![]()
|
3. A vida na cela do monxe erudito Sarmiento vai permanecer no convento en Madrid vinte anos consecutivos, non sendo pequenas visitas e viaxes como o desprazamento que realiza por encargo a Toledo para traballar quince meses no Arquivo da Catedral, outra afección, a da consulta de documentos manuscritos, gracias a cal, uns anos máis tarde, acometería un traballo sobre a "Historia de la Poesía y poetas españoles". "Rara manía a dos españois, en imprimir e reimprimir libros falsos e malvados e deixar perder libros casteláns selectos" O lugar onde pasou a meirande parte da súa vida, o seu habitáculo de estudio e experimentación máis preciado era a súa cela. Unha cela de dimensiois maiores das que un monxe habitualmente usaba e que a mesma Orde lle ofrecera, como facía coa súa alta xerarquía, coa finalidade de rendabilizar a adicación deste home sabio aos intereses da mesma. Visitémola seguindo a descripción dos asiduos contertulios do noso monxe: Adornaban as súas paredes un crucifixo e varios cadros de santos, entre eles un San Bieito. Hai nela varios mobles nobres, destacando dous escritorios, varios baúis e arcas, catro mesas e doce cadeiras nas que acomoda ás visitas. Hai unha arquiña con botes de china para o tabaco, porque Sarmiento é bo fumador e válese dun fusique de prata para sorber rapé e despexar así a cabeza. Tamén é un gran afeccionado ao chocolate, para o que conta cunha chocolateira. Dos aparatos científicos conta cun astrolabio, un estuche matemático, un telescopio inglés e un microscopio de cinco lentes, regalo de Feixoo que eran de gran valor para el. Para un amante da Natureza estes aparatos científicos permitíanlle descubrir "outro mundo de cousas naturais, que antes nos eran case invisibles e outro novo ceo de astros e planetas, que antes nos eran inaccesibles". Alí come e cea, alí recibe a cada vez máis amigos poderosos que lle regalan curiosidades exóticas (caixiñas de ouro ou panos de seda dos que ten máis de trinta novos, pois non os usa). A súa sona de erudito polígrafo vaise espallando pola Corte, especialmente por ser coñecido como o corrector do xa consagrado Padre Feixoo. "Quixo o Reverendísimo Feixoo que eu correxise os seus tomos, así o fixen ata a súa morte". E aínda vai ser máis coñecido e un home público porque "a primeiros de marzo de 1732 xa presentei todo o material dos meus dous tomos da Demostración Crítico-Apoloxética do Teatro Crítico de Feixoo." É o único libro que publica en vida Martín Sarmiento fronte a reacción ao ideario ilustrado que defendían tanto o Padre Feixoo como Sarmiento. Concepcións tan modernas e inauditas na súa época como a de que a diferencia entre homes e mulleres non provén da natureza, como pensaban os seus coetáneos, senón da educación. Todo un alegato da igualdade entre os dous sexos en pleno século XVIII. Por ese tempo desfilarán pola súa cela tanto paisanos emigrados cos que intercambia información e gustaba de falar dos costumes, nomes de plantas, contos e lendas da súa terra, como personaxes ilustres da Corte, amigos do monxe : o Duque de Medina Sidonia, Pedro de Campomanes, o marqués de Aranda, mesmo os fillos do Embaixador de Suecia, chegando a asesorar ao propio monarca Felipe V e, máis adiante ao seu sucesor. As visitas destes personaxes e, cando non, as cartas eran motivo de encargos que solicitanban del diversas investigaciois e estudios. Tamén para a súa Orde será "cronista" e auditor contable para a presentación dos libros aos "capítulos" da mesma. A abundantísisma correspondencia que mantiña servíalle de intercambio e compra de libros e revistas científicas de Europa enteira, ás que tamén estaba suscrito, entre as que non podía faltar unha das obras máis representativas da Ilustración: a Enciplopedia Francesa. Entre os traballos que leva a cabo destacan os encargos reais (Reflexiones literarias para unha Biblioteca Real 1743 ou o Sistema de Adornos de escultura para o Novo Palacio Real) solicitados por FelipeV que a súa morte ratificará o novo rei, Fernando VI. O monxe descansa na súa cela cantando e tocando a viola cítara e tamén ten un oboe. Nas estanterías o seu máis preciado tesouro: máis de 7500 libros nos que metera cantos cartos amañara en traballos literarios e artísticos como o xa citado da Catedral de Toledo ou gracias "á fortuna de venderse con facilidade os meus dous tomos da Demostración, pois doutra forma non puidera pasar de 30 ou 40 libros por falta de medios". Sarmiento era reprendido por Feixoo, seu amigo, cando aos seus corenta e tantos anos non saía da súa cela e non publicaba nada e escríbelle: "Eu confondome e aturullome cando comtemplo que a Vosa Paternidade non pensa senón en meterse no seu currucho e pecharse na súa cela, achándose en idade flamante, con boa saúde, que podía servir moito a Deus e ao mundo". Pero Sarmiento teno claro: "Isto da censura chegou aquí a tan deporable estado que é máis fácil escribir seis tomos que conseguir licencia para imprimir media dúcia de pregos... a min non me collerán pois alisteime na confradía dos mortos..." 4>
Vieiros Letras 2002 |
![]() Útiles e manuscritos de Sarmiento, custodiados no museo de Pontevedra. |