Especial
Quen é quen no BNG?


Esquerda nacionalista | Colectivo socialista | A columna vertebral: A UPG | Unidade Galega | Os máis pequenos: PNG e Inzar | Os independentes | As mulleres | Os alcaldes | Novos valores ao abeiro das alcaldías



ESQUERDA NACIONALISTA
Esquerda Nacionalista formouse ao agrupárense diversos militantes que ata daquela estaban dentro do Bloque como independentes e que tiñan en común, fundamentalmente, a súa oposición ao xeito de gobernar o BNG que tiña a Unión do Povo Galego. Reivindícanse como socialistas e son os únicos que inclúen nos seus documentos a palabra 'independencia'. Aínda que Beiras é de Esquerda Nacionalista, non intervén nin na liña política nin na organización do partido e mantense só como figura de referencia.

      Xosé Manuel Beiras Torrado, Alberte X. Rodríguez Feixoo e Encarna Otero Cepeda.

..........


COLECTIVO SOCIALISTA
O Colectivo Socialista é unha pequenísima formación, que queda do proceso de integración do Bloque nos primeiros 80. Tanto é así que lles malchaman "os do taxi", porque collerían nun todos os afiliados. Sen embargo, o seu poder na Permanente actual era relativamente forte, herdado precisamente de formaren parte do BNG dende o comezo.

      Mario López Rico e Francisco Trigo Durán.

..........


A COLUMNA VERTEBRAL: A UPG
As persoas de maior traxectoria política dentro do Bloque atópanse probablemente na Unión do Povo Galego, un partido marxista-leninista fundado en 1964. O traballo organizado da UPG sustentou o crecemento do BNG ao longo deste tempo, pero as inercias da súa antigüidade (case 40 anos de existencia) tamén foron e son unha importante pexa para a súa progresión. De escisións da UPG partiron a maior parte dos partidos de esquerda e nacionalistas dos últimos 30 anos, algúns deles agora no Bloque, e abondosos indicios apuntan a fortes fendas dentro da UPG de hoxe. O núcleo máis conservador artéllase ao redor de Francisco Rodríguez e o máis aperturista estaría representado polo chamado "clan de Allariz" e os alcaldes Lores e Castrillo. Esta división fíxose patente na elección do senador por designación. Mentres os "duros" apoiaron a María do Carmo García Negro; García, Castrillo, e compañía apoiaron a Anxo Quintana, que finalmente foi o elixido.

a) Núcleo duro

      Bautista Álvarez Domínguez, Francisco Rodríguez Sánchez, María do Pilar García Negro, Lois Obelleiro Piñón, e Rubén Cela.

a) Sector aperturista
O grupo xeracional máis novo na primeira liña do BNG está liderado polo chamado "clan de Allariz", que estaría formado por García, Quintana (aínda que é independente) e Suárez Canal. Son todos tres políticos formados en Allariz a finais dos oitenta, cando guiaron unha revolta popular que lle deu ao Bloque o control desta viliña do interior e un exemplo propagandístico de xestión. Pero na cara máis "amable" da UPG hai máis xente, como os alcaldes Lores ou Castrillo, Henrique Tello ou Francisco Jorquera.

      Francisco García, Alfredo Suárez Canal e Francisco Jorquera.

..........


UNIDADE GALEGA
Son a herdanza de Esquerda Galega, o partido nacionalista de esquerdas que chegou a ter tres deputados no Hórreo. Logo de non obteren ningún escano nas eleccións do 89, comezaron unha travesía no deserto que deixou atrás moita xente. Domingos Merino liderou a entrada no BNG en 1996, aínda que a súa referencia mediática é Camilo Nogueira. Teñen máis influencia no BNG que poder real. Foi un partido de cadros e segue sen facer proselitismo político. Ten escasa presencia na mocidade. Apostan pola renovación do discurso político e pola transformación do Bloque nun único partido.

      Camilo Nogueira, Domingos Merino, Xaquín Fernández Leiceaga e Ana Gandón.

..........


