Letras 2002


Martin Sarmiento
•  Axenda
•  Na web

Pola lingua que nos une
•  O galego exterior
•  Concurso
•  Campaña
•  Escolma

Trebellas ou traballas
•  Por un vocabulario sexual galego



1.
Martín Sarmiento, un ilustrado galego de Vilafranca

Un 9 de marzo de hai 307 anos nacía en Vilafranca Frei Martín Sarmiento. Achegámonos a súa traxectoria vital a través deste traballo que foi elaborado coas propias manifestacións autobiográficas deste berciano universal e os datos recollidos en diversos traballos que recentemente se editaron seguindo a autores como Pensado ou Filgueira Valverde, acreditados estudiosos da tan sorprendente como descoñecida figura de Sarmiento.

"Nacín a noite dun 9 de marzo de 1695 en Vilafranca do Bierzo, facendo alí mansión meus pais por algún tempo" así foi, pois o pai de Sarmiento, Alonso García Gosende de Ceraxe, que vira a luz cara o ano 1650 en Cerdedo preto de Pontevedra, era mestre de obras. Formárase en Santiago a carón de grandes arquitectos e veu dar en Samos onde dirixíu as obras do mosteiro que neste lugar se realizaron no ano 1680. Dende alí foi chamado polo Marqués de Vilafranca onde tivo ao seu cargo as obras de remodelación da Colexiata de Sta. María da vila berciana e, máis tarde, o propio pazo dos Marqueses. Nesta vila o 12 de novembro de 1682 casara con Clara Balboa Sarmiento que procedía de Samos, aínda que descoñecemos se foi alí onde se coñeceron. Antes de nacer Sarmiento, o matrimonio tivo en Vilafranca aos seus irmaos maiores Joseph Antonio, Alonso Antonio e María Bernarda.

"Bautizáronme o 19 de marzo na parroquia de Santiago de dita vila co nome de Pedro Joséph García Balboa"

Unha placa situada no ano 1968 faise eco do bautismo de Sarmiento na igrexa de Santiago, enclave significativo do Camiño a Compostela, lugar un tanto apartado da parroquia na que lle correspondería loxicamente bautizarse se temos en conta a situación da súa casa natal, quizás sexa esta unha anécdota premonitoria do gusto polas viaxes e a súa vista posta na terra galega que vai facer de Perucho, así o chamou sempre a súa mai, o padre dos Estudios Galegos.

Ao recibir seu pai, meses despois, unha nova oferta de traballo como Correo maior na vila de Pontevedra, trasládase alí toda a familia e na "Boa Vila", como sempre a chamará Sarmiento, vai transcorrer a súa nenez que ao longo da súa vida terá sempre moi presente.

"Podo dicir que o primeiro obxecto que se imprimíu na miña memoria foron os xigantóns que vín na procesión do Corpus".

En Pontevedra naceron seus irmáns menores Rosa e Francisco Xabier, co cal manterá unha relación moi estreita na súa madurez.

Do seu paso pola escola da Compañía de Xesús onde aprende a ler e a gramática, gardaba na súa excelente memoria, moitos recordos, uns ingratos debidos as experiencias desagradables que lle servirán, máis tarde, como punto de partida as súas reflexións sobre pedagoxía:

"É bárbara crueldade" e "ignorancia inaudita" "que ensinen aos nenos galegos mediante a lingua castelá, que non saben, unha lingua antiga (o latín) que non deben saber, castigándoos se se lles escapa algunha voz ou frase galega"...

Teñamos en conta que se o feito de pegar aos nenos parece ser xa unha práctica desterrada das escolas, non o é o feito de que moitos nenos galego-falantes, son educados aínda hoxe en todas as materias en castelán, desoíndo as recomendacións pedagóxicas máis elementais.

Daquela practicábase o ultraxante método da letra co sangue entra e Sarmiento lembraba: "Acórdome de que estando na escola porque o leigo xesuíta, mestre de ler, me fixo unha pesada burla, chameille a berros fillo dunha puta, sen saber o significado e porque llo escoitaba aos que se irritaban"

Outras curiosidades máis divertidas tamén lle víñan a memoria ao lembrar a escola e asoman nos seus escritos con esa gracia que o caracterizaba: "Recordo un compañeiro meu, feo e desdentado, alcumado "a Morte" do cal souben que paradoxicamente acabaría exercendo a mediciña".

Tres dos catro irmáns da familia foron homes relixiosos. O seu irmán maior ingresaba na Compañía de Xesús en 1704, e Alonso tamén seguía os estudios eclesiásticos para converterse en presbítero, el escolleu a Orde dos bieitos e cursou Artes no Mosteiro de Lérez (Pontevedra) onde, senón coñeceu persoalmente ao que vai ser o seu mestre e amigo, soubo seguramente xa da sona que como home ilustrado gozaba o tamén galego, Pai Feixoo.


2>
Héctor M. Silveiro Fernández
Vilafranca do Bierzo




VieirosLetras 2002
 


2. Os estudios
3. A vida na cela do monxe erudito
4. As viaxes a Galicia fonte dos seus traballos
5. Escritos e pensamentos dun polígrafo




Casa -hoxe derrubada- de Vilafranca que veu nacer ao escritor en 1694.



Aspecto actual do solar, propiedade da Xunta de Galicia, no que se construirá un centro cultural.