Vieiros
Letras galegas 2001


Diccionario enciclopedico


Dicciomario


Algunhas reflexións sobre o seu significado na lexicografía galega.
Antón Santamarina


D. Eladio parece que tiña un raro meigallo sobre si. É, no meu entender unha das figuras de nación coas que a cultura galega ten unha débeda maior (xa o dicía Otero cando prologou o Diccionario, "unha das meirandes obras das letras e do saber galegos"); e a pesar diso era tamén unha das figuras máis esquecidas e menos festexadas. Por non saber, case nin sabiamos como era a fisionomía da súa cara. O único retrato del que circulaba era o que figuraba na Gran Enciclopedia Gallega, (que debe de se-lo mesmo que está na Real Academia, o retrato "oficial" de presidente e polo tanto, sen o seu habitual e "xeneroso sombreiro ó Mistral"). Tampouco sabiamos case nada da súa biografía. A GEG, que era ata agora -con Couceiro Freijomil- a listaxe oficial do quen-é-quen da cultura galega, dedicoulle exactamente unha columna, unha das máis cativas das case 110 dedicadas ós Rodríguez; a xulgar polo seu tamaño D. Eladio foi un "rodríguez" calquera. Pero non é culpa da Enciclopedia, que nisto vai á zaga das outras institucións do país; mesmo institucións como a RAG (dígoo asumindo a responsabilidade que me toque) deixaron pasa-lo centenario do seu nacemento (1964) ou ocincuentenario da súa morte (1999) sen case lembralo (do ano 1964 só quedan unhas verbas de Don Leandro Carré e unha rúa na Coruña deicada polo Concello, do 1999 un acto literario en Leiro, [celebrado no 2000]). En xeral toda a historia da cultura galega foi inxusta con el; o único texto que coñecemos que lle fai algo de honor, ata os que se escribiron este ano, é o prólogo que redactou Otero para o Diccionario no ano 1958. Son estas unhas páxinas extraordinarias, cheas de recoñecemento, que en futuras edicións habería que incorporar ó "Libro dos amigos". Na Antoloxía poética de D. Eladio, publicada por Edicións do Castro, hai unha introducción dun neto (Arturo Rodríguez Hervada) onde se percibe que na mesma familia a memoria do avó xa está bastante embazada (aínda que perdure a admiración).

Así é que deste D. Eladio case non sabemos máis ca que naceu en San Clodio de Leiro en 1864, que entrou como funcionario do concello da Coruña en 1888, que se retirou no ano 1937, que escribiu 8 libros de versos e un diccionario e que morreu no ano 1949. Por non saber, nin sabemos qué carreira tiña, se tiña algunha; o neto, Arturo Rodríguez Hervada, di que puxo escola en San Clodio, pero non debía ter título porque foi denunciado polo mestre titular, a quen deixara sen clientela. Otero imaxina ó neno Eladio "engaiolado na beleza e no consolo da fala; ela confirmaba e alumeaba o latín adeprendido en San Croyo" dando a entender que cursou humanidades no mosteiro; pode ser, pero aquilo non acabou en "carreira" ningunha, que saibamos.

Aínda así, a formación humanística (autodidacta) de D. Eladio debeu de ser bastante seria; aquelas "Humanidades máis labregas do que librescas" adquiridas no Ribeiro acabaron nun "majoring" na Coruña cursado especialmente no ambiente galego e galeguista da cidade, e de maneira principal nas "cátedras" que alí desempeñaban Murguía ou Martínez Salazar:

Pra o rapaz, pra o mozo, foi un desembarco en ledos peiraos. Foi co tremelocir das foulas, e o máxico oficiar da fouce de lus da torre de Breogán, o engado das Mariñas, o ár fino, gaseoso, da rúa, o circo de poetas e discipros axuntado arredor do inmorredoiro fogar aceso e mantido por o bardo Pondal, e o mestre da prosa e da evocación histórica, Murguía. Lonxe no espazo, perto no corazón, a heroica chama de Curros, bautismado cruñés por a coba eleita na beira do mar dos Ártabros.

Nesta cova ou ateneo foi onde acabou de adquiri-lo seu entusiasmo polo saber e polos libros. A súa casa (dínolo o neto) posuía unha "extensa biblioteca", que non era para decora-los cuartos, como se pode comprobar coa lectura de calquera dos artigos enciclopédicos do seu diccionario. A historia, a etnografía, a xeografía, a literatura eran os seus intereses principais, igual cós dos integrantes daquel cenáculo intelectual degaleguistas. Compartiu tamén amizade angueiras xornalísticas, literarias e ideario con outros galeguistas de fóra da Coruña, mesmo máis novos: Quintanilla, Vilar Ponte, Risco, Otero, Castelao... (a tapa de Oraciós campesiñas é do rianxeiro).

