![]()
|
5. Escritos e pensamentos dun polígrafo De todos os copiosos escritos máis das dúas terceiras partes son producto das consultas feitas por altos personaxes da Corte, traballos variopintos que nunca pensou en editar. Do seu crecente interese pola Historia Natural nacen nestas datas tratados sobre a seixebra, o bidueiro e outras moitas plantas que observara e trouxera de Galicia, mesmo coa semente e a terra para plantar na cela, chea de testos. Pero de todos eles o seu coñecido tratado sobre a carqueixa, tras do éxito crecente da curativa planta na Corte, provoca múltiples visitas ao convento: "Xa se vende a carqueixa nas boticas de Madrid. A duquesa do infantado fixo traer 10 arrobas e o Marqués de Vilafranca 4 e non hai cachibache que non faga vir carqueixa e hai mil copias do meu papel en Madrid" Realiza tamén investigacións sobre aves como o Flamenco, animais exóticos como a cebra e curiosos como o rinoceronte do que conservaba un corno que lle deran. Á vez segue realizando encargos de carácter moi diverso como o relativo aos Camiños Reais de España. Como xa dixemos co tempo pechouse máis ao mundo exterior á vez que medraba no monxe bieito unha moi singular e calada dedicación a Galicia, e así en 1757 nunha carta ao seu irmán Francisco Xabier di: "Nada vexo, nada palpo, nada escribo, nada observo que non teña á vista Galicia e a Boa Vila." É neste ano cando comeza unha das súas grandes aportacións á filoloxía galega o "Onomástico etimolóxico da lingua galega" que non concluirá ata o 1768 e no que aparece deseñado un completo plan de estudios para Galicia, proxecto que el bautiza co nome de "alethophilo", é dicir, o "amante da verdade" que debería desenvolver un "un sacerdote sen cura de almas alleas, sen coidados de familia e sen emprego que lle estorbe o estudio... que en Galicia haxa unha dúcia de Alethophilos espallados ou que unidos como Academia traballen sobre uns mesmos principios e ao mesmo fin" Cre que un lugar axeitado para reunilos, por haber librerías e arquivos, sería Santiago e deixa descrito con todo detalle como se podería levar a cabo un traballo de recompilación e de creación dos "Cadernos" de Lingua e Etimoloxías, Xeografía e Toponimias, Historia Natural, Inscripcións,moedas, pesos, medidas, datas e épocas, Folclore,etc... Este era o gran soño de Sarmiento para Galicia, o que el mesmo desexaría levar a cabo de poder residir en Galicia: "Xa me fago cargo das dificultades que me opondrán a todo o dito, pero eu non me espanto de razóns. A maior dificultade é un "non querer" e a pápara cantinela de Galicia "non señores, acá non facemos iso". Nada propoño aquí que non executase eu, e anque non con tanta extensión, coa bastante respecto do curto tempo que andaba por Galicia, e moi de paso. Con seis anos que eu estivese en Galicia, e con medios e libertade para viaxar de aquí para alí, recollería todo o dito e moito máis ¿E que non podería recoller Alethophilo empregando vinte anos?" É realmente chocante que, en pleno auxe da lingua académica cortesán e do centralismo borbónico, Martín Sarmiento repare nos fenómenos dialectais peninsulares, estudie e escriba en galego, constituíndose nun precursor do Rexurdimento desta lingua a máis desprestixiada dos seus tempos "tiven especial gusto acordándome da lingua galega que mamara, en recoller todas cantas voces galegas puiden para formar algunha idea do idioma galego, tan descoñecido de todos e tan despreciado". Galicia sempre estivo presente na súa obra, preocupado por remediar a súa miseria e os despropósitos que en nome do ben público se cometían nela sen deixar de criticar os defectos aos seus paisanos pechados no inmobilismo do "sempre se fixo así... que oí mil veces cando propuña se fixese algunha cousa fácil e evidentemente útil, está pechada aporta en Galicia a todo progreso da historia natural, botánica, agricultura e a todo xénero de manufacturas novas". Moi criticado foi el por non editar o moito que escribía:"apestado de moscones que me censuraban por que non saía da casa e porque non imprimía escribín o título "Porque si e porque non do P. Sarmiento": no que nos dí: Non sei falar senón como penso. Non sei escribir, senón como falo... eu quero falar todo e sen tropezar en barras, falarei con libertade cristiá, relixiosa, filosófica, literaria e mesmo política". Pero as propostas do novo rei Carlos III, que non lle ía ser tan próximo como Fernando VI e o seu antecesor, iniciativas incapaces de erradicar os graves vicios da administración colocan a Sarmiento nunha contundente opinión contraria a moitas das inútiles reformas