Vieiros
Letras galegas 2001




As homenaxes foron para
1963: Rosalía de Castro (1837-1885). Coa súa obra, poética, intimista e comprometida, ten aberto para a lingua galega un período de esplendor.

1964: Afonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950). Escritor, debuxante, político, médico, e incluso actor afeccionado, demostrou coa súa traxectoria vital un compromiso de solidariedade e amor por Galicia.

1965: Eduardo Pondal (1835-1917). O bardo bergantiñán abriu novos camiños coa súa temática celta e intención cívica para a redención total do pobo galego.

1966: Francisco Añón (1812-1878). Poeta do prerexurdimento , participante nun volume esencial na historia da literatura clásica "El álbum de la Caridad".

1967: Manuel Curros Enriquez (1851-1908). Verdadeiro poeta civil de Galicia, soubo recoller nos seus traballos a sensibilidade e os desexos do pobo para quen escribía.

1968: Florentino López Cuevillas (1886-1958). Investigador e literato da Xeración Nós, deixou espalladas por distintas publicacións verdadeiros módelos de bo escritor.

1969: Antonio Noriega Varela (1869-1947). Con Montañesas e Do ermo, foi quen de buscar e espallar a beleza e a sensibilidade das cousas máis pequenas, da natureza.

1970: Marcial Valladares Núñez (1821-1903). Autor da primeira novela galega impresa en Galicia, Maxina ou a filla espúrea.

1971: Gonzalo López Abente (1878-1963). O intimismo e a sinxeleza son as características principais do autor de Cintileos nas ondas, poeta e narrador.

1972: Valentín Lamas Carvajal (1849-1906). Espiñas, follas e froles é o nome do seu principal libro. O autor ten ademais a importancia de ser o editor do diario O tío Marcos da Portela, primeira publicación periódica escrita integramente en galego.

1973: Manuel Lago González (1865-1925). Poeta formalista e versificador nato, membro da Real Academia Galega, puña freo á súa inspiración coa rixidez e norma que lle influíron os seus estudios eclesiásticos e da literatura de carácter relixioso.

1974: Xoan Vicente Viqueira (1886-1924). Inspirador das Irmandades da Fala, destaca sobre todo polo seu labor como pensador e activo defensor de reformas encamiñadas á innovación e galeguización do sistema educativo.

1975: Xoan Manuel Pintos (1811-1876). Precursor do Rexurdimento, A Gaita Gallega convérteo en pioneiro do uso do galego en moitas formas poéticas e mestre induscutible das importantes figuras do noso renacemento literario.

1976: Ramón Cabanillas (1876-1959). Poeta, autor teatral, traductor e narrador, consíderase o Poeta da Raza pola súa variedade de rexistros temáticos -amoroso, relixioso, épico, etc...- e estilísticos.

1977: Antón Vilar Pont (1881-1936). Principal prosista da xeración das Irmandades e artífice da renovación ideolóxica no pensamento nacionalista destaca polos seus traballos xornalísticos e ensaísticos.

1978: Antón López Ferreiro (1837-1910). É sen dúbida un dos grandes escritores e pensadores da Galicia do fin de século, continuador tardío da novela romántica. A súa principal achega é A tecedeira de Bonaval.

1979: Manuel Antonio (1900-1930). Principal poeta das vangardas galegas que soubo atopar un lugar, con De catro a Catro, entre a liña ruralista dos seus antecesores e a europeísta da Xeración Nós coa introducción do espírito renovador dos ismos europeos e hispanoamericanos.

1980: Afonso X O Sabio (1221-1284). Nel quíxose facer mención a tódolos autores da súa corte que formaron a máis importante colección de poesía medieval galego-portuguesa de temática relixiosa, As Cantigas de Santa María.

1981: Vicente Risco (1884-1963). Membro do Grupo Nós, destaca pola súa personalidade individualista e conflictiva, aspectos que se reflicten en moitas das súas obras, O porco de pé e Do caso que lle aconteceu ó Doutor Alveiros, e nas que se mostra un amor enorme por Galicia.

1982: Amado Carballo (1901-1927). Proel e Obra en prosa e verso, compilada por Xosé María Alvárez Blázquez, son as únicas obras deste autor que, con Manuel Antonio, elevou a literatura galega a cotas universais.
1983: Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). Compañeiro de Curros e Lamas Carvajal na literatua finisecular, os seus traballos poéticos están espallados por unha chea de publicacións que recollen a súa sensibilidade e entrega aos máis desfavorecidos.

