|
|
![]() |
||||||||||
| Cronoloxía dunha catástrofe |
||
|
Domingo 14 de decembro Burla Negra organiza os días 13 e 14 no Instituto da Información de Santiago de Compostela o Foro Negro, un espacio de debate e discusión sobre a cultura galega post Prestige que reuniu a 200 persoas. .......... Domingo 16 de novembro Máis de cen mil persoas percorreron as rúas de Compostela convocadas por Nunca Máis baixo o lema '365 días de dignidade'. Por primeira vez sen chuvia, os manifestantes reclamaron a demisión dos responsables políticos da catástrofe e demandaron que se apliquen medidas concretas para evitar un desastre semellante ao do Prestige. Manuel Fraga, que pasou o día en Fisterra, cualificou a manifestación como "un último esforzo dunha causa perdida". .......... Xoves 6 de novembro A Asociación ecoloxista WWF/ADENA cualifica a catástrofe do Prestige como "a peor marea negra da historia, tras a protagonizada hai máis dunha década polo Exxon Valdez en Alaska, a pesar das mensaxes triunfalistas do goberno español". Esta é unha das conclusións do informe titulado 'A marea segue' que ADENA publica con motivo do primeiro cabodano do desastre. O colectivo insiste en que "a recuperación dos ecosistemas galegos requerirá para completarse entre un bienio e máis dunha década". .......... Luns 3 de novembro O subsecretario xeral de Facenda, Francisco Uría, substitúe a Rodolfo Martín Filla á fronte da Oficina do Comisionado para o Prestige, nunha nova etapa na que se lle dará prioridade ao pagamento das indemnizacións aos afectados. .......... Xoves 23 de outubro A Conferencia de Presidentes do europarlamento decide por unanimidade a creación dunha comisión temporal de investigación “que realice un exame en detalle de desastres marítimos, en particular do Prestige, o Erika e outros accidentes” e analizar as normas de seguridade marítima. Esta comisión, integrada por 44 membros, prolongará os seus traballos durante seis meses coa intención de elaborar un informe exhaustivo que se presentará no plenario. .......... Martes 14 de outubro O comisionado do goberno para o Prestige, Rodolfo Martín Villa, estima entre 650 e 700 millóns o custo para o estado español dos danos causados polo petroleiro. Estes cartos sufragaranse, segundo o comisionado, con diversas partidas: 200 millóns de euros do goberno, 450 da Unión Europea e 170 millóns do FIDAC. .......... Martes 23 de setembro O pleno do parlamento europeo aproba por 315 votos a favor, 183 en contra e 6 abstencións a proposta de creación dunha comisión temporal para facer unha análise polo miúdo das causas e consecuencias da catástrofe do Prestige. A proposta foi presentada polo grupo liberal e apoiada por socialistas, ALE-Os Verdes e Esquerda Unitaria. Os votos en contra partiron das ringleiras do grupo popular europeo. Só queda un requisito para que se constitúa a comisión: aínda é necesario que a conferencia de presidentes, que integran os xefes dos grupos políticos europeos, dea o seu visto bo. .......... Xoves 11 de setembro A Audiencia Provincial da Coruña suspende as imputacións contra o Delegado do Goberno, Arsenio Fernández de Mesa, e contra quen era daquela capitán Marítimo da Coruña, Ángel del Real, por considerar que non tiveron "funcións decisorias" durante a xestión da crise do Prestige. Mantense a imputación do director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, ata que "achegue máis probas". .......... Martes 2 de setembro Representantes dos gobernos de España, Francia e Portugal reúnense na Moncloa para analizar os últimos acontecementos en relación co petroleiro. Tendo en conta as cifras achegadas, pódese deducir que aínda quedan aboiando no mar 15.975 toneladas de fuel, sen contar as 13.800 que permanecen, segundo Repsol nos tanques do petroleiro afundido. .......... Martes 5 de agosto Riazor, o Orzán e San Amaro únense á listaxe de praias galegas ás que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor decide retirarlles as bandeiras azuis debido á continua chegada de fuel. En Ortigueira tamén se arriou a bandeira na praia de San Antonio de Espasante, malia que neste caso por decisión do propio concello. .......... Mércores 30 de xullo Retíranlles a bandeira azul a un total de quince praias luguesas debido á chegada perdiódica de fuel do Prestige. A medida exténdese a outras vinte praias ao longo do Cantábrico. A decisión foi tomada pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor logo de realizaren inspeccións. Dende a Xunta quítanlle ferro á medida e aseguran que o baño non supón risco en ningún caso. .......... Sábado 14 de xuño Entre 500 e 3.000 persoas, segundo as fontes consultadas, viaxan a Bruxelas convocadas por Nunca Máis. A plataforma faille entrega dun documento aos comisarios da UE no que se detallan as súas reivindicacións, entre as que destacan a creación dunha comisión de investigación. Durante a xornada, celébrase unha manifestación na praza do Peixe da capital belga e un concerto coa participación de Manu Chao, Uxía Senlle, Ialma, Jarbanzo Nejro, Fermín Muguruza e Amparanoia, entre outros. .......... Venres 13 de xuño Adega denuncia que novas manchas de fuel seguen chegando ás praias da Mariña