Letras 2002


Martin Sarmiento
•  Biografía
•  Na web

Pola lingua que nos une
•  O galego exterior
•  Concurso
•  Campaña
•  Escolma

Trebellas ou traballas
•  Por un vocabulario sexual galego



Axenda de Galicia

A Coruña

Luns 13 de maio
    Maratón de lectura en galego, na Praza de San Rosendo, de catro a oito da tarde. Poden ser textos de Sarmiento, calquera fragmento da literatura galega ou creacións propias, sempre e cando estean en lingua galega.


Burela

Sábado 18 de maio
    O colectivo Berbés celebra o Día das Letras con actividades para todos os gustos. A asistencia é gratuíta e contan con zona de acampada.
    Ás 17:00 horas, teatro para nenos na casa da cultura de cunha nova estrea interactiva da Escola de Teatro alternativo de Compostela.
    Ás 22:00 horas, concerto na carpa da praia da Marosa, presentado polo guitarrista Miguel Ladrón de Guevara. Actúan Os Diplomáticos do Acordeón, Alberto Bundi e a Turma, e O Jarbanzo Negro. Os gaiteiros de Mistura amenizarán a espera entre grupo e grupo.
    Xa avanzada a noite, farase a tradicional queimada, que coincidará co Irmandamento co Lugnasad, un festival de Bretoña. A xente de Nullán encargarase de traer os bolos preñados un ano máis para calmar a fame da madrugada.


Carral

A asociación de Músicos en Lingua Galega (Amelga) o colectivo A Cara Van e a Concellería de Cultura de Carral organizan un festival interdisciplinar nesta vila coruñesa. Haberá unha carpa musical para resgadarse e unha zona de acampada gratuita, con servicio de barra.

Venres 17 de maio
    A festa comeza ás once da mañá, con animadores na rúa. Á unha da tarde e ás 16.30 horas haberá senllas funcións de títeres.
    Os cantautores Paloma Suanzes e Martín Blanes darán un concerto ás 18.30 horas e ao remate, ás oito e media da tarde, está prevista unha nova función de títeres, esta vez para adultos. Pola noite, na carpa musical de Amelga, tocan os grupos Roquementroque, Jarbanzo Negro, 5 Talegos e o dj Feel.

Sábado 18 de Maio
    Pola mañá haberá animación de rúa e pola tarde, das 16:30 ás 19:30 horas, unha función especial de títeres e música, con A Cara Van, Marisol Manfurada e a Toxeira.
    O festival clausúrase á noitiña co concerto múltiple de Cachimonia, Banda Melgacha, Ruxe Ruxe, Zënzar, Non Residentz, Dr. Think e Lord Keison, na carpa de Amelga.


Costa da Morte

Do 12 ao 19 de maio
    A asociación cultural Monte Branco de Ponteceso festexa o Día das Letras cunha manchea de actos, que se desenvolverán entre o 12 e o 19 de maio. Haberá recitais poéticos, danza, teatro, cine e música en vivo.
    A estrela invitada é a escritora Concha Blanco, de Lires (Cee) autora dunha extensa obra de literatura infantil. Poden consultar o programa completo na web da asociación.


Ferrol

Venres 17 de maio
    A celebración do Día das Letras trasládase este ano ata Doniños, onde se vai rememorar a visita de Sarmiento á cidade no ano 1745, en pleno periodo da Ilustración. O acto, no que se promocionarán os libros galegos de todos os xéneros, contará ademais con música e cunha representación teatral.


Lugo

Domingo 12 de maio
    Festival de baile tradicional dos escolares dos colexios públicos da cidade, na Praza Maior. Ás 13.30 horas.

Luns 13 de maio
    O salón de actos do Centro Social Municipal Uxío Novoneyra acolle unha mesa redonda baixo o título "Polo dereito fundamental a aprendermos en galego". Ás 20.00 horas:

Martes 14 de maio
    Conferencia do Sr. Francisco Calo Lourido sobre Frei Martín Sarmiento no salón de actos do Centro Social Municipal Uxío Novoneyra, ás 20.00 horas.

Xoves 16 de maio
    Concerto pola lingua na Praza de Santa María, a partir das dez da noite. Actúan o cuarteto de música tradicional Alto Minho, Quempallou e Ruxe-Ruxe. O grupo Estoupacaldeiros encargarase de animar o ambiente na rúa.

