Letras 2002


Martin Sarmiento
•  Biografía
•  Axenda
•  Na web

Pola lingua que nos une
•  Concurso
•  Campaña
•  Escolma

Trebellas ou traballas
•  Por un vocabulario sexual galego



O galego nas Portelas

(...) As Portelas é unha pequena bisbarra que abrangue os vales altos do Tuela, que logo se chama Túa en Portugal, e do Bibei, que logo de pasar por Porto, á altura de Pías, dá unha reviravolta cara o Sil. Son os concellos de Porto, Pias, Lubián e Hermisende os que compoñen esta bisbarra de fala galega na provincia de Zamora: un total de quince vilas.

Socioloxicamente, tratase de concellos pobres metidos no medio da Serra, moi minguados pola emigración a Barcelona, País Vasco e Madrid. A densidade de poboación anda polos catro habitantes por quilómetro cadrado, e agora mesmo non nos xuntamos máis de mil setecentas almas neste recuncho.

Lingüísticamente, somos galegofalantes, aínda que o noso galego sexa un galego diferente ao que podo ler nos libros. Este galego ten unhas características que vou tentar resumir.


1.
Características do noso galego
Nos concellos de Hermisende e Lubián, formados por estes lugares e máis os de Padornelo, Acibeiros, Edroso, Chaos, As Edradas, Castrelos, A Teixeira, San Ciprián e Castromil, somos teístas e leístas. En Vilanova, Pías, Barxacova e Porto, pola contra, utilizan o "che" e o "lle". Esta é posiblemente a única diferencia lingüística entre a Tuela e o Bibei.

Os plurais facémolos en ois, no que nos parecemos aos veciños portugueses, pois non podemos esquecer que estamos nunha confluencia de culturas, e que todas elas teñen que influír no noso xeito de falar, dende a portuguesa á leonesa.

Dicimos palabras como muto, escutar, cutado, truta, luta, entrudio. E tamén hai diferencias co galego, chamémoslle "académico", nas conxugacións verbais, que supoño que serán vulgarismos.

Temos un léxico rico en palabras que aparecen no Diccionario Galego: enxarnar, cheira gateiras, zangarello, pincha carneira, enlarafuzar, larego, magote, fainto, cereixal, treixa, curriacheiro, bulló, mamota, cacafú, encarriscar.

Cando me poño a escribir e me veñen palabras coma estas á punta da pluma, búscoas no diccionario: algunhas veces atopo outras parecidas, e poño a do diccionario; outras veces espeto a palabra no medio do texto porque si, porque me pareceu fermosa, e se non aparece recollida, que a recollan.

Hai tamén un significado diferente nalgúns vocablos entre o galego noso e o da outra Galicia: por exemplo fraga, que no galego que vén nos libros parece ser un bosque pecho, mentres que nas Portelas é a roca nai.

E logo, andando polas escolas da bisbarra, áchome con sorpresas coma esta:
Na primavera, ao entrar un día na escola de Barxacova, había un bote cun mangado de narcisos, e dixen:

- Este ramo de cacaragalos queda confiscado para a miña muller.

E os rapaces ríronse de min por chamarlle cacaragalos ás churidas, que é como lles chaman os de Barxacova. Preguntei logo en Porto, tamén aos rapaces da escola, cos que sempre falo en galego nesas dúas vilas, como se chamaban unha flores amarelas que nacen por maio nalgúns lameiros, e dixéronme que "gatamerendas". O "Estravís" recolle a voz de "cacaragalo" coma unha flor que nace no alto da serra de Lubián polo mes de San Xoan, sen saber que un cacaragalo é un amarelle.

(...) Aproveitando que andabamos no tempo das cacaforras, preguntei en Porto polo nome máis popular, que é a lepiota. En Lubián sempre lle chamamos cocordín, e se aínda está pechado, mazaroco. Agora xa lle chamamos cucurril, coma os xabreses (xente de Sanabria). Pois os de Porto teñen tres nomes para esta cacaforra: choupín é o mazaroco. Cando está a medio abrir, chámase cocogordo, e xa aberto de todo, patamela.