luguesa e da Costa da Morte. Ao tempo critica a irresponsabilidade da apertura da pesca e do marisqueo e vaticina unha crise pesqueira na próxima tempada. Burla Negra organiza entre o 12 e o 29 de xuño un espectáculo itinerante e multidisciplinar denominado 'A Carpa Voluntaria'. O circo inspirado no chapapote visita Culleredo, Carnota e Pontevedra. .......... Domingo 8 de xuño A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Coordenadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG), a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) convocan unha Marcha en defensa do Mar con saída no Porto de Malpica e remate na ermida de Santo Hadrián. Acuden unhas 1.000 persoas. .......... Xoves 5 de xuño Fraga e Rajoy comparecen xunto co vicepresidente de Repsol, e anuncian a extracción definitiva do fuel que aínda queda no barco afundido para a primavera do 2004, na procura de boas condicións meteorolóxicas. .......... Luns 19 de maio A Fundación Pedrón de Ouro concédelle o galardón deste ano “aos colectivos mariñeiros e á cidadanía galega que confluíron en Nunca Máis nunha firme e histórica reacción de dignidade”. Despois de varias distincións por parte de institucións de Cataluña ou do País Vasco, a plataforma recibe o primeiro recoñecemento dunha entidade galega. .......... Mércores 7 de maio Logo dun tempo sen falar publicamente do Prestige, Mariano Rajoy volveu arremeter contra os que pretenden "patrimonializar o sentimento dun pobo e repartir certificados de amor a unha terra" e criticou os intentos de manipulación da catástrofe por parte dun sector da "intelectualidade galega". Rajoy fixo estas declaracións na Casa de Galicia en Madrid, onde participou na presentación do libro 'Tierra de titanes. Prestige: La verdad a flote', dos xornalistas de El Correo Gallego Caetano Díaz, Luis Pousa e Carlos Luis Rodríguez. .......... Domingo 4 de maio Co movemento de Nunca Máis eclipsado pola guerra de Iraq e as eleccións municipais á volta da esquina, a plataforma consegue convocar unhas 45.000 persoas, que se manifestan en Compostela baixo unha intensa chuvia para esixir unha solución definitiva para o barco. .......... Luns 21 de abril Un mozo de Curtis de 27 anos, subcontratado pola empresa constructora ACS para a limpeza do litoral, morre afogado na praia das Torradas, en Malpica, ao ser arrastrado por un golpe de mar cando descansaba. Durante a Semana Santa traballan nas praias galegas pouco máis de 2.000 voluntarios. Só na praia de Rostro de Fisterra, apañan un media diaria de cen toneladas de chapapote. .......... Domingo 20 de abril Comeza no Barco de Valdeorras a Volta a Galicia organizada por Nunca Máis coa colaboración dos deportistas galegos. A marcha discorre por terra, mar e aire por 21 vilas e conta coa colaboración dos atletas Estanislao Durán e Xulia Vaquero, o ciclista Álvaro Pino e o paralímpico José Manuel Abal, entre outros. A meta está prevista para o 11 de maio en Compostela. .......... Xoves 10 de abril O Ministerio de Medio Ambiente anuncia a apertura ao turismo do Parque das Illas Atlánticas na Semana Santa, con acceso restrinxido ás areas que aínda están sendo limpadas. A asociación ecoloxista Adega critica a decisión, por considerar que as illas non están aínda en boas condicións. .......... Mércores 9 de abril Un cento de persoas reciben con apupos ao delegado do Goberno en Galicia, Arsenio Fernández de Mesa, que acode ao xulgado de Corcubión a prestar declaración. De Mesa atribuiulle a decisión de afastar o Prestige da costa galega a López-Sors e asegurou que el só se limitou a informar aos medios. .......... Xoves 3 de abril O director xeral da Marina Mercante, José Luis López-Sors, declara en Corcubión por segundo día consecutivo. López-Sors explicou que ningún alcalde lle ofreceu un porto para acoller o petroleiro accidentado e defendeu a súa decisión: "sabendo o que sei, volvería a alonxar o petroleiro". .......... Mércores 26 de marzo O capitán marítimo da Coruña no momento do desastre, Ángel del Real, presta declaración ante o xuíz de Corcubión como imputado, por mor da querela de Nunca Máis. Del Real defende o alonxamento do petroleiro baseándose en criterios técnicos e sinala a López-Sors como responsable da orde. .......... Martes 25 de marzo O consello de administración de Tragsa destitúe ao seu presidente, Roque Manresa, pola controvertida actuación da empresa pública nas labores de limpeza do verquido do Prestige e a descoordinación. .......... Luns 24 de marzo Unha delegación da Comisión de Política Rexional e Transportes da Unión Europea inicia unha estancia en Galicia de catro días co obxectivo de estudiar de primeira man as consecuencias do Prestige. Segundo recoñecía Dirk Sterckx, euro deputado encargado de presentar en xuño un informe ao respecto, a documentación presentada pola administración Aznar, ao igual que as explicacións dadas polos responsables de Fomento non botaron luz sobre o acontecido. Á noitiña, unhas 3.000 persoas convocadas por Nunca Máis reciben aos eurodeputados con pancartas fronte ao Hostal dos Reis Católicos, en Compostela. .......... Domingo 16 de marzo O parador, non é a solución". Esta foi unha das consignas coreadas