Letras 2002


Martin Sarmiento
•  Biografía
•  Axenda
•  Na web

Pola lingua que nos une
•  Concurso
•  Campaña
•  Escolma

Trebellas ou traballas
•  Por un vocabulario sexual galego



O galego no Eo-Navia

1.
A situación xeográfica, histórica e socioeconómica
O topónimo Eo-Navia aséntase coma denominación correcta dunha zona galego falante que malia todo pasa os límites do río Navia en varios concellos e ten sido chamada outras veces Asturias Occidental ou Entrambasaugas. Son 18 concellos, aínda que algún deles non ten poboación galegófona en tódalas súas parroquias: Castropol, Taramundi, A Veiga, Santiso de Abres, Santalla de Ozcos, San Martín de Ozcos, Vilanova de Ozcos, Grandas de Salime, Tapia de Casarego, El Franco, Coaña, Pezós, Boal, Eilao, Ibias, Allande, Villallón e Navia. Na denominación da lingua, as diferentes posturas xeraron un bo número de termos: galego, gallego, galego asturiano, astur-galaico,...

A comarca historicamente pertenceu a Galicia. A cultura castrexa é un bo exemplo, e os terreos entre Eo e Navia pertenceron e foron romanizados baixo as influencias sociais e culturais do Conventus Lucensis. En varios documentos, a comarca englóbase no reino de Galicia.

Ademais da lingua existen outros vencellos co mundo galego: Arquitectura popular (hórreo rectangular galego ou cabazo, as pallozas,... ); Mitoloxía moi semellante á galega, nalgúns casos exactamente igual; Gastronomía; Música, aínda que se critica unha forte aculturización nestes últimos anos por parte das institucións asturianas, sustituíndo a gaita galega pola asturiana e asturianizando pezas galegas.


2.
O Goberno do Principado de Asturias
O Estatuto entra en vigor en 1982 cun texto cheo de lagoas, e especialmente no que se refire á lingua, xa non só á asturiana, senón que o galego de Asturias parece estar dentro do que eles chamaron "bable". Nesta época Esquerda Galega pide que o galego de Asturias apareza na redacción do Estatuto, ao que se opón o presidente asturiano.

No mes de maio do 2000, o Goberno Asturiano di que: "El Principado potenciará la lengua gallego-asturiana en la zona Navia-Eo en común acuerdo con la Academia de la Llingua Asturiana".


3.
A Academia de la Llingua Asturiana (ALLA)
Celebra a súa primeira sesión o 16 de maio de 1981. Aos seus dirixentes ténselles acusado de intransixencia. Coexisten varias tendencias dentro dela, enfrontadas entre si, pero co galego de Asturias forman unha fronte común, agás honrosas excepcións como o académico Ramón d’Andrés, que fala de galego e asturiano coma linguas autóctonas e unha foránea, o castelán, en coexistencia. En 1986 tenta facer cursos de asturiano na Veiga e Navia, e dada a contestación social, que despois daría lugar á creación do Grupo Eilao replegou, para fundar un ‘submarino’ no ano 1995. A "Secretaría Llingüística del Navia-Eo-Academia de la Llingua Asturiana", que edita unha revista chamada "Entrambasauguas" coa normativa do asturiano. En varias ocasións arremeteron contra a ‘inxerencia occidental’. O Presidente en funcións en xuño do 2001, Miguel Ramos, di que os galegos non teñen "pito" que tocar nesta zona. A súa última presidenta, Ana Cano, prometeu velar "pola variante llingüística gallego-asturiana o astur-galaica", segundo os estatutos da institución e dixo que "Ente los ríos Navia y Eo fálase una llingua de transición, con unes isogloses que nunca coinciden unes con otres".


4.
Os partidos políticos asturianos
Electoralmente, no Eo-Navia houbo unha hexemonía da UCD que logo e ata a actualidade, pasa ao PSOE, aínda que existen certos concellos da dereita.

O PSOE posúe unha política lingüística ambigua para Asturias, aínda que nos sectores nacionalistas asturianos se lle pon co PP como culpable da situación de falta de cooficialidade da lingua asturiana. Respecto ao galego de Asturias, existen grandes diferencias entre a militancia. As Juventudes Socialistas de Asturias (JSA) acusan aos maiores de non defender "a fala", pero sempre deixando claro que a consideran diferente do galego e do asturiano.

A postura do PP é contraria á cooficialidade do asturiano usando ás veces a situación lingüística do Navia-Eo contra os sectores asturianistas na súa defensa da inexistencia do asturiano.

IU, non ten unha postura clara. Nos últimos anos alíñanse coa Academia.

O Partíu Asturianista (PAS), foi impulsado en 1985 por un exdeputado socialista saído da Academia por diferencias co presidente e famoso tamén polo seu enfrontamento con Méndez Ferrín nunha reunión celebrada en Galicia sobre o asturiano e o galego de Asturias.