OS MÁIS PEQUENOS: PNG E INZAR

PNG. A forza máis liberal e centrista da fronte. Pretenden ser a ponte do BNG coa burguesía galega. Proceden da Coalición Galega de antes do tripartito e serven para visualizar diante da sociedade a moderación do Bloque. Teñen unha pequena reserva de xente nova interesante. O seu cabeza visible é o deputado Xosé Henrique Rodríguez Peña. A súa discutida imaxe en Ourense (caso UCOSA, por exemplo), precisamente onde o PNG ten aínda algo de presencia, levou ao seu relevo como voceiro no Concello tralas municipais do 99: nelas o Bloque ourensán daba os primeiros síntomas de esgotamento. A súa desaparición da primeira fila é evidente e non vai estar na Executiva.

INZAR. Pequenísimo colectivo procedente do MC (Movemento Comunista, maoístas) que tradicionalmente serviu de apoio á acción da UPG dentro do BNG. Nas eleccións do 93 un dos seus únicos cadros, Xesús Vega Buxán, conseguiu acta de deputado contra todo prognóstico. Gañou recoñecemento co seu bo traballo parlamentario, aínda que a súa aportación á Permanente foi escasa. Quedará fóra da Executiva


..........


OS INDEPENDENTES
Os cariños dos independentes todo o mundo os desputa. A maior parte da militancia non ten adscrición partidaria, pero esa proporción non se traduce na representación nos órganos de goberno do partido e nos cargos institucionais, onde as formacións dominan totalmente. Un aumento dos independentes na nova Executiva significaría renovación.

      Anxo Quintana González, Guillerme Vázquez, Salomé Álvarez, Xabier Macías e Roberto Mera.

..........


AS MULLERES
A presencia das mulleres nos cargos políticos ou institucionais do Bloque é moi cativa. Por iso as modificacións organizativas desta Asemblea, que esixen unha cota mínima de mulleres na Executiva (entre catro e seis, dependendo do número final de membros) poden verse como un problema engadido á hora de formar a lista definitiva. Pero tamén podería ser unha solución para encaixar o puzzle das forzas interiores.

      Ana Pontón, Rosa Darriba, Tareixa Novo, Olalla Fernández Davila, Dominga Brión, Cecilia Pérez Orje e Carme Adán.

..........


OS ALCALDES
Representan as cotas de poder máis altas que conseguiu o nacionalismo en toda a súa historia. E pese a proceder dos sectores máis conservadores, o contacto coa práctica real da xestión política púxoos na obriga de adoptaren posicións máis aperturistas.

      Miguel Anxo Fernández Lores, Xaime Bello e Lois Pérez Castrillo.

..........


NOVOS VALORES AO ABEIRO DAS ALCALDÍAS
      Xabier Toba, Eudosio Álvarez e Luís Bará.

..........



 FORO
Os debates, as ideas, as estratexias... Aquí hai un espacio para opinar sobre a X Asemblea do BNG e sobre o futuro do nacionalismo.

Os bloqueiros responden

 OPINIÓNS
- Entrevista a X.M. Beiras (Europa Press)
- Manuel Barreiro: Instalados na crise
- Xusto Beramendi: Os dilemas do Bloque
- Roberto Vilameá: Estímulos positivos do nacionalismo
- Manolo Barreiro: BIG BANG

 OS DOCUMENTOS
- Os relatorios:
A liña política, a acción social, a institucional e a organización.

- O manifesto da Estrada: os independentes.
- O manifesto de Ferrolterra: a avaliación do 21-0
- Posición de EN sobre a proposta de órganos de dirección

 PARA SABELO TODO
- A nova executiva nacional
- 20 anos de historia

 AS LIGAZÓNS
- O BNG
- A UPG
- Esquerda Nacionalista
- O PNG-PG

Os grupos locais: Vigo, Ourense, Ponteareas, O Valadouro, A Estrada, Maceda, Ames, Muros, Gondomar, a emigración.

Vieiros | O nacionalismo 20 anos despois