polas 10.000 persoas que se manifestaron en Cee para reclamar infraestructuras para a Costa da Morte. O acto de protesta, organizado por Nunca Máis, rematou coa intervención do historiador Xosé María Lema, que enumerou as carencias do Plan Galicia. .......... Domingo 23 de febreiro A plataforma Nunca Máis, apoiada por todos os partidos políticos da oposición e por colectivos ecoloxistas, sociais e culturais, consigue congregar en Madrid a unhas 500.000 persoas, na súa maioría galegos, que marchan orgullosos desde Atocha á Porta do Sol baixo o lema 'Cen por cento dignidade'. A manifestación na capital do Estado estivo cargada de críticas aos gobernos autonómico e central, tinguidas de bo humor carnavaleiro. De Galicia partiron uns 600 autobuses que viaxaron toda a noite do sábado para poder asistir á emotiva cita, que contou ata cunha carroza que reproducía o Prestige. .......... Martes 18 de febreiro O xuíz de Corcubión, que leva o caso do Prestige, admite a trámite unha querela presentada pola plataforma Nunca Máis contra altos cargos do gabinete de crise do Goberno e contra o capitán Mangouras, aos que acusan de agravar os danos ecolóxicos do desastre. O xuíz cita a declarar como imputados ao Subdelegado do Goberno, Arsenio Fernández de Mesa, ao ex Capitán Marítimo da Coruña, Ángel del Real, e ao Director Xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors. .......... Domingo 9 de febreiro Unhas 200.000 persoas, segundo cálculos da plataforma Nunca Máis, déronse cita na Coruña para participar nunha manifestación simbólica contra a emigración forzosa , baixo o lema 'Salvemos o mar ou só nos queda a maleta'. A marcha discorreu nun ambiente festivo e lúdico e boa parte dos manifestantes levaron maletas de fabricación artesanal que foron depositadas no peirao e ante a Subdelegación do Goberno. Manuel Rivas leu o manifesto na abarrotada Praza de María Pita. .......... Venres 7 de febreiro O capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, consegue da liberdade condicional despois de pasar case tres meses no cárcere de Teixeiro. A compañía aseguradora do armador accedeu a depositar a fianza de tres millóns de euros esixida polo Xulgado de Corcubión, a pesares das reticencias iniciais. .......... Sábado 1 de febreiro A plataforma contra a Burla Negra organiza ás dez da noite 130 concertos simultáneos en diferentes vilas e cidades galelas. Músicos, actores, escritores, magos, humoristas, malabaristas e contacontos participan desinteresadamente no gran evento cultural que recibiu o nome de Concerto Expansivo. .......... Domingo 26 de xaneiro José María Aznar volve a Galicia para participar nunha convención municipal que xuntou a uns 2.000 militantes e simpatizantes do PP no Pazo de Congresos de Compostela. Non figuran entre os asistentes nin o dimitido Cuíña nin os cinco deputados ourensáns que o apoian. Eloxios para Rajoy e críticas de Manuel Fraga para 'os que mancharon de negro a bandeira de Galicia'. A plataforma Nunca Máis recibe en Bilbao o premio Sabino Arana pola súa actuación ante a catástrofe. .......... Venres 24 de xaneiro Aznar celebra un Consello de Ministros no Pazo de María Pita, cedido polo alcalde da Coruña, Paco Vázquez. O presidente do Goberno dá a coñecer o Plan Galicia, que ao parecer investirá máis de 5.000 millóns de euros en infraestructuras, promoción dos productos galegos, turismo e construcción naval. Ente as promesas anunciadas por José María Aznar, figuran a construcción dun AVE entre Ferrol e Bilbao e de novas autovías entre Pontevedra e A Cañiza e Chantada e Monforte. Unhas 5.000 persoas maniféstanse nas proximidades de María Pita, convocadas por Nunca Máis, para pedir que se depuren responsabilidades políticas. .......... Mércores 22 de xaneiro A Coordenadora de Ensino Area Negra desprega unha cadea humana de 50.000 alumnos entre as localidades de Laxe e Muxía. O acto pretendía achegarlles aos nenos a situación do litoral galego tras o desastre do Prestige. Ante a falta de autobuses para acudir á Costa da Morte, miles de rapaces apoian aos seus compañeiros unindo as súas mans en cidades e vilas de toda Galicia: Vigo, A Coruña, Pontedeume, Oleiros, O Salnés... .......... Martes 21 de xaneiro O Multiusos do Sar, en Compostela, acolle pola noite o concerto poético musical 'Canto de Autor por Galicia'. Unhas 6.000 persoas aclaman a Pablo Milanés, Pedro Guerra, Paco Ibáñez, Fausto, Méndez Ferrín e Manolo Rivas, entre outros destacados participantes. .......... Sábado 18 de xaneiro Fraga dá a coñecer a composición do seu novo goberno, que experimenta cambios logo do desastre do Prestige e coas eleccións municipais á volta da esquina. Alberte Núñez Feijoo é o novo conselleiro de Obras Públicas; Xosé Manuel Barreiro substitúe a Del Álamo en Medio Ambiente; e Pilar Rojo (Familia) e María Xosé Cimadevila (Asuntos Sociais) ocupan os cargos deixados por López Besteiro e Corina Porro. .......... Xoves 16 de xaneiro O presidente da Xunta obriga ao conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuíña, a dimitir. O considerado golfiño de Fraga, e un dos principais candidatos á súa sucesión, abandona o goberno despois de ocupar o cargo de conselleiro durante