Con tan poucas cousas que sabemos del, desde o punto de vista noso (redactor dun diccionario), sabemos abondo para calibrar qué era e qué non era. Na historia da lexicografía galega foi o sétimo autor que chegou a ter un diccionario xeral publicado (máis ou menos preparado por el directamente). Pero ten un trazo en común con todos eles (e con outros que viñeron despois): todos practicaron a lexicografía como unha actividade diferente ou moi diferente do que era a súa profesión: Pintos foi avogado e xuíz; Rodríguez foi crego e bibliotecario; Cuveiro funcionario de facenda e despois libreiro; Valladares avogado e, máis tarde, Xefe de Administración civil en Pontevedra; Carré editor; Vaamonde Lores piloto da mariña mercante e historiador autodidacta versado principalmente en historia local da Coruña e terras veciñas; os autores do Vocabulario popular eran Filgueira (avogado e Dr. en Filosofía e Letras), Tobío (avogado e diplomático), Magariños (avogado) e Cordal Carús, de quen non sabemos nada; Eladio Rodríguez foi funcionario municipal, Franco Grande é avogado. Á parte de morreren moi novos algúns (Rodríguez e Magariños ós 30), ningún deles puido gozar dunha boa cela rodeada de libros (como lles ocorrera a Sarmiento e Sobreira) e ter todo o tempo do mundo; só Valladares puido permitirse o luxo de retirarse á idade de 45 anos ó seu pazo de Vilancosta para dedicarse ás actividades literarias, folclorísticas (música e literatura popular) e lexicográficas. Dito noutras palabras: ningún foi un Littré (por citar só un contemporáneo dalgúns deles; pero tampouco o galego era o francés, e menos naquela época en que a penas había lingua escrita en que documentarse).

Nun país que estaba todo sen facer, os que o soñaban diferente, mesmo se a tarefa era dilatada (porque "o porto desexado está moi lonxe") tiñan que presta-la súa atención e dedicación a todo ("ir a prol de faros e badías non rexistrados ancorando a nao en moitos portos"), compaxinando o traballo profesional ("arranxando na mesa da oficiña informes") co proselitista ("exercitando a pluma nun artigo"), co de creador, poeta ("dos ledizosos días do Ribeiro, do ridual da festa ou do silencio da noite") ou co de etnógrafo ("escolmador de ritmos belidos"). Deixemos que o diga D. Ramón todo seguido e sen glosa:

Os homes, os bos e xenerosos da Nosa Terra, saben ancorar a súa nao en moitos portos; figuran neles enteiras as súas arelanzas, cando en verdade o porto desexado está moi lonxe, e o navegar asegún a buxola do corazón, vai a prol de faros e badías non rexistrados nos periplos. Nos ledizosos días do Ribeiro, no balbordo e ridual da festa, e no calado silencio da noite percorrida por ecos desfiados de cántigas, arranxando na mesa da oficiña informes, deixando exercitárese a pluma nun artigo limpo, sempre intresante pra un xornal da Cruña, Don Eladio engadía, tollía, milloraba, aseguraba un membro, ningún cativo, todos valentes, da grande basílica da língoa falada. E o mesmo cando escolmaba ditosos ritmos belidos, pra compor en honra de unha terra galega, un costume, un lembrar fondo e gasalleiro, os arcos de froles, de unha poesía.

Tódolos lexicógrafos galegos ata D. Eladio comparten a mesma dispersión de intereses e a mesma paixón pola lingua, particularmente polas palabras. Hai unha parte dos diccionarios que non se le nunca, os prólogos. Case tódolos diccionarios galegos teñen prólogo (menos o da RAG de 1913-28). Nos prólogos dos galegos a penas hai reflexión metodolóxica ningunha sobre a obra que vén despois; hai en cambio unhas afervoadas "protestas" (antes chamábanse así os "manifestos") en favor da lingua, ditas directamente, ou por prologuista interposto (como é o caso de D. Eladio a través de Otero).

