 |
A nova executiva nacional
Esta é a listaxe "oficialista" que se presentou o sábado 19 na discoteca "Cásting" de Santiago. Non é máis ca unha proposta, que pode ser aprobada ou non na Asemblea, e podé ser susceptible de ser modificada, á vez que se poden presentar outras. Pretende ser unha lista de consenso. Foi elaborada por Anxo Quintana.
Xosé Manuel Beiras. O voceiro nacional do BNG é o home que conseguiu sacar o nacionalismo do anonimato e levalo á primeira forza da oposición. Pero parece que, a teor das últimas sondaxes, ten un claro teito electoral. Será o encargado de encabezar a nova Executiva, malia as protestas do sector máis ortodoxo da UPG. E serao, principalmente, porque non hai unha alternativa inmediata. A súa marxe de manobra para dirixir a "sucesión" e a data en que esta se producirá son temas, nesta altura, quizais máis relevantes. Militante de Esquerda Nacionalista, non intervén nin na liña política nin na organización do partido e mantense só como figura de referencia.
Francisco Rodríguez. A figura do sector máis ortodoxo do UPG ten tantos partidarios devotos dentro do partido como encirrados detractores no resto do Bloque, que agora, ademais, non lle perdoan levantar a poeira da sucesión de Beiras nos medios de comunicación. A súa mala imaxe mediática oculta o liderato dun intenso traballo en Madrid e unha capacidade organizativa extraordinaria. Responsable de Política Cultural na Permanente, ten anunciado o seu desexo de retirarse, pero estará na Executiva. Aínda que non fose así, controlaría dende fóra a quen estivera no seu lugar.
Francisco García. Alcalde de Allariz e responsable de Organización da Permanente, ten nestes momentos as chaves do paraíso bloqueiro. Por el pasa o consenso, pero tamén pode inclinar a balanza cara a un maior peso da Unión do Povo Galego ou cara a un destronamento do sector ortodoxo de Rodríguez. Coordinador do discutido e debatido relatorio de Organización da Asemblea, é unha peza clave na Executiva. Membro do chamado "Clan de Allariz', xunto con Suárez Canal e Quintana.
Alfredo Suárez Canal. Responsable de Política Parlamentaria Galega, este deputado allaricense substituíu a Pilar García Negro como voceiro do grupo, sinalando o cambio na relación de forzas dentro da propia UPG. Aprezado polo seu labor en Ourense, o seu escaso carisma de cara á sociedade abortou calquera posibilidade de que fose a alternativa "roxa" a Beiras. Sen embargo, a nivel interno é un home moi respectado por todas as correntes pola súa capacidade de integración e de diálogo.
Camilo Nogueira. É a imaxe exterior de UG, pero vai por libre: non ten moita conexión orgánica co partido. Entrou máis tarde no BNG que UG. Conseguiu case el soíño o éxito de ser eurodeputado, pero non por iso deixou de querer manobrar na política galega. Impredicible nas súas opcións, os abismos persoais do pasado que o afastaban doutros líderes foron minguando cos anos. Aínda que algúns devotos -e as enquisas- o sinalaban como alternativa a Beiras, a súa idade (tamén 66) descarta esa opción. Estará na Executiva.
Xaquín Fernández Leiceaga. Concelleiro de Facenda en Santiago, os entendidos din que está a realizar un labor tan destacado como escuro. Dende un sector da UPG, sen embargo, englóbase o seu labor no suspenso que lle conceden ao executivo compostelán. Unha das sorpresas da nova Executiva. De Unidade Galega.
Anxo Quintana González. A esperanza branca do BNG chámase Quintana. Uns -sobre todo dende EN- apóñenlle ao senador bloqueiro o escaso discurso ideolóxico (pero coelaborou o relatorio político da Asemblea), outros a pouca formación (é ATS) e algúns poucos a súa "independencia', pero ninguén pode negar que el é o artífice público do milagre de Allariz. A favor del dise que ten unha gran capacidade de transacción e de diálogo con todas as partes e conta con apoios moi diversificados. Gobernador rexo da política ourensá, o sector ortodoxo critícao pero tampouco dá atopado unha alternativa sólida ao probable candidato a presidir a Xunta no 2005. É un bo "mitineiro', chega máis á xente que o mesmísimo Beiras, usando unha linguaxe máis directa. Será coordinador da nova Executiva.
Salomé Álvarez. O ascenso desta deputada pontevedresa á Mesa do Parlamento tense sinalado como un pulo persoal de Beiras. Aínda que o seu traballo como parlamentaria non foi especialmente lucido e non estaba na Permanente, a lembranza do seu labor como concelleira na cidade do Lérez, a cota feminina, o seu peso institucional e ser unha figura independente deulle un posto na Executiva.
Xabier Macías. Presidente da Fundación Galiza Sempre e decano do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia. Traballou nos Servicios Sociais do Concello de Allariz. Con gran sensibilidade social, ademais amosou unha experiencia de xestión importante no Colexio, que o levou a presidir a Fundación. Foi militante de Inzar e agora é independente. Sen padriños políticos claros e sen unha traxectoria longa e definida, a súa entrada na Executiva foi unha auténtica sorpresa.
Ana Pontón. Militante da UPG e de Galiza Nova. Adscríbese no sector máis ortodoxo e conservador das mocidades do Bloque. É outra das sorpresas da nova Executiva.
Tareixa Novo. A retirada de Henrique Tello ao Concello da Coruña deixou a cantante Tereixa Novo sentada no Parlamento (o único rostro novo dos nacionalistas). Malia ser independente, os seus apoios dende a cúpula (sobre todo UPG) levárona tamén á Executiva para ocupar os postos da cota feminina.
Olalla Fernández Davila. Deputada e militante da UPG, ten traballado nas áreas de servicios sociais e a sanidade. Procede do mundo sindical e é moi respectada por esta actividade na área de Vigo. Entrou na Executiva como a primeira persoa de Vigo que entra no máximo órgano de decisión do BNG en toda a historia.
Cecilia Pérez Orje. Esta descoñecida concelleira de Redondela, onde o BNG goberna en coalición do PSdeG, vicerresponsable comarcal de Vigo e pertencente á UPG, manexouse nalgunhas fontes como posible posto na Executiva. Parecía pouco probable pero conseguiuno.
Eudosio Álvarez. Xefe de gabinete de Castrillo. Na primeira lexislatura estivo moi próximo a Xosé Manuel Beiras e foi -en parte- responsable da pequena "revolución" de Beiras no Parlamento galego.
|
|
 |
 |
 |

 |
| FORO |
 |
| Os debates, as ideas, as estratexias... Aquí hai un espacio para opinar sobre a X Asemblea do BNG e sobre o futuro do nacionalismo. |
|
 |
| OPINIÓNS |
 |
|
|
 |
| OS DOCUMENTOS |
 |
|
|
 |
| PARA SABELO TODO |
 |
|
|
 |
| AS LIGAZÓNS |
 |
|
|
|
|