doce anos. .......... Mércores 15 de xaneiro A Cadena Ser desvela que unha empresa da familia de Cuíña, Gallega de Suministros Industriales, vendeulle material para limpar o fuel á Xunta e a Tragsa, a través da firma intermediaria Peycar. O fiscal xeral do Estado, Jesús Cardenal, ordéalle ao fiscal xefe de Galicia, Ramón García Malvar, que abra unha investigación para determinar se Nunca Máis incorreu nun delicto de estafa. O colectivo galego foi denunciado polo sindicato Manos Limpias, vencellado á ultradereita, que acusa á plataforma de enganar á cidadanía coa recadación de fondos. .......... Luns 6 de xaneiro de 2003 Burla Negra convoca en Vigo unha manifestación lúdica na que toman parte unhas 100.000 persoas, acompañadas dos Reis Magos do Chapapote. Teté Delgado, Silvia Superestar e Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros, encabezan a marcha. .......... Martes 31 de decembro Unhas 6.000 persoas, entre voluntarios e militares, pasan a noite de fin de ano aloxadas en colexios e pavillóns das vilas galegas. A cadea Tele 5 retransmite as badaladas desde Muxía e prepara para a ocasión doce barcos que emiten cadanseu pitido. .......... Luns 30 de decembro O ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, anuncia á fin medidas para evitar catástrofes como a do Prestige: a ampliación do corredor de Fisterra, entre as 33 e as 40 millas, para os buques de mercadorías perigosas, e a construcción dun porto exterior na Coruña. .......... Domingo 29 de decembro A Consellería de Asuntos Sociais, que asume a coordinación dos dispositivos de limpeza, anuncia que o cupo de voluntarios está cuberto ata febreiro. .......... Sábado 28 de decembro Máis de dez mil persoas participan na praia do Orzán na Coruña, nun simbólico velorio do mar, convocado por Burla Negra e Nunca Máis. Morre Man, o alemán que vivía en Camelle desde hai 40 anos como un ermitán. O seu museo, construído pedra a pedra no peirao, estaba ennegrecido polo chapapote, coma a súa alma que non puido resistir o golpe. .......... Venres 27 de decembro As plataformas Nunca Máis e Burla Negra convocan un apagón voluntario de cinco minutos ás dez da noite, para protestar pola 'cegueira' das autoridades galegas e españolas. Secundan a protesta case 200 webs de todo o Estado e os concellos da Coruña, Ferrol, Vilagarcía e Santiago. .......... Xoves 26 de decembro Fraga reúnese en Madrid co comité executivo do PP e pídelle a Aznar apoio para poder retirarse con 'dignidade'. Esa dignidade inclúe a construcción dun porto exterior na Coruña e un tren de alta velocidade competitivo. .......... Mércores 25 de decembro O Prestige afundido perde fuel por 26 vías. O mal tempo impide as faenas de limpeza en Galicia e arrastra a marea negra cara o golfo Viscaia. .......... Martes 24 de decembro O capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, pasa o Nadal no cárcere. O mariñeiro, de 67 anos, sofre unha forte depresión. Tamén pasan a Noiteboa rodeados de chapapote voluntarios da Costa da Morte e militares. O Rei acórdase de Galicia na tradicional mensaxe televisiva. .......... Luns 23 de decembro Cuíña, Cascos e Fraga inauguran un tramo de autoestrada en Santiago e Silleda. A policía impide que se lles acheguen un cento de persoas con pancartas de Nunca Máis. Pola súa parte, o Ministro de Defensa, Federico Trillo, visita aos militares que limpan na Illa de Ons. O ministro asegura que o Exército permanecerá en Galicia 'mentres haxa un centímetro de chapapote'. A gran mancha do Prestige evoluciona cara Francia. O Goberno decreta zona de alto risco desde o cabo Prior ata Ribadeo. .......... Domingo 22 de decembro Os patróns maiores das Rías Baixas suspenden a folga de fame logo de negociar co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alejandro Millán Mon. No Grove, hai unha concentración de apoio aos folguistas. A Executiva do PP galega e española, con excepción de Aznar, reúnese en Santiago para dar imaxe de unidade, apoiar a Fraga e facer fronte aos ataques do PSOE. O verquido do Prestige está a dúas millas de Ferrol. Os mariñeiros da comarca bótanse ao mar para combatelo. .......... Sábado 21 de decembro Sucédense as manifestacións polas vilas galegas. En Ferrol, 30.000 persoas saen á rúa para pedir unha vez máis demisións. O Nautile detecta novas fugas no petroleiro afundido, que se suman ás catorce rexistradas anteriormente. .......... Venres 20 de decembro Unha cadea humana de 6.000 persoas rodea a Muralla romana de Lugo en protesta pola catástrofe. No Parlamento galego celébrase a sesión máis crispada do que vai de lexislatura. O PP e os partidos da oposición cruzan todo tipo de descalificacións. .......... Xoves 19 de decembro Na madrugada, un camión do exército de terra que participa nas tarefas de limpeza é incendiado en Carnota. Máis tarde, atopan na sé do PP en Sanxenxo, un explosivo caseiro. Visita relampo da ministra de Sanidade, Ana Pastor, a Galicia. Vén a dicir que os productos galegos que chegan ao mercado pasan todos os controles. Unhas 100.000 persoas maniféstanse en Madrid, para esixir responsabilidades políticas. As protestas repítense en varias cidades: Córdoba, Cádiz, Albacete... .......... Mércores 