Vieiros Enciclopedia Galega Universal ir indo

Máis información sobre a obra


A Enciclopedia Galega Universal é unha obra de carácter analítico ordenada alfabeticamente e dividida en artigos ou entradas.

Todas as entradas teñen a súa correspondencia en portugués, castelán e inglés, amais da etimoloxía ou procedencia doutras linguas como latín, grego, francés, italiano, etc.

A EGU achega as últimas tendencias no tratamento das ciencias sociais e as humanidades, as que aborda con enfoques novidosos. Dedícase especial atención a disciplinas como a historia, antropoloxía e etnografía, arqueoloxía, arte e patrimonio cultural, filoloxía e lingüística, paleografía e epigrafía, arquivística, heráldica, música, educación, literatura, teatro, deportes, etc. Novas disciplinas como o cine, literatura infantil e xuvenil, publicidade, deseño, informática, política, turismo, gastronomía, etc. teñen un espacio fundamental na EGU.

As publicacións fundamentais da cultura galega aparecen con entrada propia e as correspondentes reseñas.
A EGU constitúe unha fonte excepcional de consulta sobre o labor das personalidades vivas vinculadas ós diferentes eidos da actividade profesional e artística en Galicia.

No tratamento da lexicografía introdúcense tres campos que resultan un tanto inusuais en obras desta envergadura como son os sinónimos, os antónimos e as confrontacións.

Teñen entrada propia os santuarios, portos, aeroportos e principais vías de comunicación, centros turísticos, edificios e demais elementos do patrimonio arquitectónico monumental ou do patrimonio natural de especial interese. Do mesmo xeito, inclúense os principais accidentes do relevo (serras, montes, chairas, depresións, etc), do litoral (praias, illas, puntas, enseadas, esteiros, etc) e as augas continentais (rede fluvial, lagoas, encoros, etc). Trátanse con especial atención os ecosistemas e os espacios e parques naturais de Galicia.

As máis importantes entidades financeiras e as empresas de maior volume de negocios do mundo, así como as correspondentes ó estado español, están debidamente reseñadas conforme ós datos máis actualizados dos que se dispón. As entidades de negocios e as denominacións empresariais galegas son obxecto de especial consideración por parte da EGU.

A Enciclopedia Galega Universal vista polos expertos

Característica xerais EGU


A EGU incorpora un gran número de palabras novas. Estas son, fundamentalmente, de tres clases:

a) Neoloxismos científicos e técnicos que non están recollidos nos diccionarios publicados en lingua galega.

b) Aquelas palabras do léxico común que a miúdo, por razóns de espacio, non aparecen recollidas nas obras lexicográficas pero que a correcta flexión gramatical e o uso fixaron na tradición. Ex: historicista, xacemento, desertización…

c) Variantes fonéticas e dialectais de uso moi estendido en Galicia.