Os Premios Xerais Xerais


O Premio Merlín de Literatura Infantil


O Premio Merlín de Literatura Infantil, dende a súa creación no ano 1986, converteuse nun dos motores máis destacados en impulsar o proceso de normalización da literatura para nenos en lingua galega. Fallado por un xurado de lectores e lectores, dúas deles persoas menores de 16 anos, o Merlín premiou textos narrativos e poéticos, que funcionaron como talismán para os seus autores e autoras.


As cousas claras

A noite das cabras do aire

Dende aquel Conto de guerra que Camilo Díaz Baliño publicara en 1925 para os rapaces das Escolas do Insiño Galego que promovían as Irmandades da Fala da Coruña ó último premio Merlín, a literatura infantil galega deu pasos de xigante. Hoxe é un xénero consolidado e recoñecido, xa non só en Galicia, senón tamén fóra do país, onde os nosos textos son traducidos e premiados de forma xa habitual.

Este verdadeiro éxito colectivo da nosa literatura infantil é froito do esforzo teimudo e do indubidable talento dos nosos autores e autoras, que chegaron a vivir na invisibilidade máis absoluta, e mesmo no esquecemento do sistema literario galego que a consideraba como un xénero menor. O mundo editorial galego axudou a desenvolver un ámbito de edición, que hoxe supón case o quince por cento dos títulos que anualmente se publican en lingua galega.

O Premio Merlín, dende a súa creación no ano 1986, foi un dos motores máis destacados en impulsar este proceso. Supuxo o descubrimento de autores e autoras que logo serían galardonados e recoñecidos: Úrsula Heinze (1986), logo premio Blanco Amor; Xosé Antón Neira Cruz (1988 e 2000), o único autor que o obtivo en dúas ocasións; Agustín Fernández Paz (1989); Gloria Sánchez (1990); Fina Casalderrey (1991); Lola González (1992); Marilar Aleixandre (1994); Ramón Caride (1995); Antonio García Teijeiro (1996); An Alfaya (1997), Antonio Reigosa (1998) e Bieito Iglesias (1999).

O Merlín funcionou con todos estes autores e autoras a xeito de talismán, de máxico principio dun camiño que dende entón percorreron con maior confianza e acollida dos esixentes lectores e lectoras infantís. O Merlín premiou textos narrativos (fantásticos ou realistas, aventuras de pandas, ciencia ficción, novelas de aventuras...) pero non deixou fóra os poemarios, que foron recoñecidos polo xurado de lectores en dúas ocasións. ¿Para cando unha obra teatral? Agardemos o talismán desta edición.


Portada | O Premio Xerais | Os premiados/as Vieiros | Xerais