Vieiros
Letras galegas 2001


Quen e Eladio Rodriguez


Eladio Rodriguez


Apuntamentos biográficos

D. Eladio Rodríguez González (Ponte de San Clodio-Leiro-Ourense, 1864 / A Coruña, 1949) foi funcionario do Concello da Coruña e xornalista por profesión e, por afección, poeta, lexicógrafo e activista cultural.

Como xornalista profesional iniciouse no xornal coruñés La Mañana, no que entra como redactor no ano 1888 e do que sería posteriormente director. A partir do ano 1896 pasa a dirixir El Noroeste (A Coruña) e dende o 1905 é correspondente do ABC (Madrid). Ademais destes labores tamén colaborou en numerosas publicacións da época (O Tío Marcos da Portela –Ourense-, A Gaita Gallega –A Habana-, Galicia –A Coruña-, A Nosa Terra, etc.) e participou na fundación da Asociación de Prensa da Coruña, da que chegaría a ser presidente.

Como poeta recibiu numerosos galardóns en distintos Xogos Florais e Festas da Lingua (antecedentes dos actuais premios literarios), recitou en numerosos actos públicos e publicou tres libros de poesía Folerpas (1894), Raza e Terra (1922) e Oraciós campesiñas (1927).

Como activista (se cadra resultaría máis politicamente correcto dicir, animador) cultural formou parte da Cova Céltica (1894), foi membro fundador da Real Academia Galega (1906), da Irmandade da Fala da Coruña (1916) e do coro Cántigas da Terra (1917). No ano 1920 foi nomeado secretario da Real Academia Galega e no 1926, presidente, cargo ó que renuncia por cuestións de saúde no 1934.

Como lexicógrafo traballou dende o 1914-1916 na elaboración do Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano, do que foi anunciada varias veces a súa saída, pero que el non puido ver impreso en vida. A edición do primeiro tomo desta obra realizouna a editorial Galaxia no ano 1958, nove anos despois da morte do seu autor. Á parte dos seus outros méritos, Eladio Rodríguez González, ten un espacio reservado na historia da lingua galega por se-lo autor desta magna obra. Virán moitos outros traballos posteriores que o superen, pero xa ningún terá o mérito de se-lo primeiro gran diccionario da lingua galega.

(Datos escolmados de Liñares, X. A. / Puentes, A. (2001): "Diccionario". Eladio Rodríguez. Santa Comba: 3C3.)


 

Letras 2001 | O Diccionario de Eladio | Outras homenaxes | Diccionario de ausencias | Diccionario de preferencias | Necesariamente X