2.
A nosa identidade
Hai fondas diferencias entre nós e os xabreses, como a lingua, pero a actitude deles é boa. Paréceme que non lles senta mal que falemos como falamos.

O que non sentou ben, alá polo setenta e nove, foi que houbo unha reunión de concelleiros de toda a zona electoral de Puebla de Sanabria cos deputados e senadores da UCD de Zamora, que eran sete de oito, para explicarnos os artigos cento cuarenta e tres e cento cincuenta e un da Constitución, coa intención de que nos concellos escolleramos a vía lenta para a autonomía de Castela e León.

Eu expuxera en público a necesidade de que no meu concello, falando de comunidades autónomas, o primeiro que tiñamos que facer era preguntarnos cal tiña que ser a nosa. Aí levei a abouxada máis grande da miña vida.

Non acho diferencias coas Frieiras. Pero, pola contra, a actitude dos frieireses é menos boa cá dos xabreses. Pensan que falan mellor cá nós, e non é verdade, só porque son cheístas e lleístas. Na Vilavella rinse de nós, coitados eles. A un conductor de Lubián, que foi camioneiro, chámanlle "O Doule" porque dicimos "doule" no canto de "doulle".

Na Gudiña rinse tamén de mozos de aquí casados alí, ou con rapaza, porque os meus veciños din palabras como espalladeira en lugar de forquita, toque en vez de toco e garapio en lugar de guincho do esterco.

Hai dezaseis anos encargáronme a min os mozos de Lubián que fixera nunha imprenta de Zamora o cartel da Tuíza, que é unha romaría de Lubián e de Chaos. E, despois de pensalo un pouco, collín e mandei facer este cartel: "Espúrrete, desengónzate, enramállate, quita a ferruxe na Tuíza de Lubián".

O cartel tivo moito aprecio entre a mociade lo lugar. Os vellos colearon ao velo, como para espantar as moscas, por aquelo de enramallarse e quitar a ferruxe. Pero o que máis mal me sentou foi o comentario dunhas rapazas da Vilavella ao ler o cartel:

- Mira, coitadiños, queren ser galegos. Qué risa.

O certo é que o galego vén sendo a lingua dos plenos do concello -non das actas- desde sempre. O galego nunca deixou de ser a lingua dos concellos ou acordos. E agora mesmo, está tamén a ser a lingua dos bandos do concello de Lubián, aínda que tamén se fai a versión castelá.

(...)

Para resumir: o compás da nosa identidade anda tolo. O seu norte é o oeste. Hai que fixar nela ese punto cardinal.

Por iso quero aproveitarme desta ocasión, achándome infiltrado, aínda que esta non é a palabra axeitada, no mesmo centro do corazón de Galicia, para acabar tamén cun chiste doutro humorista, este galego, coñecido por Quesada:

"Estaba un labrego cheo de remendos, dobrada a soá, co sacho na man, na súa cortiña, e aparece un periodista cun micrófono e outro cunha cámara de TVE:

- Fale cuto e clariño, que van escoitalo en toda España.
- ¡Socorro!

E eu tamén quero facer igual: Precisamos nas Portelas a Televisión de Galicia, participación nas actividades culturais programadas pola Xunta, cursos de galego, conferencias en galego, teatro galego, biblioteca galega,...

Como o labrego de Quesada, a miña mensaxe está nesta palabra: SOCORRO.

Felipe Lubián Lubián
Mestre e alcalde de Lubián
Procurador polo PSOE nas Cortes de Castela León



VieirosLetras 2002
 


O galego exterior
Quen é quen nas Portelas
Como vive o galego no Bierzo
Como vive o galego no Eo-Navia
Como vive o galego no Val das Ellas




Vieiros As Portelas