18 de decembro Os ventos benefician de novo ás Rías Baixas, en detrimento da castigada Costa da Morte. As sucesivas oleadas de fuel acadan o metro de espesor nalgunhas praias. Aznar reúnese en Estados Unidos con George W.Bush. O presidente norteamericano pronuncia en español a frase ‘Nunca Más’, como mostra pública da súa disposición a colaborar a paliar o desastre. As organizacións de estudiantes CAE e CAF convocan un paro xeral no ensino. A manifestación é reprimida na Coruña cunha carga policial, na que reciben porrazos ata os xornalistas. Cascos insinúa que os patróns en folga de fame traballan pouco. As declaracións do ministro de Fomento indignan aos mariñeiros afectados. .......... Martes 17 de decembro Felipe de Borbón reúnese na Coruña con Fraga e coas Caixas galegas para falar da recuperación da costa galega. En Vigo, agardan aos dous persoeiros un milleiro de persoas, que piden a demisión do presidente da Xunta mentres este inaugura co Borbón o Marco. Tras a marcha do Príncipe, prodúcense duros enfrontamentos entre manifestantes e policía con resultado de varias persoas feridas. Os patróns maiores do Grove, Cangas, Francisco Iglesias e Pablo Villar, respectivamente, inician unha folga de fame para reclamar medios cos que combater a marea negra. Súmase á protesta o patrón da Pobra, Manuel Maneiro. Os sicólogos galegos recomendan que non se suspendan os actos festivos do Nadal. .......... Luns 16 de decembro O príncipe Felipe, herdeiro da Coroa española, inicia unha xira polas Rías Baixas, acompañado de Fraga, o conselleiro de Pesca López Veiga, o ministro de Medio Ambiente, Jaume Matas e o delegado do Goberno, Arsenio Ferández de Mesa. A comitiva soporta apupos en Portonovo, Aguiño e Ons. Felipe de Borbón, pola contra, recibe máis mostras de cariño cá insultos. Como prometera Aznar, o Fidac (Fondo Internacional de Indemnización de Danos producidos pola contaminación de Hidrocarburos) abre unha oficina na Coruña para que os afectados reclamen as axudas. As dependencias non dispoñen nin de mobiliario nin de impresos. .......... Domingo 15 de decembro Esta vez visita Galicia Álvarez Cascos, ministro de Fomento. A única responsabilidade que asume é 'non ser profeta para saber que o Prestige ía rebentar nas costas galegas'. Os mariñeiros das Rías de Pontevedra e Vigo libran unha nova batalla contra o fuel. Unhas 12.000 persoas maniféstanse en Barcelona convocadas pola Plataforma Nunca Máis. Tragsa, a empresa pública contratada para limpar as praias, ocupa o centro da polémica. Os voluntarios non ven con bos ollos que lles estean a pagar a algúns operarios por limpar, mentras eles colaboran desinteresadamente .......... Sábado 14 de decembro Jose María Aznar chega á Coruña nunha visita non anunciada oficialmente e rodeado dun forte dispositivo policial. O presidente do Goberno pide disculpas 'por se os medios non chegaron a tempo a todos os lugares' e de volta a Madrid sobrevoa as Cíes e a zona de afundimento do Prestige. A Costa da Morte continúa a recibir chapapote e voluntarios. O temporal impide a limpeza por mar. .......... Venres 13 de decembro Os líderes da Unión Europea reúnense en Copenhague. Na axenda do cumio está a discusión das axudas aos mariñeiros galegos. Os Quince só ofrecen cinco millóns de euros adicionais, ademais dos fondos xa destinados a España. Tampouco se adopta ningunha medida en materia de seguridade marítima. Aznar amósase satisfeito. Mentres, as rías galegas prepáranse para afrontar a terceira marea negra. A ría de Arousa permanece limpa. .......... Xoves 12 de decembro Debate das mocións de censura presentadas polo PSOE e o BNG contra o equipo de goberno de Fraga, con maioría absoluta no Parlamento de Galicia. Segundo os datos de Medio Ambiente, ata o momento recolléronse case 25.000 toneladas de residuos do mar e das praias. .......... Mércores 11 de decembro Unha nova marea invade as rías de Vigo e Pontevedra. A Plataforma Nunca Máis convoca novas protestas en diferentes cidades galegas. A resposta social continúa a ser unánime: 150.000 persoas en Vigo; 40.000 en Pontevedra; 15.000 manifestantes en Compostela; outros tantos, en Ourense; 5.000 persoas na Coruña; tamén saen á rúa en Lugo, Ferrol, Vilagarcía, Viveiro, Ribadeo, Vilalba, Carballo, Ribadavia, O Carballiño... .......... Martes 10 de decembro Novos datos sobre o petroleiro afundido: ten 14 fendas e verque ao día 125 toneladas de fuel. O Goberno pide a colaboración dos mariñeiros para frear novas oleadas de chapapote. TVE emite pola noite, en horario de máxima audiencia, unha especie de gala benéfica para recadar fondos para os galegos, 'Todos Somos Galicia'. Presenta Pedro Ruíz, que elude as opinións críticas e dá a imaxe dunha Galicia tópica, chea de choróns. .......... Luns 9 de decembro Os primeiros afectados pola marea negra, mariscadores, mariñeiros e armadores, comezan a cobrar as axudas da Administración. Máis de 5.000 militares das Forzas Armadas substitúen aos voluntarios no litoral galego. O presidente do Goberno, José María Aznar, e o da Xunta, Manuel Fraga, aparecen pola noite en TVE e na TVG respectivamente. En senllas entrevistas en directo defenden a actuación do Executivo