Sábado 18 de maio
    "Un paseo pola nosa literatura", percorrido urbano polas rúas luguesas vencelladas aos escritores galegos, con punto de partida na Praza Maior, diante do Concello, ás 11.00 horas.

Mércores 22 de maio
    Presentación do libro Vanguardia Gallega de Xulio Pardo de Neyra, no centro social municipal Uxío Novoneyra, ás 20.00 horas.

Venres 24 de maio
    Inauguración da exposición dedicada a Frei Martín Sarmiento no corredor da Casa do Concello, ás 12.30 horas.

Venres 31 de maio
    "Festa das Letras II. Lectura de textos literarios de distintos autores no salón de actos do centro Uxío Novoneyra, a partir das 20.15 horas.


Ourense

Venres 17 de maio
    O Festival da Cidade das Burgas chega á súa terceira edición para poñerlle a banda sonora ao Día das Letras ourensán. Unha boa representación de grupos locais de danza tradicional, e tamén do resto de Galicia, actúan na Praza Maior a partir das 17.00 horas.


Padrón

Domingo 19 de maio
    A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro fai entrega na Casa Museo de Rosalía dos seus tradicionais galardóns, que este ano recoñecen o traballo a prol do galego fóra das fronteiras administrativas de Galicia.
    O Pedrón de Honra recaeu na Mesa Prá Defensa do Galego de Asturias, na Escola de Gaitas de Vilafranca, na asociación Xeito Novo das Portelas e en Felipe Lubián, alcalde de Lubián (Zamora). O gañador do Pedrón de Ouro é Luciano García Alén, fundador no ano 1986 do Clube Nacionalista Alén Nós.


Santiago de Compostela

Luns 13 de maio
    Lectura pública de textos educativos en galego, na Fundación Granell, a partir das sete da tarde. O acto enmárcase dentro da campaña 'Polo dereito elemental a aprendermos en galego", promovida por diversos colectivos.

Xoves 16 de maio
    O Consello da Gultura Galega presenta ás doce da mañá o "Coloquio en 1.200 coplas galegas", a única publicación de Frei Martín Sarmiento en galego, descuberta e rescatada da Biblioteca Nacional en Madrid.

Venres 17 de maio
    O presidente da Xunta, Manuel Fraga, fai entrega do Premio das Letras e das Artes de Galicia, que o ano pasado recaeu sobre o xeógrafo Francisco Río Barja.
    Manifestación baixo o lema "Polo dereito elemental a aprendermos en galego", convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, AS-PG, BNG, CAE, CAF, CIG, Nova Escola Galega e SLG. A marcha parte ás doce do mediodía da Alameda e conclúe na Praza da Quintana.
    Rota rosaliana de motocicletas clásicas. Ás dez da mañá parte da Praza Roxa a excursión organizada polo motoclub Compostela, que visitará Brión, Bastabales e Padrón.
    A Assembleia da Língua organiza unha festa na Praza de Mazarelos, baixo o lema "A nossa língua é mundial". Haberá pasarrúas, xogos populares, xantar, contacontos e, a partir das 21.00 horas, concertos. Actúan Zanga-lha, Manga-lha, Brasil & Funk e Skárnio.

Ata o 7 de xuño
    A Consellería de Cultura e o Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento organizan o curso "Significar o patrimonio: a pragmática da posta en valor dos restos arqueolóxicos", que se desenvolverá todos os venres de maio, ata o 7 de xuño. As xornadas van dirixidas aos profesionais da arqueoloxía e inclúe unha práctica de campo, o 25 de maio.

Do 2 ao 4 de setembro
    Congreso Internacional de Onomástica Galega Frei Martín Sarmiento, organizado polo Instituto da Lingua Galega, a Asociación Galega de Onomástica e a Real Academia Galega.
    Máis información nesta web.


Vigo

Xoves 16 de maio
    O Correlingua, a marcha en defensa do galego, chega á súa fin na cidade olívica. A popular carreira discorrerá da praza do Rei ata Castrelos, onde ten fixada a meta.

Venres 17 de maio
    A Casa da Cultura de Vigo acolle ata o Día das Letras unha exposición sobre a figura de Frei Martín Sarmiento. Ademais, o concello vai distribuir libros sobre o ilustrado galego nos centros de ensino da cidade.


VieirosLetras 2002
 


Axenda de Pontevedra e Vilafranca


Día das Letras 2002 no resto do mundo
Euskadi
Andorra
Barcelona
Bos Aires
Bruxelas
Italia
Suecia