planeta ou o Goncourt, convocados por empresas editoriais privadas.

Expediente Artidea

Pensa nao

Dotado con 500.000 pesetas, esta primeira edición do premio foi fallado na cidade de Vigo o 10 de novembro cita que se converteu en habitual en tódalas edicións posteriores, nunha cea á que asistiron 250 persoas de diversos ámbitos da cultura, da administración e da sociedade civil do país. Das vintenove obras participantes naquela primeira edición, o xurado outorgoulle o premio á presentada baixo o lema "Lagoa azul e branca", unha novela de xénero policial que logo aparecería co título Crime en Compostela, da que resultou ser autor, Carlos G. Reigosa. Crime en Compostela converteuse na década dos oitenta nun auténtico best seller da novela galega, acadando unhas vendas superiores ós 30.000 exemplares, en dez edicións. A novela, que neste ano 2000 foi editada en castelán, deu pé a unha serie, polo momento de tres obras, protagonizada polo detective Nivardo Castro, que Reigosa titulou O misterio do barco perdido (1989) e A guerra do tabaco (1996).

A partir desta primeira edición, o Xerais foise consolidando como garantía de calidade e interese para os lectores. Supuxo o descubrimento de novos narradores: Lois Xosé Pereira (1985), Francisco X. Fernández Naval (1988), Darío Xohán Cabana (1989), Xosé Carlos Caneiro (1992) e Manuel Seixas (1996) viron publicada a súa primeira novela gracias ó Xerais. Supuxo a recuperación de narradores maduros para o grande público, como foi o caso de Xoán Bernárdez Vilar (1986) e Xosé Fernández Ferreiro (Agosto do 36, 1991). Supuxo a consolidación de outros, que con obra xa publicada, confirmaron a súa traxectoria: Xosé Ramón Pena (1987), Alfonso Álvarez Cáccamo (1990), Aníbal C. Malvar (1995), Xavier Manteiga (1997) Xosé Miranda (1998), Anxo Angueira (1999) e na última edición Luís Rey Núñez (2000).

O Xerais ó longo da súa historia foi aumentando a súa dotación económica ata a actual (2.000.000 de pesetas), así como, a partir de 1988, modificou a composición do seu xurado, formado dende entón por lectores non profesionais, que tamén se atreveron a deixar deserto o premio na edición de 1993. Dende o ano 1988 o fallo do Premio iniciou a súa itinerancia por Galicia enteira. Cada edición do Xerais supuxo un novo reto para a editorial que buscou á colaboración de entidades públicas e privadas para que o fallo gañase en brillantez e tamén contribuíse a aumentar o interese pola narrativa galega.


Portada | O Premio Merlín | Os premiados/as Vieiros | Xerais