na crise do Prestige. .......... Domingo 8 de decembro Un milleiro de persoas piden a demisión de Fraga ás portas do seu chalé en Perbes (concello de Miño), en resposta á convocatoria de Plataforma Nunca Máis. O poeta Manuel María le o manifesto. Os gobernos francés e portugués prepáranse por se o fuel chega ás súas costas. Algunhas das praias de Ons que xa foran limpadas polos voluntarios volven contaminarse ao impactar unha nova marea negra. .......... Sábado 7 de decembro A popa do Prestige tamén verque fuel, segundo revela unha nova inmersión do Nautile. Auguran novas mareas negras sobre a costa galega. As labores do voluntariado, a maioría estudiantes, continúan durante toda a fin de semana. .......... Venres 6 de decembro Case 20.000 persoas acuden a Compostela par participar na Marea Gaiteira convocada pola plataforma contra a Burla Negra. A ponte da Constitución trae 10.000 voluntarios a Galicia para axudar na limpeza das praias. Sucédense as mostras de solidariedade cos galegos. Calculan que o Prestige solta ao día 40 toneladas de fuel. Asturias, Cantabria e País Vasco localizan pegotes de hidrocarburos nos seus areais. .......... Xoves 5 de decembro Difúndense as imaxes gravadas polo Nautile. A proa do Prestige perde fuel por catro buracos. Na superficie, aprécianse xa dúas grandes manchas de crú, a un 240 quilómetros da costa galega. Fraga pide perdón por se houbo 'algunha falta' na crise do Prestige. Mentres, o consumo de mexillón cae nun 80 por cento, a pesares de que a maioría das bateas non sufriron danos polo verquido. .......... Mércores 4 de decembro A marea negra castiga o Parque Natural das Illas Atlánticas, Cíes, Ons e Sálvora, e acada a costa do Grove e de Oia. Os mariñeiros das Rías Baixas protagonizan unha loita titánica para evitar o avance do fuel, armados cos seus aparellos de pesca. Os homes apañan o chapapote no mar e as mulleres bótanse ás praias e aos peiraos. A falta de medios apropiados para combater a contaminación é evidente. As imaxes dan a volta ao mundo. O Goberno admite que o petroleiro continúa perdendo fuel. Rajoy califica o verquido de 'pequenos fiiños con aspecto de plastilina'. .......... Martes 3 de decembro Unha flota de barcos bateeiros da Arousa desplázase á boca da ría para recoller o fuel aboiado e impedir que se adentre na ría. O batiscafo francés Nautile mergúllase na zona de afundimento do Prestige para examinar o estado do petroleiro. Rajoy asegura que o buque non perde fuel. .......... Luns 2 de decembro O rei visita Muxía acompañado do ministro voceiro Mariano Rajoy e do presidente da Xunta, Manuel Fraga. O monarca español reúnese co patrón maior e a súa xente, conversa cos voluntarios de limpeza e sobrevoa a Costa da Morte en helicóptero. Unha mancha formada por pequenos ‘pegotes’ de fuel entra na boca da ría de Arousa, alarmando aos veciños da comarca. O chapapote está a 10 millas de Sálvora e acada ás terras de Aguiño. .......... Domingo 1 de decembro Multitudinaria manifestación en Compostela, sen precedentes en Galicia. Máis de 200.000 persoas invaden a capital galega, baixo unha constante chuvia, para berrar indignadas ‘Nunca Máis’. Os manifestantes piden a berros demisións e medidas de salvamento, coa presencia de líderes políticos como Zapatero, Mendiluce ou Llamazares. Le o manifesto no Obradoiro Manuel Rivas. Pola noitiña, o fuel contamina praias que permanecían libres de contaminación, en Valdoviño e Cariño. .......... Sábado 30 de novembro Unha segunda marea negra de 11.000 toneladas de fuel, verquidas cando o Prestige partiu, avanza unha vez máis cara a Costa da Morte. O petróleo afecta a Fisterra e a Muxía, entre outras zonas. Mentres, o presidente da Xunta, Manuel Fraga, participa nunha xornadas gastronómicas en Guimaraes, onde alaba o bacallao portugués. .......... Venres 29 de novembro A principal mancha verquida polo Prestige atópase a 60 quilómetros da costa galega. O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, advirte que Galicia debe prepararse para o peor’. A Axencia de Investigación Internacional do Cancro anuncia que a carga que transportaba o Prestige é canceríxena. Le Cedre, o organismo que en Francia xestiona os accidentes marítimos, xa advertira nos últimos días que os compoñentes do fuel eran especialmente contaminantes, o que facía difícil o seu tratamento. Pola súa parte, o Director Xeral de Saúde Pública, Manuel Barral, lanza unha mensaxe de tranquilidade aos operarios de limpeza. .......... Xoves 28 de novembro Aznar anuncia desde Roma a visita do rei ás zonas afectadas. Juan Carlos I estará na Costa da Morte o luns 2 de novembro, acompañado de Fraga e Rajoy. No tramo de costa entre Ferrol e Ribeira hai 141 praias contaminadas polo hidrocarburo. Máis de 3.000 persoas maniféstanse en Muxía, convocadas pola Plataforma contra a Burla Negra. Na marcha participan voluntarios europeos desplazados á Costa da Morte para colaborar na recuperación do litoral. Os expertos advirten que unha gran mancha de 11.000 toneladas de fuel avanza cara a costa galega, con alto risco de acadar as praias na vindeira fin de semana. A xunta elabora un plan de protección para as rías de Arousa e Muros-Noia. .......... Mércores 