Claro está que coas protestas só non se fan diccionarios senón con dedicación. Esta dedicación temos que supoñela moi abnegada. Foino, certamente no caso de Carré (outro diccionarista moi esquecido); e foino nunha medida aínda maior no caso de D. Eladio. Abonda ve-lo volume da súa obra para decatarse. É ben sabido que os diccionarios todos se supoñen uns ós outros. Dito noutras palabras: cada un vai papeletizando os anteriores; sen querelo, tódolos diccionaristas son en certa medida plaxiarios. Fano os de tódalas linguas: "The history of English lexicography usually consists of a recital of successive and often successful acts of piracy" (Landau, Dictionaries, NY, 1985, p.35). Tamén hai que dicir que na maioría dos casos son honrados: Rodríguez fala con agradecemento do que lle debe a Sarmiento, Cuveiro a Rodríguez, Valladares ós tres anteriores e así por diante. Pero ademais de papeletizárense uns ós outros os nosos procuraron algo máis (de aí que todos lle apliquen ó seu unha pequena nota de márketing: "el más completo hasta ahora") porque achegan da súa colleita, de fontes diversas, con maior ou menor dilixencia, novas entradas. Por iso a historia dos primeiros diccionarios galegos é case unha carreira de a ver quen xunta máis: o diccionario de Rodríguez [1863] ten 3.834 entradas; Pintos [1865c], 6.637; Cuveiro [1876], 10.902; Valladares [1884], 15.900; Academia [1913-28], 11.623 (A-CATIVO); Filgueira [1926], 16.703; Carré [1928-31], 16.840; Eladio Rodríguez [1958-61], 52.031. (Adoita haber discrepancias nos cómputos segundo quen os faga pero as diferencias son moi cativas; as proporcións son esas).

Á vista diso xa se pode un decatar que D. Eladio fixo moito máis ca apropiarse de materiais carrexados por outros porque o seu diccionario case duplica o numero de entradas do inmediatamente anterior. Pero hai tamén outras cousas que non se miden só polo número de entradas: o diccionario de D. Eladio (e parece que os editores non o transcribiron absolutamente todo) ten, polo menos, catro veces o volume do máis grande dos anteriores. Iso quere dicir que a información que contén este diccionario é enormemente máis rica cá de ningún outro, tanto (é evidente) polo número de entradas como polo detallismo semántico ou enciclopédico con que trata parte daquelas entradas.

Hoxe as grandes editoriais (pensamos na casa Robert ou Longman) teñen equipos, con decenas de persoas (no Collins English Language Dictionary da casa Collins contamos 20, a dedicación exclusiva, con procedementos electrónicos sofisticadísimos, e botan anos, ás veces moitos anos, para sacar un diccionario de lingua, xa non digamos un diccionario histórico; hai poucos meses saíu o diccionario español de Aguilar, no que traballou 30 anos Manuel Seco con outras cinco persoas; no Websters Third New International Dictionary interveñen 137 persoas, entre editores e colaboradores esporádicos ademais de 31 secretarias). Imaxinemos a un solitario, oficial maior dun concello, con outras varias obrigas, fabricando pola súa conta un diccionario. Carré, no prólogo da súa terceira edición conta os pormenores da laboriosa elaboración do seu. D. Eladio non tivo ocasión de dar detalles de como compilou o del e da dedicación que lle custou; as notas preliminares sobre a xestación do diccionario, as fontes, a metodoloxía empregada e o tempo de dedicación é o último que un autor escribe; D. Eladio todas esta preguntas deixounas sen contestar; se cadra mesmo morreu coa dúbida de se valía a pena xa contestalas: ¿quen demandaba un diccionario galego no ano 1940? É Otero, que o tratou (e que nos anos 50 volvía a soñar faros e badías), quen nolo mostra anos e anos enxaldado na angueira do diccionario (detalles máis eruditos, extraídos de noticias de xornais da época, poden verse no libro de González-Millán, A canonización...):

Houbera sido por demáis ociosa tarefa, a de procurar cando Don Eladio comenzóu, i en que data findóu, a obra riba da cal a súa memoria medra e chega ós termos de unha imorrente sona. Non foi comprimento dun programa, nin traballo calculado. Empezóu de neno, e rematóu co derradeiro alento.