1984: Armando Cotarelo Valledor (1879-1950). Presidente do Seminario de Estudos Galegos, é sen dúbida o primeiro dos autores teatrais importantes de Galicia, tal e como demostran as súa obras Trebón, Beiramar e Mourenza.

1985: Antón Lousada Diéguez (1884-1929). Membro fundamental da Xeración Nós, sen el é imposible entender o camiño do nacionalismo político e cultural. Prosista con influencias na tradición popular e poeta ocasional, as súas obras foron recollidas por Xusto González Beramendi.

1986: Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). Señardá, Corazón ao vento e Cómaros Verdes son as tres principais obras poéticas de quen soubo recoller as máis diferentes influencias da literatura do seu tempo (Antero de Quental, hilozoísmo, etc...), facendo unha poesía nova e ricaz.

1987: Francisco Herrera Garrido (1869-1950). Néveda, novela de forte inspiración posromántica, fai da súa autora unha das máis importantes figuras femininas da liteatura galega, sendo considerada coma discípula de Rosalía.

1988: Ramón Otero Pedrayo (1888-1976). Pouco se pode dicir en tres liñas de quen foi o grande mestre da Xeración Nós e renovou e ampliou os lindes da literatura galega moderna.

1989: Celso Emilio Ferreiro (1912-1979). Nunca un libro, Longa Noite de Pedra, serviu tan marabillosamente para reflectir unha sociedade en loita pola súa liberdade e dar a coñecer a un poeta, que con toda a súa producción poética e prosística, é o poeta cívico e moral, por excelencia, dos tempos modernos.

1990: Luis Pimentel (1885-1985). Poeta lugués que reflicte un tempo de inquedanzas e desexos de paz en libros coma Triscos e Sombra do Aire na herba, publicado postumamente.

1991: Álvaro Cunqueiro (1911-1981). Poeta, narrador, autor teatral, pensador e ensaísta que deu ós novos autores, un mundo cheo de suxestións e camiños para descobrir e que fose posible o seu desexo de que a lingua galega tivese mil primaveras máis.

1992: Fermín Bouza Brey (1901-1973). Con Nao senlleira abre unha das máis importantes liñas poéticas da nosa litetura, o neotrobadorismo, que serviu para achegármonos ó fascinante mundo da literatura medieval galego-portuguesa.

1993: Eduardo Blanco Amor (1879-1979). Considérase coma un dos grandes novelistas da literatura galega con obras coma Xente ao lonxe, A esmorga, Os biosbardos , etc...

1994: Luís Seoane (1910-1979). Con este autor represéntase o labor dos galegos no exilio. Figura polifacética e complexa, Seoane é poeta e prosista ocasional que non pode desbotar as cargas do seu compromiso político e social en defensa da liberdade.

1995: Rafael Dieste (1899-1981). Pertence á chamada Xeración do 22. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra Valdeira e Dos arquivos do Trasno, tentou de modernizar o sistema literario galego, afastándoo do ruralismo.

1996: Xesús Ferro Couselo. Aínda que ten publicado algún artigo sobre o galego e a súa historia, Ferro Couselo foi un historiador e divulgador do pasado de Galicia e, en concreto, de Ourense e a súa provincia.

1997: Anxel Fole Sánchez (Lugo, 1903-1986). Este autor, fundamentalmente escritor de relatos, foi un grande retratista da Galicia de posguerra e soubo incorporar á súa paisaxe narrativa toda a esencia da nosa tradición cultural. Probablemente a súa obra máis coñecida é "Á lus do candil " de 1953.

1998: Meendinho, Johám de Cangas e Martin Codax. Representantes da etapa histórica en que a nosa literatura se desenvolvía nun contexto de normalidade lingüística e cultural, trascendendo a importancia do corpus literario galego as fronteiras do noso país.

1999: Roberto Blanco Torres (1891-1936) Este xornalista, autor de Orballo da media noite, impulsou o labor periodístico da II República e morreu fusilado en Entrimo polas tropas fascistas.

2000: Manuel Murguía (1833-1923) Impulsor ideolóxico do Rexurdimento e do rexionalismo, este arteixán que foi home de Rosalía, destacou polo seu labor como historiador e dinamizador cultural.

Letras 2001 | Eladio Rodríguez | O Diccionario de Eladio | Diccionario de ausencias | Diccionario de preferencias | Necesariamente X