27 de novembro O Partido Popular rexeita no Congreso dos Deputados unha iniciativa do BNG para instar á Unión Europea a declarar Galicia como unha rexión 'altamente dependente da pesca'. Uxía Senlle e Manuel Rivas presentan no Centro Galego de Madrid a Plataforma 'Nunca máis', un novo colectivo xurdido a raíz do desastre do Prestige. Demandan mecanismos de protección e piden que Galicia sexa declarada zona catastrófica, ao tempo que chaman á cidadanía a manifestarse o 1 de decembro. Francia contradi a España e insiste en que o petroleiro afundido continúa soltando fuel. Os servicios de limpeza retiraron xa das praias galegas 2.100 toneladas de residuos. .......... Martes 26 de novembro En resposta ás críticas da oposición, Manuel Fraga declara que non vai dimitir: 'non o querería o pobo galego, que me deu o seu voto en catro ocasións'. Paradoxalmente, Fraga asume ao mesmo tempo 'todas as responsabilidades' no asunto do Prestige, onde segundo el, 'todo vai como a seda'. O presidente do Executivo galego afirma que 'terán que ter máis puntería para cazarme'. Á tardiña, remata en Málaga o XV Cumio hispano-francés. O presidente do Goberno, José María Aznar, e o seu homólogo galo, Jacques Chirac, anuncian que expulsarán os petroleiros considerados ‘perigosos’ das zonas económicas exclusivas de España e Francia. Mentras, un vello buque con bandeira de conveniencia entraba no porto da Coruña. A Plataforma contra a Burla Negra péchase na Casa de Cultura de Laxe. Participan, entre outros, Miguel de Lira e Carlos Blanco, actores da serie da TVG, 'Mareas Vivas'. Por outra banda, colectivos cidadáns de Barcelona convocan unha nova manifestación na cidade condal para o 1 de decembro. .......... Luns 25 de novembro O fuel chega a Asturias. Detectan manchas a 40 millas ao norte de Tapia de Casariego. As autoridades non se poñen de acordo: uns din que proceden do Prestige e outros afirman que foron verquidas por outros buques, durante a limpeza dos tanques. A Cadena Ser desvela que o presidente da Xunta, Manuel Fraga e os conselleiros de Medio Ambiente e Obras Públicas, Carlos del Álamo e Xosé Cuiña, respectivamente, estiveron de cacería en Aranjuez o 17 de novembro, en plena crise do Prestige. Fraga califica a noticia de 'patraña'. No serán, constitúese en Santiago a Plataforma contra a Burla Negra, un colectivo de xentes da cultura que pretende esixir responsabilidades políticas e demandar máis medidas de seguridade. .......... Domingo 24 de novembro Os socialistas galegos anuncian a segunda moción de censura contra Fraga, pola 'desastrosa' xestión do caso Prestige. Pola súa parte, Beiras pide a demisión de Fraga. Nove alcaldes dos principais concellos da Rias Baixas fan un chamamento a toda a cidadanía galega para esixir medidas lexislativas de prevención e salvamento marítimo. A Consellería de Pesca prohibe as actividades pesqueiras e marisqueiras na liña de costa desde Cedeira ata Ribeira. .......... Sábado 23 de novembro A mancha de fuel mide 551 quilómetros cadrados, catro veces a ría de Vigo. Mariano Rajoy asegura que foron recollidas 900 toneladas de combustible e adianta máis medios para a limpeza da costa. Rajoy di que non podemos falar de 'marea negra' e insiste en que non vai chegar ás Rías Baixas. Mentres, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa convoca unha concentración na Illa de Arousa, para demandarlle á Xunta máis medios de protección. Acuden ao concello insular o líder nacionalista Xosé Manuel Beiras e o secretario xeral dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño. Centos de voluntarios acuden a Malpica, Muxía e Ferrol para colaborar na retirada de fuel das praias. .......... Venres 22 de novembro A Xunta e o Goberno central rexeitan as teses portuguesas. O vicepresidente, Mariano Rajoy, nega a existencia de novas manchas e asegura que os seus informes técnicos indican que o fuel almacenado no fondo acabará solidificándose. Choven as críticas por todas partes. O presidente do Goberno, José María Aznar defende a actuación do Executivo, afirmando que respostou 'con dilixencia e coordinación' no naufraxio do Prestige. .......... Xoves 21 de novembro O presidente da Xunta, Manuel Fraga, rompe o seu silencio e desprázase a Caión (concello de Laracha) e anuncia unha dotación de 60 millóns de euros para limpar o litoral. A marea negra chega ás praias de Ferrol, afectando a Doniños e Cobas, e ameaza agora á baía coruñesa. A plataforma Nunca Máis, constituída para a ocasión, convoca unha gran mobilización de protesta para o 1 de decembro, en Santiago de Compostela. O Instituto Hidrográfico portugués detecta na zona do afundimento do Prestige as primeiras bolsas de fuel. .......... Mércores 20 de novembro Un forte temporal arrecia Galicia. O tramo afectado pola marea negra supera xa os 300 quilómetros de costa. Segundo a Delegación do Goberno, ás 14 horas cuantificáranse tres manchas: unha de 15,7 kilómetros de longo por 5 de ancho na zona onde afundiu o buque; outra formada por ‘pequenas manchas’ a uns 120 kilómetros de Muros, e a última a unha distancia similar de Fisterra, duns 20 kilómetros de longo e catro de ancho. Catro horas despois, as manchas