Non faría falta que D. Ramón nolo retratase así para imaxinalo decote co seu lapis, atento á verba que xurdía de calquera falante (ou que el mesmo suscitaba), ou coa ficha á beira do libro que lía, e lía moito; sen se-lo del un diccionario propiamente de autoridades (porque son poucas as veces que autoriza unha palabra con exemplos de autores) son bastantes os que cita e que baleirou. Certamente os grandes clásicos (Añón, Rosalía, Curros, Pondal) e moitos outros, entre eles algúns moi visitados, como Cotarelo, López Ferreiro, Lamas e Leiras. Na letra A hai cerca de 50 autores citados, certamente, algúns múltiples veces (González-Millán dá conta pormenorizada das voces autorizadas con citas de autor). Para dicir isto con verbas de D. Ramón outra vez: no diccionario de D. Eladio hai "palabras-duquesas e palabras-labregas. Non podían deixar de ser escuitadas as, a veces, sorprendidas do seu nacemento no balbordo das rúas cidadáns; nin aquilas outras, como froles de escuma, do lírico manantío dos poetas, dos ensaístas". Dito en galego chan: está atento igualmente ó galego literario (palabras duquesas) como ó popular (palabras labregas).

Pero o Eladio (entre os que o usan moito chámanlle así, como os portugueses din o Cándido ou o Aurélio, para indicar que son os diccionarios por antonomasia), o diccionario de D. Eladio, digo, é moito máis ca un diccionario de lingua. O título é explícito nisto cando lle pon o adxectivo de "enciclopédico". A verdade é que é algo máis ca un diccionario de lingua, pero tamén é certo que non é propiamente un diccionario enciclopédico (ó estilo do Espasa ou do Larousse; non ten biografías nin voces xeográficas, por ex.). Son enciclopédicas certas voces que se refiren a institucións galegas (adiantados, audencia, amo, foro...) ou outras que se refiren a faenas ou instrumentos propios da vida material galega (ameixoar, cerco, entullada, sacadas... son moitas e moi detalladas as referidas á pesca) ou outras que se refiren a antropoloxía cultural (aire, compaña, demo, entroido etc.) e así algúns campos máis, afíns a estes.

O Eladio a penas fornece exemplos nin fabricados nin de autor. As palabras "autorizadas" foron recontadas detalladamente por González-Millán: son 422 (0,81%) do total (a maioría, 380, nas letras A-E); pero hai que ter en conta que bastantes veces unha voz é só autorizada pero sen transcribi-lo texto do autor. É en cambio riquísimo en refráns: 2086 voces do seu diccionario están ilustradas con estas sentenciosas frases. Cando Xesús Ferro Ruibal foi encargado por Galaxia de facer un refraneiro galego non tivo máis que baleira-lo Eladio de refráns e compuxo o libro máis gordo da coñecida Biblioteca Popular. (Podemos dicir tamén de paso que do Eladio, igual que se sacou un refraneiro, poderían sacarse outros dous libriños igual de interesantes: un referido á cultura material e outro á cultura espiritual de Galicia, facendo un varrido de tódalas entradas que tratan destas cousas; en realidade aínda se podería sacar un terceiro libro de "notas viejas galicianas" pero seguramente neste a historiografía moderna acharía xa menos valiosas as tales anotacións).

D. Eladio pasou moitos anos da súa vida carretando materiais para este diccionario. Otero, que o coñeceu ben (eran amigos pero tratábao de Don) dínolo de maneira algo imprecisa pero dando testemuño dunha dedicación moi dilatada: "empezou de neno e rematou co derradeiro alento" e con tal devoción que "coida pecadento o día decorrido sin apañar unha verba". Sabemos moi pouco, con todo, da cronoloxía da elaboración do seu diccionario, comezado entre 1914-1916. Por noticias de A Nosa Terra sabemos que en 1922 estaba traballando nel "aínda que tardará moito en sair á luz". No prólogo do Vocabulario popular galego castelán (1926) dínno-los autores que D. Eladio estaba preparando un diccionario descritivo. Nese mesmo ano, nunha carta de Lesta Meis a El Pueblo Gallego (30.1.1926) anúnciase que levaba traballando dez ou doce anos nun diccionario, que naquela altura ía na letra R, e en dous ou tres meses estaría rematado (ver este e outros datos en Benigno Fernández Salgado, Os rudimentos da lingüística galega, Santiago, 2000, 229 ss). Sete anos despois (a finais do 1933) o concello da Coruña tiña reservada unha partida nos seus orzamentos para asegura-la publicación. Non hai noticias de por qué non se deu ó prelo a obra daquela. No ano 1940 aínda seguía acrecentando datos como se pode ver nas voces coro (en que fala dos existentes nese ano) e diccionario (onde se refire ós escritos ata esa data). Máis detalles véxanse en González-Millán, A canonización... Non sabemos nada do que pasou con D. Eladio en 1936 (tiña daquela 72 anos), nin se foi molestado nin se tivo algunha simpatía polo Movemento; sabemos que cesou por xubilación o 26 de agosto de 1937 do seu cargo de Oficial Maior do Concello da Coruña. Fose cal fose a súa postura ante o Movemento supoñemos que o seu entusiamo e dedicación ó diccionario despois de 1936 resultarían bastante minguados. Otero é pouco explícito: "Don Eladio Rodríguez González chegóu á malenconía da vellez, tivo seu pasamento, sin o consóo, nin xiquer cecáis a espranza, de que a lus da pubricidade pousara nas follas do rexistro do seu vivir". Nos anos anteriores ó seu falecemento (1949) sufriu ademais un quebranto grave de saúde que lle afectou a memoria. Así é que non sabemos exactamente cales foron as últimas liñas que escribiu no diccionario, pero certamente a afirmación de Otero de que se dedicou a el ata o "derradeiro alento" hai que matizala con estas reservas. Noutras palabras, na nosa opinión, despois de 1936 a actividade lexicográfica de D. Eladio debeu de limitarse a pequenos arranxos nunha obra xa feita.

