Letras 2002


Martin Sarmiento
•  Axenda
•  Na web

Pola lingua que nos une
•  O galego exterior
•  Concurso
•  Campaña
•  Escolma

Trebellas ou traballas
•  Por un vocabulario sexual galego



4.
As viaxes a Galicia fonte dos seus traballos

En 1745 asistíu ao Capítulo Xeral da Congregación en Valladolid e a causa do Santo Xubileo Compostelán comeza unha viaxe a Galicia. Segundo parece as súas saídas estaban limitadas pola orde onde profesaba, pero estas saídas supoñen para él todo un revulsivo como confesa nunha carta desde Galicia ao Duque Medina Sidona "eu non nacín para vivir no retiro de catro paredes... dáme noxo acordarme de Madrid e das súas conveniencias. Eu non boto de menos a miña cela nin os meus libros pois aquí divírtome contemplando as cousas que Deus creou: Peixes, Aves, Animais, Plantas, Herbas, Cunchas..."

Na viaxe confeccionará un diario de apuntamentos dos lugares polos que pasa, inscripcións que se atopaba e animais e vexetais que vía cos nomes galegos correspondentes e outras voces galegas vulgares. "con esta ocasión afeccioneime infinito á historia natural, botánica e a lingua galega e averiguar a orixe e etimoloxía de cada voz galega"

Como advirte J.L. Pensado, un dos mellores estudiosos da obra sarmentiana, nos diarios das viaxes hai maior amplitude e detalle na descripción dos itinerarios galegos, considerando de feito nestes aos lugares do Bierzo. As súas preocupaciois etimolóxicas e científicas motivan que tome nota especialmente de nomes de plantas en galego que principian tamén no territorio berciano (herba moura, a carqueixa, a pitacega). Repara por igual nos topónimos, por exemplo, Trabadelo (referido as mellores terras de cultivo denominadas tablas ou táboas que hai no Valcarce ......Vexamos, agora, un pequeno exemplo das referencias que nos dá no diario da súa curta estadía en Vilafranca á que chegara a noite anterior "Hoxe vinte nove de maio detívenme e descansei en Vilafranca, vila que ten dous ríos, o que baixa de Valcarcel e o Burbia, que creo que vén de Burbia"

Logo citará un dos lugares que seguro lle traía á memoria ao seu pai, o mestre de obras da Colexiata, sempre preocupado pola orixe das palabras comenta: "A Colexiata chámase Cruñiego, que vén de Cluniaco ou Cluny por ter sido mosteiro cluniacense... De Vilafranca saín o domingo 30 de maio" xa na viaxe de volta cita os lugares de Vilela e Curullón ou monte dos Mouriños contando a anécdota de que unha ponte sobre o río Burbia está caída e súplea outra de madeira.

Pero máis que anécdotas temos que entender que as viaxes e os apuntamentos que realiza Sarmiento nas mesmas constitúen un complemento ao seu saber libresco, consecuencia lóxica do seu encerro na cela madrileña. O estudio directo de plantas, topónimos e de inscripcións, mesmo das conversas espontáneas deste home falador que en cada pobo procura e provoca, serán parte fundamental dos seus traballos posteriores de Filoloxía e Botánica. Pero un ilustrado apegado, como el o estaba, ao estudio de códices e manuscritos non deixa pasar a oportunidade de recoller información nas bibliotecas e arquivos dos mosteiros polos que pasaba, como é o caso de Samos onde leu todo o becerro que alí se gardaba ou en S. Pedro de Montes do que di: "contén moitas escrituras en lingua vulgar, case todo en galego do século XIII". Estas consultas permitiránlle establecer unha concepción certeira acerca das orixes e evolución do galego que o consagragan para a posteridade como pai da Filoloxía Galega. Sarmiento confesa que aínda que vira en Toledo en 1727 os códices en galego das Cantigas de Sta. María de Afonso X o sabio " apenas sabía que houbese monumentos escritos nese idioma ata dito ano de 1745 que vi infinitos pergamiños e papeis". Esta viaxe, en palabras de Franscisco Carballo na súa magnífica biografía recentemente editada, "rexuvenece ao monxe" que "recupera a lingua da infancia" medrando nel "un proxecto vital para contribuír á educación da mocidade. Proxecto que significaba dotar cientificamente a Galiza de Xeografía, Historia Natural, Antigüidade e Lingua. Con tal motivo conviña residir na Boa Vila ou ben perto. Mais a norma monástica obrígalle a voltar... con el leva proxectos, cadernos cheos de anotacións, sacos de sementes e herbas medicinais e algo máis importante: a decisión de optar pola actividade científica. Antes traballaba sen finalidade, sen norte...volta repleto de saberes lingüísticos e botánicos e decidido a dar toda a súa actividade a prol do seu povo"