multiplicáranse. A petición do BNG, o Congreso dos Deputados aproba por unanimidade unha proposición non de lei na que se recollen as axudas económicas aos mariñeiros galegos afectados polos verquidos O goberno central entra en acción. O Ministro de Medio Ambiente, Jaume Matas, visita a praia de Barrañán (Arteixo) e valora as perdas en 42 millóns de euros. .......... Martes 19 de novembro Cúmprense os agoiros. O Prestige parte en dous ás oito da mañá; a popa comeza a afundir ás 11.45 horas e ás 16.30 h, o Prestige desaparece definitivamente baixo as augas, a unhas 133 millas das illas Cíes. O barco solta 4.000 toneladas de fuel máis. A marea negra navega cara os parques naturais das Cíes e de Corrubedo. A tensión comeza a medrar no seo das confradías das Rías Baixas, que se queixan da falta de medios preventivos. .......... Luns 18 de novembro O Prestige entra en zona de salvamento portuguesa, a unhas 120 millas ao oeste das Cíes. O goberno luso prohíbelle atracar nun dos seus portos e a prensa do país ataca ás autoridades españolas, acusándoas de 'incompetencia'. Ante a evidencia da catástrofe, a Consellería de Pesca anuncia axudas inmediatas para os mariñeiros afectados: 30 euros diarios, en pagamentos quincenais. O concello da Coruña e as confradías denuncian ao capitán, Apostolos Mangouras, por delicto ecolóxico e desobediencia ás autoridades. As manchas de fuel chegan á boca das rías de Muros e Noia e ameazan á ría de Arousa. .......... Domingo 17 de novembro Localizan unha nova fenda do buque, que se atopa a unhas 72,5 millas de Fisterra, a 83 de Cabo Vilán, a 74 de Touriñán e a 81 de Corrubedo. O porto de Sorrizo e a praia de Barrañán, en Arteixo, amencen ensuxados polo petróleo. O concello coruñés atópase en alerta máxima. A organización ecoloxista SEO/BirdLife percorre a Costa da Morte nesta fin de semana e contabiliza 250 paxaros manchados de petróleo de 18 especies diferentes. .......... Sábado 16 de novembro A marea negra chega ás praias da Costa da Morte, contaminando 150 quilómetros de litoral coruñés. Camariñas, Corme, Laxe, Baldaio, e en especial, Malpica, Roncudo e Cabo Touriñán, son as zonas máis afectadas polo verquido. O tempo non acompaña. No canto de alonxarse, o petroleiro teima en achegarse perigosamente á costa galega. O delegado do Goberno en Galicia, Arsenio Fernández de Mesa, afirma que 'non hai perigo inminente de que o barco parta'. .......... Venres 15 de novembro As vibracións dos motores producen unha fenda de 40 metros no casco e obrigan a paralizar o remolcado do barco. Hai risco de que parta en dous. O capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas son evacuados. Xa en terra, Mangouras é arrestado pola Policía española, acusado de desobediencia ás autoridades e dun delicto ecolóxico. A Xunta minimiza as posibilidades de sufrir unha marea negra. Segundo o Conselleiro de Pesca, López Veiga, o risco de que o petróleo chegue á costa galega 'non é moi alto'. .......... Xoves 14 de novembro Os servicios de rescate logran remolcar o petroleiro, con bandeira de conveniencia das Bahamas, e forzan ao capitán a acender de novo os motores do barco para alonxalo de terra. Logran desprazalo 61 millas da costa. O obxectivo é situalo a 120 millas. No mar quedan aboiando 3.000 toneladas de fuel. O delegado do goberno en Galicia, Arsenio Fernández de Mesa, asume a comparecencia ante os medios de comunicación. De acordo coas declaracións de De Mesa, 'non se prevé que a mancha aumente'. .......... Mércores 13 de novembro de 2002 O pretroleiro Prestige, cargado con 77.000 toneladas de fuel, segundo cifras oficiais, sufre unha vía de auga a 28 millas do Cabo Fisterra e navega á deriva. O capitán, Apostolos Mangouras, lanza un SOS ás tres e cuarto da tarde. A maioría da tripulación é rescatada unha hora máis tarde, mentres permanece no buque o capitán grego e dous mariñeiros. Mangouras négase durante horas a que as autoridades españolas remolquen o buque cara fóra. O temporal ralentiza as labores de rescate, que se prolongan ata as doce da noite. .......... |
![]() 16/11/2003. Cartel da manifestación de aniversario. ![]() 15/08/2003. Voluntarios na praia de Lariño (Carnota). ![]() 17/06/2003. Carpa de Burla Negra en Muxía. ![]() 14/06/2003. Manifestación en Bruxelas con Manu Chao. ![]() 20/4/2003. Comeza a Volta a Galicia organizada por Nunca Máis. ![]() 23/2/2003. Manifestación de Nunca Máis na Porta do Sol (Madrid). ![]() 7/2/2003. Mangouras á saída do cárcere. ![]() 1/2/2003. Cartel do Concerto Expansivo. ![]() 22/1/2003. Cadea humana. ![]() 6/1/2003. Marea sonora en Vigo. ![]() 28/12/2002. Man, o alemán de Camelle. ![]() 22/12/2002. Os patróns maiores en folga. ![]() 16/12/2002. O príncipe comendo un mexillón en Portonovo. ![]() 11/12/2002. Imaxes submarinas do Nautile. ![]() 7/12/2002. Os voluntarios invaden Galicia. ![]() 4/12/2002. As Rías Baixas contra o chapapote. ![]() 1/12/2002. Manifestación en Compostela. ![]() 27/11/2002. Limpeza en Caión. ![]() 25/11/2002. Constitución de Burla Negra. ![]() 23/11/2002. Praia de Barrañán. ![]() 19/11/2002. O petroleiro afundindo. ![]() 14/11/2002. O Prestige antes de partir. |
|
Especial: A negra sombra do Prestige |
||