Letras 2002


Martin Sarmiento
•  Axenda
•  Na web

Pola lingua que nos une
•  O galego exterior
•  Concurso
•  Campaña
•  Escolma

Trebellas ou traballas
•  Por un vocabulario sexual galego



2.
Os estudios

"Aos 15 anos, a 3 de maio saín de Pontevedra para Madrid a vestir o santo hábito no Convento de S. Martín" Así deixou escrito e tamén nos descobre unha das grandes paixóns perdurables de por vida: a de ser un ávido lector: "afeccioneime en ler unha Biblia e chegou a tanto que quixen estudiar de memoria e á letra toda a Biblia. Anque tan nobre intento non pasara dunha pueril tentativa, sempre proba a miña grande afección que eu tiña a ler a Biblia e que aínda hoxe conservo"

Sarmiento foi un home relixioso, pero poderíamos dicir que lía coa mesma paixón de todo, el mesmo o confesa: "Gusto moito de ler as verdades diviñas e humanas nas súas fontes orixinais e puras"

Os primeiros estudios lévano ao terreo da Xeografía, da Cronoloxía e a Mitoloxía e xa no curso seguinte en Hylache (Navarra) atopámolo estudiando durante tres anos Artes e Filosofía, seguindo os pasos habituais dos estudios na orde bieita. En 1714 regresa ao Convento en Madrid para entreterse en revisar a biblioteca do mosteiro que posuía máis de dez mil volumes. Sarmiento dende pequeno sempre manifestara interese polas cousas da lingua cando estaba aprendendo a ler a coñecida inscripción da igrexa "Fides, Spes, Caritas" el interpretáraa como: "Feas son estas caritas". Pero foi nos períodos entre curso e curso cando, outra das súas grandes paixóns emerxe con forza: os estudios de filoloxía. Á vez de ser copista polígrafo duns 150 alfabetos de documentos antigos, irá aprendendo idiomas latín, grego, francés, italiano, caldeo, hebreo, árabe, etc... "enton aínda non tiña eu barbas cando tentei facer un vocabulario etimolóxico das linguas latina, galega e castelá" posiblemente para facer fronte as súas dúbidas lingüísticas que tiña como galego falante e polo que confesa recibira algunha burla dos seus compañeiros no convento como moi ben relata na biografía de recente edición do tamén recente e lamentablemente falecido, presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares.

"A principios de outubro saín de Madrid para o colexio de San Vicente de Salamanca a estudiar Theoloxía". Na época salmantina aparecerá matriculado co nome de Frei Martín Sarmiento que xa utilizará permanentemente. O nome de Martín adoptouno en honor do padrón do convento no que profesou, o de Sarmiento, segundo apelido materno, escolleuno ao ter que descartar o de García, pois había varios así matriculados, cousa que tamén se víu obrigado a facer co de Balboa, por haber outro con dito apelido.

Entre curso e curso dos tres anos que cursou en Salamanca volve a Madrid e adícase a diversos estudios entre eles os de Aritmética, "entón formei un taboleiro con 48 pezas, convidei a algúns amigos para que xogasemos á aritmo-maquia" un xogo semellante ao xadrez que sería moi útil segundo Sarmiento confesa para que os nenos aprendan doadamnete as fracciois.

De Salamanca pasou a Eslonza, preto de León, a recibir as obrigadas clases de Pasantía ata que en 1720 sae para Asturias a ensinar Teoloxía, etapa na que por un período de cinco anos mantén un estreito contacto con Frei Bieito Xerónimo Feixoo, do que dicía Sarmiento "préciome de ser o seu discípulo, son o seu paisano, amigo e correspon
sal.". Efectivamente, en 1725 Feixoo comeza a escribir o seu Teatro Universal do que Sarmiento se convertirá en axente literario na Corte madrileña cara onde se desprazaría nese mesmo ano para instalarse alí de xeito definitivo, non sen antes realizar unha viaxe de volta moi especial: "Por xuño saín de Oviedo para Madrid rodeando por Galicia Rivadeo, Mondoñedo, Betanzos, Coruña, Santiago, Pontevedra, ... o obxectivo era despedirse da súa mai, xa dunha idade avanzada:

"-Adeus , Perucho, que nunca me deche que sentir
", serían as derradeiras palabras que recordaba Sarmiento que a súa nai lle dixo ao separarse definitivamente del (súa nai morrería no ano 1737 á idade de oitenta e sete anos)... Tui, Ourense, León e cheguei a Madrid a 27 de outubro de 1725..."


3>
Héctor M. Silveiro Fernández
Vilafranca do Bierzo




VieirosLetras 2002
 


1. Martín Sarmiento, un ilustrado galego de Vilafranca
3. A vida na cela do monxe erudito
4. As viaxes a Galicia fonte dos seus traballos
5. Escritos e pensamentos dun polígrafo




Mosteiro de San Martín de Madrid, segundo un debuxo do século XVIII.