A liña ideolóxica non está definida. Repite cun deputado no parlamento do 95, pactando co PP de Sergio Marqués, e sacando adiante a Ley de Uso y Promoción del bable/asturiano, en 1998, pero opoñéndose a que na lei apareza referencia ao galego de Asturias. Un ano antes cualificaran de delirante e vexatoria a pretensión do BNG de que se aprenda galego no Eo-Navia.

A Unión Renovadora Asturiana (URAS), é un partido rexionalista, escisión do PP logo da crise no goberno de 1998. Nega a existencia do galego de Asturias, malia contar nos cadros con nacionalistas xa históricos procedentes de UNA ou PAS.

Andecha Astur (AA), nace en 1990 de forzas nacionalistas de esquerdas. Nos seus puntos fundamentais vai a integridade territorial asturiana onde suman terras ao Norte de León, Valdeorras e La Liébana cántabra. Do Eo-Navia din que alí se fala asturiano ou unha variante. A súa política lingüística recóllese nun documento denominado Exes onde acusan "varios sectores xeran unha situación conflictiva no proceso normalizador do asturiano aproveitando a existencia de falas de transición entre os ríos Navia e Eo, que se espallan tamén máis aló do Eo, no oriente galego" e din que "se quere rachar a integridade lingüística asturiana". Piden medidas contra a "continua agresión sociolingüística que padecen desde Galicia" e son moi críticos coa MDGA. Teñen boicoteado a presentación dun libro de Xavier Frías sobre o galego exterior e mobilizado tras de pancartas co lema "Galleguización non".

O Bloque de Izquierda Asturiana (BIA) nace como coalición de forzas de esquerda, unha delas escisión de AA. Sobre a cuestión lingüística do Eo-Navia manteñen unha postura ambigua, pero máis dialogante que. Aceptan tanto "fala" como "gallego-asturiano". Algúns deles, PCPE, admiten a oficialidade do "gallego-asturiano" no seu ámbito.

A desaparecida Xunta Nacionalista Astur (XNA) presentara un anteproxecto da Lei de Normalización do Asturiano, rexeitado, onde recoñecían que o falado no occidente non era asturiano. Nesa liña tamén estaba a Lliga Asturiana.


5.
Os medios asturianos
O trato que recibe o movemento galeguista é moi desigual. Mentres o xornal de Xixón "El Correo" mántense nunha maior obxectividade, "La Voz de Asturias" fluctúa segundo ás veces. O máis belixerante é "La Nueva España". Actualmente depende do Grupo Moll e ponse como paladín moitas veces da asturianía. En 1996 aparece "Les Noticies", escrito enteiramente en asturiano, con bo trato ás noticias relativas ao galego e algún editorial valente sobre o tema.


6.
As asociacións culturais asturianas
A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana, pasou por varias xeiras, unha en colaboración coa MDGA, anos máis tarde baixo o control de AA, e agora cunha postura menos dura no conflicto lingüístico do Eo-Navia. En 1996 publican un manifesto pola oficialidade da lingua asturiana, ao que suman un apartado do galego de Asturias.

A Fundación Belenosé unha das máis belixerantes con Galicia, sendo varios deles abertamente antigaleguistas. Publica a revista "Asturies" onde o movemento nacionalista galego non sae nunca ben parado. Moitos dos seus integrantes son tamén membros de AA. Representa as esencias da "alma celta" asturiana, e acúsaselle de ter falsificado datos etnográficos, arqueolóxicos ou históricos relacionados co Eo-Navia, Galicia e o mundo céltico en xeral.

A Mesa pola Defensa del Galego de Asturias (MDGA). (Ver na sección Quen é Quen no Eo-Navia).

Xeira, nace no 1990, cunha posición "claramente asturiana", denunciando a situación de abandono cultural da zona occidental, integrada por cincuenta persoas, e con fins culturais, ecolóxicos e lingüísticos, propiciada polo PSOE. Califican a normativa da MDGA como "impresentable", rexeitando a denominación de galego de Asturias e propoñendo a de "gallego-asturiano". Nas súas publicacións seguen normas onde sempre se escolle a forma que máis se diferencie do galego.


7.
O problema desde Galicia
No PP non acostuma a aparecer o tema do galego de Asturias nos seus programas, pero si membros teñen falado de defender o galego alí onde se fale. A Xunta dálle subvencións á MDGA.

O PSOE é o partido menos interesado na cuestión e respecto ás organizacións nacionalistas galegas en Asturias é e foi practicamente inexistente, agás algunha colaboración na zona de Comisións Labregas ou o BNG, pero sen ningún tipo de incidencia ou de inxerencia política. A TVG ampliou cobertura co reemisor do Mondigo en Ribadeo, moi criticado polos sectores asturianistas. É doado captar a imaxe desta televisión na bisbarra Eo-Navia, e mesmo nas zonas centrais asturianas como Avilés e Lluanco, cunha audiencia estimada do 13% no Eo-Navia. Axudou moito á revalorización da cultura galega de Asturias.


Carlos Varela
Etnólogo



VieirosLetras 2002
 


O galego exterior
Quen é quen no Eo-Navia
Como vive o galego no Bierzo
Como vive o galego nas Portelas
Como vive o galego no Val das Ellas




Vieiros Terra Eo-Navia