Así no mes de febreiro de 1746, de novo en Madrid, tras da fructífera viaxe a Galicia comeza a relaborar o material recollido de voces galegas e con motivo da morte do rei Felipe V compuxo mil duascentas coplas en galego de metro pueril e claro co pretexto da exaltación de Fernando VI, manuscrito que nestes días acaba de ser localizado na Biblioteca Nacional de Madrid polo filólogo Henrique Monteagudo. Trátase dunha das primeiras obras escritas en galego despois do decaimento desta lingua ao rematar a Idade Media. O "Coloquio de Perucho e Maruxa ou de vinte catro galegos rústicos" virá acompañado dun glosario que vai comentando o significado de cada unha das palabras utilizadas nas coplas, glosario que foi recompoñendo ata 1770, pouco anos da súa morte.

Neste período aséntase a influencia de Sarmiento na Corte. En 1748 foi nomeado abade no Convento de S. Martín e no 1750 é nomeado polo mesmo Rei "Cronista das Indias" para o que confecciona un "Plano para formar una General Descripción de América". Pero ese gran interese polo seu, que nacera aos seus cincuenta anos e arraigaba día a día con forza nel, impúlsao no ano 1754, a punto de cumprir os 60 anos de idade, a idear unha nova viaxe a súa terra.

Xa desde Galicia en resposta a unha carta ao duque de Medina Sidonia, quen estando en Madrid pasaba horas na súa compaña na cela do convento e botaba ao monxe de menos para despachar e consultar con el, Sarmiento declara: " Hai xa máis de 44 anos que me transplantaron desde a vila ao mosteiro de San Martín desa Corte, onde gastei a miña xuventude sen case saír dun recuncho, arrimado a unha parede, como ostra, e sen exercicio da miña potencia locomotiva. Así non debe vostede estrañar que tomara un bon anaco de tempo para empregalo en respirar este aire patrio e volver repasar os sitios que foron o teatro da miña nenez".

Esta nova e derradeira viaxe a Galicia, é a máis longa de todas, do 1754-55, e consolida os seus traballos de Botánica, Xeografía e Filoloxía. Nace o "Catálogo de voces e frases galegas en especial de diferentes vexetables". Ademáis estando en Pontevedra realizará, en resposta a unha carta do Padre Terreros, un acertadísimo traballo de investigación "Sobre a orixe da lingua galega" que tanta relevancia adquire para estudios filolóxicos posteriores. Pero as viaxes pola costa galega acompañado do seu irmán menor Francisco Xabier son a súa principal ocupación: "Andaba eu peregrinando polos portos máis septentrionais de Galicia, tan distante de pensamento como en corpo de Madrid... cando recibe a nova da... exorbitante gracia que o rei se dignou facerme ao nominarme para a Abadía de Ripoll." Nova que el acolle con resignación: "o meu xenio totalmente alleo a ese xénero de dignidades e empregos", pero debe voltar a Madrid, anque renuncia a abadía meses despois, e do mesmo xeito cesaría neste ano como Cronista de Indias. Sarmiento, quizás sumido nunha depresión, cunha fonda tristura pola lonxanía definitiva da terra, xa de novo na Corte confesa ao seu amigo Pedro Alcántara Guzmán, duque de Medina-Sidonia: "É notorio que eu vivo e quero vivir sempre retirado e como recluso entre as catro paredes da miña cela, fuxindo todo comercio fóra dela."

A pesar da súa idade avanzada, ten xa 60 anos, é a época de maior fecundidade.


5>
Héctor M. Silveiro Fernández
Vilafranca do Bierzo




VieirosLetras 2002
 


1. Martín Sarmiento, un ilustrado galego de Vilafranca
2. Os estudios
3. A vida na cela do monxe erudito
5. Escritos e pensamentos dun polígrafo




Debuxo dunha pranta carqueixa, obxecto dos estudios botánicos de Sarmiento en Galicia.



Carta a Roque Cousiño, na que lle informa da renuncia á abadía de Ripoll.