Quedan moitos cabos soltos nesta historia externa do Diccionario de D. Eladio; as vicisitudes completas da súa historia darían para facer unha tese. Un dos temas que haberá que dilucidar (se cadra algún estudio á hora de saír estas liñas xa o ten feito) é o de por qué D. Eladio se embarcou nunha empresa privada, paralela á oficial da institución, sendo un dos 40 membros fundadores da Academia Galega, membro da comisión para aclasificación de papeletas en 1907 (con Murguía, Golpe, Tettamancy e F. Vaamonde), secretario da institución (non sabemos canto tempo), da comisión do diccionario en 1924 (con Lugrís e L. Carré) e, finalmente, presidente da RAG de 1926 a 1934,. É ben sabido que unha das tarefas que primeiro acometeu a Academia foi a compliación dun Diccionario que empezou a saír no ano 1913 (máis ou menos a data en que podemos deducir que D. Eladio comezou a compila-lo seu) e se interrompeu no ano 1928 sendo D. Eladio presidente. Para a redacción do diccionario oficial da RAG fíxose un chamamento entre os académicos e eruditos do país que deu como froito a achega de varias colleitas de papeletas e a doazón de dicionarios inéditos. Estes vocabularios e papeletas (máis ben cadernos) foron usados indistintamente pola empresa oficial (responsabilidade de D. César Vaamonde) e pola privada (de D. Eladio). Na voz diccionario o noso autor é explícito: "En la biblioteca de la misma Academia se conservan, además, manuscritos, un Diccionario gallego-castellano de don Juan Manuel Pintos; otro de don Francisco Porto Rey; otro de don Manuel Leiras Pulpeiro, y los vocabularios de don Vicente Paizal y don Eduardo Pondal Abente. Estos Diccionarios y vocabularios han sido examinados y tenidos en cuenta para la formación de la presente obra". A realización do diccionario oficial da Academia non estivo exento de problemas; o que non sabemos é se esta retirada de D. Eladio é previa a aqueles problemas ou se aqueles problemas son en parte motivados polo desinterese de académicos como D. Eladio polo diccionario oficial. Non quero introducir aquí sospeitas sobre a figura de D. Eladio para a que queda manifesta a miña admiración pero resulta cando menos digno de ser notado que, precisamente el, dos poucos académicos con vocación de lexicógrafo, non fixese nunca un vocabulario do seu Ribeiro natal para entregar á Academia. ¿Ou faríao e en vez de entregalo acabaría considerando que aquilo podía se-lo formento dun diccionario propio? Que iniciase a colleita dun vocabulario non sería insólito; de feito, algo máis de 200 entradas do seu diccionario están aboadas como do Ribeiro de Avia; é verdade que as puido ir aboando de paso que escribía pero a existencia dun vocabulario comarcal previo é moi verosímil (doutra maneira habería que xustifica-la súa insolidariedade co chamamento da executiva da RAG). Se ese vocabulario existiu, tería acontecido o que con D. César Vaamonde, bibliotecario da RAG desde 1907 e redactor do seu Diccionario, que tamén colixiu un vocabulario das Mariñas de Betanzos arredor de 1911, verosimilmente estimulado por este chamamento dos directivos da Academia; un exemplar del estivo entre os papeis de Murguía, formando parte dun legado que hoxe non pertence á Academia e está en paradoiro descoñecido; probablemente por iso algunhas entradas do seu diccionario están aboadas como das Mariñas de Betanzos. En calquera caso, á parte das disensións internas que houbese na Academia motivadas polo Diccionario e a súa autoría, é, cando menos chocante, que se interrompese a súa pulicación (1928) cando empeza a ser noticia na prensa que D. Eladio está a remata-lo seu. A historiografía dos diccionarios aclarará algún día se houbo ou non conflicto de competencias entre os dous diccionarios. (Isabel González, "O primeiro Diccionario da Real Academia Galega", Cadernos de Lingua 19 (1999) 65-84 deita algunha luz sobre isto).