borbónicas: "Xustiza , servicio do Rei, Relixión e Ben Público son as catro maldades de España. Que vendo papel selado digo para min "mentira" " Non é de estrañar que Sarmiento non publicase as súas obras cargadas de denuncias dos abusos da administración Real ou mesmo contra cargos do Goberno e as Ordes relixiosas corresponsables da pobreza do país. Sarmiento tiña uns intereses científicos nada correntes na súa época, e seguramente non quixo perder o tempo en defendelos, xa gastara bastante defendendo a Feixóo: "A moitos dixen que por razón do meu total retiro, de que eu non me podía acomodar á linguaxe política nin ao cerimonial do gran mundo" Preferirá polo tanto "unha conversación familiar tida sen saír da cela con amigos verdadeiramente dotos e prudentes". Son moi chamativas, polo diferentes ás dos seus contemporáneos, as súas concepcións pedagóxicas reflexadas en Educación da Xuventude (1768) aos seus 74 anos de idade. Propugna un ensino basado na experiencia e utilidade, o anti-memorismo e contra a fórmula dos castigos: "así son os nenos como papagaios, estudian de memoria e a letra con textos que non entenden". Avoga pola apertura de bibliotecas e escolas públicas e pola introducción das linguas como o galego na educación cousa que tamén reclamaba para a igrexia e a xustiza. Chamáballe a atención que na catedral de Santiago houbese confesores de moitas linguas, pero, pola contra, non houbese confesor en galego. Nos últimos anos de vida comeza a redacción da Obra dos 660 pregos, unha obra complexa con Galicia como protagonista que principia en 1762 co tema dos foros e que conten constantes corecciois e significativas digresións tan chamativas como na que rexeita de plano "a privación da vida do reo é bárbara, inútil e contrapoducente", un dos primeiros alegatos que en Europa se fixeron contra a pena de morte. A situación socioeconómica e a denuncia da política de impostos "a guerra, a fame, a peste e o título de pontes e camiños son catro pestes que arruínan moitos e fan felices poucos" pero nestes 660 pregos vai constantemente matizando: " atribúen o atraso aos moitos tributos reais con que están cargados os labregos. Algo así crin eu diso antes que quixese averigualo. Ao presenteestou no fixo dictame de que esa causa é moi débil. Non están gravados do Rei, senón dos infinitos intermediarios e sacaliñas, sacamantas, sacatrapos e sacabocado que queren ser reis". Así permanecería o noso monxe na cela perfeccionando os seus escritos constante e tenaz no seu labor: "cada dí saio dalgún erro e mudo de dictame." Daquela compartía as súas longas horas na cela co seu gato Mizaldini e co seu bon amigo, o pai Balboa (hai quen o considera tamén familiar seu) "O rvdo. P. Balboa está ben, pero inmobil coma min e os dous quedamos á obediencia de vostede" escribíalle ao Duque de Medina Sidonia quen á súa vez lle procurara un mozo para atender a un Sarmiento, xa moi desmellorado: "Despois de 75 anos e medio cumpridos, fai dous anos que me reduzo a unha imponderable debilidade dos meus sentidos exteriores e interiores, privándome de todo movemento locomotivo para saír aínda da miña cela, só poderei servir de trasto inútil para todo e para todos e só debo pensar na mortalla". A pesar dos problemas de saúde no treito final dos seus días nunca deixou de escribir e mantiña un ritmo frenético de traballo, sendo un infatigable lector que nunca usara anteollos, dinos finalmente:"Xa non vexo, nin oio, nin me podo mover dunha cadeira, xa perdín o uso de escribir como consta nos garabatos e borróns desta carta" Frei Martín Sarmiento faleceu aos 77 anos de só enfermedade natural de vellez e caducidade, que principiara tres anos antes corría o ano 1772, sen que se suxetara a médicos nin boticarios. Foi soterrado na capela do Sto. Cristo no Convento de San Martín onde morrera, hoxe están sen localizar as súas cinzas, extraviadas tras da demolición en 1809 do edificio. Tampouco foi realizado nunca o monumento funerario previsto e no que aparecía un epitafio latino con esta lenda: AQUÍ XACE O REVERENDO PAI MESTRE FREI MARTÍN SARMIENTO, GALEGO POLA SÚA ORIXE DE VILAFRANCA DO VIERZO, NADO NO 9 DE MARZO DE 1695. MORREU EN MADRID O 7 DE DECEMBRO de 1772. Esperamos que neste ano sexa realmente máis coñecida a vida e obra deste home ilustre galego berciano e que o seu labor a prol do patrimonio cultural e lingüístico da súa terra serva para que tamén nós nos preocupemos, como Sarmiento o fixo, pola súa conservación e o seu futuro. Héctor M. Silveiro Fernández Vieiros Letras 2002 |
![]() Escrito de Sarmiento sobre literatura medieval. |