Especial
« Quen é quen no BNG?

OS INDEPENDENTES


Anxo Quintana González

A esperanza branca do BNG chámase Quintana. Uns -sobre todo dende EN- apóñenlle ao senador bloqueiro o escaso discurso ideolóxico (pero coelaborou o relatorio político da Asemblea), outros a pouca formación (é ATS) e algúns poucos a súa "independencia", pero ninguén pode negar que el é o artífice público do milagre de Allariz. A favor del dise que ten unha gran capacidade de transacción e de diálogo con todas as partes e conta con apoios moi diversificados. Gobernador rexo da política ourensá, o sector ortodoxo critícao pero tampouco dá atopado unha alternativa sólida ao probable candidato a presidir a Xunta no 2005. É un bo "mitineiro", chega máis á xente que o mesmísimo Beiras, usando unha linguaxe máis directa. Será coordinador da nova Executiva.

..........

Guillerme Vázquez

Independente, pero home de Francisco Rodríguez (os dous son deputados no Congreso) e compañeiro de viaxe da UPG. É responsable de Política Parlamentaria Estatal na Permanente, pero descartouse el mesmo das loitas por entrar na Executiva.

..........

Carlos Aymerich

O terceiro deputado en Madrid é un dos poucos valores realmente novos que saíron á palestra política do Bloque nos últimos anos, aupado por Francisco Rodríguez. Non estaba na Permanente e tampouco na nova Executiva.

..........

Salomé Álvarez

O ascenso desta deputada pontevedresa á Mesa do Parlamento tense sinalado como un pulo persoal de Beiras. Aínda que o seu traballo como parlamentaria non foi especialmente lucido e non está na Permanente, a lembranza do seu labor como concelleira na cidade do Lérez, a cota feminina, o seu peso institucional e ser unha figura independente deulle un posto na Executiva.

..........

Xabier Macías

Presidente da Fundación Galiza Sempre e decano do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia. Traballou nos Servicios Sociais do Concello de Allariz. Con gran sensibilidade social, ademais amosou unha experiencia de xestión importante no Colexio, que o levou a presidir a Fundación. Foi militante de Inzar e agora é independente. Sen padriños políticos claros e sen unha traxectoria longa e definida, a súa entrada na Executiva foi unha auténtica sorpresa.

..........

Roberto Mera

Concelleiro en Ponteareas, foi promotor do manifesto de independentes do BNG. É o líder dos "independentes non alineados" (expresión nosa), cunha actitude moi desafiante fronte aos partidos. Critica abertamente os "arranxos por arriba". A carón del, nas mesmas posicións políticas está Gonzalo Constenla, concelleiro da Estrada e profesor da Universidade de Vigo.

..........


 FORO
Os debates, as ideas, as estratexias... Aquí hai un espacio para opinar sobre a X Asemblea do BNG e sobre o futuro do nacionalismo.

Vieiros | O nacionalismo 20 anos despois