Outro aspecto que haberá que dilucidar tamén é se houbo varias redaccións do diccionario de D. Eadio, como se pode deducir das noticias (unha en 1926 e outra en 1933 ademáis da definitiva póstuma), ou se entre 1926 e 1940 (tal vez algúns anos máis) o labor de D. Eladio, por un prurito perfeccionista, se reduciu a intercalar e rescribir papeletas. Os estudios que se dediquen ó exame "codicolóxico" do manuscrito seguramente poidan aclarar parcialmente esta cuestión. Tamén haberá que indagar se existe algún outro manuscrito ademais do publicado por Galaxia.

Sexa como for, despois de morto o autor, o manuscrito definitivo do diccionario foi entregado pola familia (nomeadamente polo seu fillo Julio Rodríguez Yordi) ós editores. Hoxe está, segundo o seu neto Arturo, depositado "ó parecer" na Fundación Penzol (quíteselle o "ó parecer", porque efectivamente está alí). Sobre ese manuscrito fíxose, con pequenas modificacións (eliminación de pasaxes non esenciais), a edición de Galaxia.

Pero na época en que o libro se publicou (1958) o Eladio xa non acadaba o nivel dos estándares da época en lexicografía. Os homes de Galaxia, nomeadamente Piñeiro (que posiblemente é o autor das seguintes palabras), non consideraron o Eladio unha obra definitiva:

Mentras non se acomete a gran empresa coleitiva de recoller metódicamente o noso tesouro idiomático e crasificar e ordear o seu caudal léxico con arreglo a criterios rigorosamente técnicos, a publicación de obras como a presente é da meirande urxencia e utilidade pra millor conocemento do noso idioma, sobre todo si se ten en conta que o aitual rexurdimento das letras vernáculas vaille dando primacía cultural a ise problema.

Piñeiro pensaba certamente no Fabra e tal vez no Alcover-Moll. Comparado con calquera deles o Eladio queda lonxe do limiar requirido; non logrou mesmo superar a, se cadra daquela insuperable, servidume de ser bilingüe. Aínda así hai que recoñecer, e os editores recoñecérono, a colleita de D. Eladio non foi pequena. Para sermos xustos temos que dicir que foi o último gran diccionario baseado en colleita directa. Despois del apareceron moitos diccionarios, especialmente a partir da década dos oitenta, case todos, uns máis e outros menos, capaces de resisti-la comparación con obras lexicográficas doutros idiomas; a formación filolóxica dos autores de hoxe fai que esperemos deles esta mellora cualitativa. Pero decláreno ou non, con máis ou menos entradas acuñadas ex novo para a modernización do idioma, a fonte principal de todos eles é o do esquecido ribeirao. Sen D. Eladio non había o Xerais, o Galaxia, o Ir Indo, o Nós, o Alhena, o Sotelo, o Obradoiro, o Cumio ... nin sequera o actual da Academia. Sería unha gloria póstuma que que algún día os diccionaristas e as editoriais deberían de recoñecrlle a través dunha grande homenaxe nacional. O seu diccionario, que tivo un escasísimo éxito editorial pois só coñeceu dúas edicións de pequena tiraxe, é a fonte principal tódolos outros, algúns deles auténticos best-sellers galegos que acadaron records de venda e beneficios pois andaron cerca ou pasaron dos 100.000 exemplares.

Nesta homenaxe debería lembrase tamén a Casa Galicia de Caracas, que con "patriótica xenerosidade" afrontou os gastos da edición.

(Este artigo está publicado na Fotobiografía de Don Eladio Rodríguez publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2001)


 

Letras 2001 | Eladio Rodríguez | Outras homenaxes | Diccionario de ausencias | Diccionario de preferencias | Necesariamente X