Vieiros Enciclopedia Galega Universal ir indo

A EGU vista polos expertos


Eneálogo,
As miñas 9 razóns para mercar a Enciclopedia Galega Universal
  1. A curiosidade. A curiosidade seica matou o gato, e non obstante non se sabe de ningún cristián que morrera por curioso. Tamén porque o saber non ocupa lugar, e aínda que así fose, poucos adornos tan belos coma unha enciclopedia.
  2. Que a enciclopedia vén en galego. Aprender que adipoxenia, un supoñer, é a formación de graxa no organismo, ten o seu aquel. Axuda a normalizar a nosa lingua e reduce (e se cadra, suprime) os complexos.
  3. O toque universal do choio. Desta maneira non farán falta os manuais para este tema ou aqueloutro. Todo o saber galego e foráneo xunto e nada revolto.
  4. A amenidade e precisión das voces que aquí aparecen. Outras enciclopedias semellan cursos de cómo marear a perdiz en 5 días, cando non son demostración da sabenza dos autores das voces (ou entradas) despiadados co lector do común, que procura a síntese.
  5. A cantidade de santos (fotos, debuxos, mapas, reproduccións…) que esta enciclopedia incorpora. O saber preciso da escrita, claro, pero tamén do xesto visual. Do caso contrario, é obra morta.
  6. A compensación de saberes. Aquí nada é máis que nada. A vella división entre letras e ciencias está superada nesta Enciclopedia Galega Universal, como ten que ser. Da mesma maneira digamos que aquí non hai parcialidades, agás para o talento e a categoría histórica. Entón si, entón si que a danza xorde descompensada, como ten que ser, naturalmente.
  7. O rigor científico que presentan as voces desta enciclopedia, lúcida e lucida, intelixente e ben dosificada. Cada palabra, ademais, vén na Enciclopedia Galega Universal en diferentes idiomas, o que axuda á procura de etimoloxías e tamén ó perfeccionamento idiomático do aprendiz de enciclopedista.
  8. O valor que ten esta enciclopedia como diccionario de galego, mesmo tamén para quen desexe adoutrinarse na práctica da nosa lingua, por non dicir na práctica da nosa literatura, xeografía, historia…
  9. Mais, ¿podería un non galego exercente adquirir a Enciclopedia Galega Universal? E por que non. Aquí está todo (e collo ó chou no tomo I), desde Ana de Austria, a cuarta muller de Felipe II de Castela, ata a triste palabra amixia, que como todo o mundo non sabe, vén sendo a imposibilidade de reproducción entre dúas especies.
A razón número dez e sucesivas deberá poñelas o lector, feliz posuidor da Enciclopedia Galega Universal, que canto máis remexa nos seus entoros, máis feliz será. Eu, sinceramente, penso que vai ser unha inversión estupenda. Moitas gracias.


   Vicente Araguas

   No acto de presentación EGU en Madrid, 18 de novembro, 1999


Outras opinións


EGU


Característica xerais EGU | Máis información sobre a obra